sábado, 17 de octubre de 2009

A difícil cuestión do aborto

Hai uns trinta anos tiven ocasión de vivir de preto a difícil cuestión do aborto. Nunha familia coa que mantiña daquela unha relación de íntima amizade, unha persoa resultou estar embarazada fóra dos seus planos e dos da familia. Deunos a noticia o mesmo día en que, axudada economicamente polo partenaire, que non lle era marido nin noivo e tamén temía o embarazo,
tardaría apenas seis horas en saír para Londres, nunha de cuxas clínicas obtivera cita para abortar. Unha semana despois estaba de novo entre nós como se nada pasase. Os pais da muller eran católicos tradicionais, dos de adoración nocturna, apostolado da oración, nove primeiros venres e grande consolación ao ver entrar o Generalísimo nas igrexas baixo palio. Souberon o caso do embarazo e aborto da filla ao mesmo tempo ca min e outros próximos á familia. Non a condenaron! Non a denunciaron! Puideron facelo; se cadra hoxe estarían, se vivisen, na masiva e dereitosa manifestación antiabortista de Madrid. Cousas da vida!

http://www.lemonde.fr/europe/article/2009/10/17/l-eglise-et-la-droite-espagnole-mobilisees-contre-l-avortement_1255396_3214.html#ens_id=1254860

http://www.lemonde.fr/europe/portfolio/2009/10/17/maree-conservatrice-a-madrid_1255406_3214.html#ens_id=1254860

lunes, 12 de octubre de 2009

A corrupción das masas

Estes días pasados deron moito que falar os datos de varias enquisas sobre intención de voto en España e na Comunidade Valenciana, porque nelas se vía que a máis que evidente e fonda corrupción que afecta ao PP, ao parecer non lles pasa factura ningunha, senón máis ben todo o contrario. Como, de por parte, xa se comprobou nas pasadas eleccións autonómicas de Galiza e nas do parlamento europeo. O paradoxo é máis ben aparente. Hai tempo que se leva comprobado como a corrupción dos ricos e dos partidos que defenden os intereses destes, non torna grandemente a afluencia do voto popular a prol deles, contrariamente ao que tende a suceder cando a corrupción se aloxa, ou tal parece, nos partidos da esquerda. Cales son as causas desta dobre vara de medir? A moi antiga do servilismo de grande parte do pobo, que pon os seus ollos nos que máis teñen, esperando deles beneficios e protección, coidando que protexe e fai ben quen pode e non quen quere e non pode. A máis nova causa está en que a pillería e a corrupción se espallaron polo corpo social e nel fixeron a súa morada natural. É, pois logo, natural que os corruptos elixan os corruptos; os aproveitados, os máis aproveitados ca eles; os pillos, aqueloutros que salientan como superpillos. Nesta feira da pillería e a corrupción, pódelles tocar algo en sorte. Polo visto, trátase dunha tendencia que se impón. Encolo aquí un texto publicado en A Nosa Terra, da autoría de Ramón Lugrís.

ANÁLISE SOBRE POLÍTICA
Democracia moderna, prosperidade antes ca liberdade


Ramón Lugrís . Dous recentes libros analizan o distanciamento do concepto actual de democracia dos valores de liberdade, igualdade e fraternidade e a súa relación co desenvolvemento económico.
12.10.2009 09:52


http://www.anosaterra.org/nova/35591/democracia-moderna-prosperidade-antes-ca-liberdade.html

Case simultaneamente veñen de saír do prelo na Gran Bretaña dous libros que falan, un, dos perigos que ameazan á democracia e, o outro, dos perigos que a democracia pode comportar. O primeiro deles, Democracia á venda: Cómo fixemos diñeiro e perdemos a nosa liberdade , de John Kampfner, parte da consideración de que Karl Marx estaba errado: o opio do pobo non é a relixión, é o capitalismo. Dádelle ao pobo oportunidade para “ir de tendas” e esquecerá aquela trindade de “liberdade, igualdade, fraternidade”. E mentres o pobo comunga nos centros comerciais, a clase gobernante fai o que lle peta, e faino co consentimento do pobo, que valora máis a prosperidade que a liberdade. O paradigma, para Kampfner, é a cidade-Estado de Singapur –onde el naceu– que hai moito tempo xa quedara marcada co alcume de “fascismo con rostro humano” (en referencia irónica ao malogrado “socialismo con rostro humano” da Checoslovaquia de Alexander Dubcek). Cita outros casos de “paraísos do consumidor”, como son Abu Dhabi, Dubai ou Doha, a capital de Qatar onde até hai liberdade de prensa (exemplo, a televisión de Al Jazeera), sempre que non se critique o goberno do emirato.

Kampfner é un veterano xornalista, correspondente en moitos lugares do mundo, como tamén é xornalista (longo tempo corresponsal da BBC) Humphrey Hawksley, autor do outro libro que estamos a reseñar, A democracia mata.

O título recolle a opinión dun cidadán dun emirato do golfo Pérsico, que salientaba as vantaxes do autoritarismo benévolo, comparando os réximes daquela rexión coa situación en moitos países de África ou do sueste asiático que teñen réximes formalmente democráticos.

Hawksley ten sona ben merecida de correspondente “incómodo” por revelar non só as miserias materiais dos desfavorecidos, en calquera lugar do mundo, senón principalmente as miserias morais dos que teñen a responsabilidade en que se encontran aqueles. Parte, por exemplo, da situación de desamparo dun neno inválido nunha remota aldea da India para acusar de desidia, primeiro, as autoridades locais, que non remedian a situación. Pasa logo a denunciar a burocracia estatal, tanto no nivel provincial como no nacional, reclamando a atención dos políticos indios e a dos empresarios e dirixentes occidentais, así como a dos doantes de axuda ao terceiro mundo. E, na súa campaña, chega a un hotel de luxo onde hai unha conferencia sobre o desenvolvemento, e aí provoca unha conmoción ao denunciar directa e publicamente aos participantes na reunión porque o que están a facer non axuda os pobres do mundo.

Exportando réximes

Os dous libros coinciden en consideraren que a democracia necesita de moito tempo para se implantar e resulta moi difícil de administrar. Se o que a xente prefire é tranquilidade e ter a oportunidade de gañar diñeiro, os sistemas autoritarios adquiren un certo grao de lexitimidade democrática. A prosperidade de Singapur, o luxo dos emiratos do Golfo (sempre que non se fale, nese caso, da situación dos traballadores inmigrantes que proceden da India, de Pakistán ou das Filipinas, entre outros lugares), poden ter contentes os cidadáns, que non reclaman máis democracia. Ou tamén os casos de países que pasan dun réxime totalitario duro a outro máis suave: Hu Jintao é mellor do que Mao Zedong, e Vladimir Putin mellor do que Iosif Stalin. A democracia exportada desde Occidente e aplicada pola forza en África, no Oriente Próximo ou en Asia pode, de facto, matar. Como ten matado – e aínda mata – no Iraq. Por moito que o ex presidente do goberno español, José María Aznar, ao presentar non hai moitos días en Londres, un libro do político democristián belga Wilfred Martens, se esforzase por demostrar que, grazas á invasión desencadeada por George W. Bush (coa entusiasta participación de Aznar), o Iraq goza agora dun réxime democrático.

Circula polo mundo unha anécdota, talvez apócrifa, que fala dun iraquí que se laiaba de que a democracia só trouxera para o seu país pobreza, corrupción e atentados suicidas. E dicíanlle: “Xa sabes o que se fala por aí, que hai que tratar ben os norteamericanos porque, do contrario, pódente castigar coa democracia”.