domingo, 22 de noviembre de 2009

A responsabilidade dos climato-escépticos


O derretemento dos xeos terrestres pódelle custar á humanidade dez veces máis do que lle está custando superar a crise financeira. Segundo un recente estudo científico publicado onte* por WWF (World Wide Fund for Nature) e a aseguradora Allianz, estamos a piques de que tamén aquí se faga realidade a noción intuitiva de que un cambio pequeno pode carrexar detrás súa grandes diferenzas. O sector asegurador está atento ás previsións e anda botando con tino as súas contas. O estudo vai devullando os custos previsíbeis desas consecuencias en distintas zonas do planeta; por exemplo, os dos efectos do aumento do nivel dos océanos (en forma de inundacións, tornados, etc.) sobre unhas centro trinta cidades costeiras, de aquí a corenta anos. Calcúlanse eses gastos nuns 28 billóns de dólares, case 19 billóns de euros. Os custos da actual crise financeira mundial avalíase arredor de 2 billóns de euros nos dous anos que leva.

Os danos do efecto invernadoiro son xa en boa parte inevitábeis. Máis do que en tornalos, pénsase no modo de os afrontar, mesmo no de lles ir pondo remedio desde agora, sen esperar á gran pancada. Por exemplo, proponse non construír en cotas moi próximas ao nivel do mar, ir trasladando desde agora contra cotas máis altas a poboación das zonas baixas do litoral, construír diques onde for posíbel e rendíbel... Secomasí, a medida máis razoábel e necesaria sería a de, durante uns anos -entre cinco e dez-, deter en todas partes o crecemento mundial de emisións de gases de efecto invernadoiro, para despois dese tempo os ir facendo diminuír progresivamente. Cóidase que só así se poderán escorrentar as enormes catástrofes que, de continuarmos polo rumbo que levamos, sobrevirán a máis longo prazo.

Dentro duns poucos días terá lugar en Copenhague a conferencia da ONU sobre o clima. Deberían nela tomarse decisións que supuxesen un importante paso adiante verbo do acordado na de Kyoto. Porén semella que apenas se avanzará nada. Estados Unidos e China polo de agora seica non están moi dispostos a temperaren as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Europa, en xeral, acode cunha actitude máis xeitosa. Os países en desenvolvemento, pola súa parte, necesitan, para deteren e logo reduciren as súas emisións, que se lles axude económica e tecnicamente a fin de que a súa colaboración non repercuta moi negativamente no seu progreso. Segundo algunhas avaliacións, non sería sobexo o custo mundial desa política de detemento e logo redución das emisións nocivas; calcúlase nun billón de euros ao ano durante un decenio, ou sexa, máis ou menos o mesmo que nos custou facer fronte á crise financeira, e un dez por cento, aproximadamente, do que o mundo dedica cada ano a gastos militares.

Os científicos e as organizacións ecoloxistas e humanitarias ven claro que por aí hai que ir. Da outra banda hai grandes intereses en xogo. Desde moitos recantos xorden voces que poñen en dúbida as análises e previsións dos científicos. Son voces, tamén elas, interesadas. Ou ben pagadas. Semellantes a aquelas que, non tantos anos para atrás, negaban ou discutían os efectos nocivos do tabaco verbo da saúde e a vida. Xorden tamén estas voces entre os políticos, dos que á fin e ao cabo, dependen as decisións precisas. Entre os políticos españois, hai un ben empoleirado que non moi remotamente se declaraba escéptico neste asunto, encostado na autoridade dun curmán seu, profesor de Física. As catástrofes que os nosos netos pagarán co seu diñeiro, a súa saúde ou a súa vida, a historia lles dirá a quen llas deben. A todos nós, que estamos tirando máis ou menos proveito da desfeita da natureza nai, sen coidármonos dos que veñan detrás. Mais deberanllas, en maior modo, aos nosos políticos e a eses climato-escépticos ou interesados negadores do quecemento climático, por seren eles quen disuaden os políticos de faceren sobre o caso o que é debido, ou polo menos lles ofrecen escusas para pecharen ollos e ouvidos ante as graves doenzas do planeta.

Os que os vemos seguiren tan tranquilos perante o maior reto deste século, temos abondas razóns para deles desconfiarmos e da súa verborrea populista, coma esa de cando a boca se lles enche queixándose dos sufrimentos dos desempregados e demais vítimas da crise económica. Pouca cousa será esta, comparada coa apocalipse que ameaza esmagar a humanidade de resultas do desarranxamento climático!


Nota:

* Onte quere dicir o 23 de novembro. Esta parte do artigo foi redactada o día 24.

No hay comentarios: