miércoles, 4 de noviembre de 2009

Loanza da inxustiza

Xa logo se cumprirá o quinto centenario da edición dunha obra senlleira, malia a súa escuridade: o Morias Enkomion -Μωρίας Εγκώμιον- seu Stultitiae Laus do humanista e crente crítico Erasmo de Rotterdam. Será en 2011. Louvemos tamén nós a parvice, a estulticia e a inxustiza, aínda que sexa ao xeito dunha dorida ironía.

Louvemos a xustiza inmensa dos paraísos fiscais. Agora os grandes economistas alternativos -un tal Montoro, do PP español, poño por caso-discorren coma así: os impostos deben someterse ao principio da concorrencia económica internacional, polo que está moi mal subírllelos aos grandes futbolistas estranxeiros en España, xa que porá en perigo a concorrencia da actividade económico-futbolística do país. De onde se propugna seguir coa ata aquí vixente Lei Beckham, que lles permite tributar unha porcentaxe dos seus ingresos inferior á que se nos aplica a aqueles que ingresamos máis de trinta mil euros ao ano. Que importa a inxustiza se aseguramos a concorrencia? É que, se non, vánsenos domiciliar en Andorra -argumentaba outro sabio moralista. Ou en Portugal, digo eu. Ou en Malta, en Marrocos... Así que louvemos a excepción e a inxustiza, a prol da conveniencia dos comenenciudos!

Louvemos a lei xustísima do silencio. Agora está prohibido denunciar a corrupción dun conmilitón político, no nome da lealdade será, supoño eu. Ou no nome, máis ben, do grande obxectivo de enganar e levar ao rego toda a auga que corra, quere dicir, os ánimos e os votos dos incautos cidadáns e cidadás! Para que? Para seguir gobernando a cousa pública de forma escura e segreda, por medio de tramas corruptas coma a do Gürtel se for preciso, polo menos mentres se mantiveren ocultas, que é o que importa. Onde desapareza unha, outra aparecerá; xa se verá. Ao tempo nos encomendo! Non é preciso ter o don de profecía para tal cousa agoirar.

Louvemos a estulticia, o segredo, o silencio, a inconsciencia, a ignorancia, a inxustiza... Eis os grandes valores sobre os que asenta o valor supremo e cúspide, isto é, a concorrencia internacional e interna, ou o que vén sendo o mesmo, o enriquecemento dos que máis teñen e o empobrecemento dos menos afortunados. Eis a verea recta contra un porvir glorioso.

No hay comentarios: