sábado, 28 de febrero de 2009

A noxenta verdade política

A verdade social non se descobre, constrúese.

Así pensan, ou consonte a ese pensamento falan e fan, moitos políticos e algúns outros que, sen o seren profesionalmente, a eles se conforman para levaren a auga da opinión pública ao rego dos seus intereses. Constrúese esa verdade con produtos do maxín desvariado e desvariante duns poucos, xa que a maioría nin capacidade teñen para construír cousa de mérito. Por iso, despois de escoitares un político falar sobre un tema, escusas de escoitar a un compañeiro seu falar do mesmo. Repetirá, sen variación substancial nin substanciosa, o que dixo o outro.

Un único resultado buscan: que a grande masa popular, ou aquela parte dela máis proclive á súa ideoloxía, máis cedo ou máis tarde trague o engado para a poderen levar, turrando e puxando, ao seu cesto.

A verdade onde nos queren facer picar, está feita de falsidades obxectivas. Ese é o nome, na maior parte dos casos. Podería alguén coidar, ás veces, que non chega a haber falsidades subxectivas, senón obcecacións debidas á ignorancia do suxeito, á súa deficiente percepción da realidade, á influencia fatal da súa ideoloxía, ao pouco rigor lóxico do seu pensamento, mesmo á súa estulticia. Porén non é cousa de os desculparmos tan doadamente. Unha desas explicacións valería verbo dunha soa persoa, dun pequeno grupo homoxéneo ou dalgunha grande secta de secuaces irracionais dun xefe.

Un partido político debe ser cousa ben diferente dunha secta. Nin lle debemos consentir ser unha máquina de crear verdades a por de falsidades repetidas. Como é nisto no que, máis uns ca outros, se están convertendo, cómpre andar con moito tino perante eles. O difícil do caso é que son necesarios: un mal menor. Peor é o partido único. Sen polo menos este, non hai xeito de organizar a convivencia baixo unha certa supremacía do dereito. Podéndomos escoller o que entre varios nos semella menos ruín, o corpo social ten unha cativa posibilidade de non tragar ningún dos respectivos engados. Do que a colectividade non se vai librar é da aparencia de que, en cada elección, pica no anzol armado polo partido gañador.

Que lástima! Xa que nos achamos ante algo inevitábel, cómpre o xurdimento de moita xente crítica, consciente desa miseria coa que temos que vivir. E cómpre por riba que esas persoas conxunten, de múltiples maneiras, esforzos e accións coa finalidade de obrigarmos os políticos a se dedicaren ao seu oficio, que é rexer o funcionamento dos servizos públicos, vedándolles o seu empeño en nos conduciren polo morro a unha cosmovisión ideoloxizada e a unha filosofía pobre e plana da vida. Nin en por eles nin valéndose de certos medios de comunicación social.

Esta é outra! A desvergoña máis noxenta fixou a súa residencia na galaxia mediática. A verdade para moitos ou non existe ou se reduce a un produto de seu, a un construto ergueito sobre múltiples falsidades presentadas "sub specie veritatis"cando non so a aparencia de pescudas e laboriosas investigacións periodísticas. E, que casualidade!, decote esa verdade "inventada" coincide coa promulgada e pregoada por un partido político.