jueves, 29 de abril de 2010

No día das nais

Manteño o comezo do título do artigo que Xaquín Campo Freire me envía. Expresión fonda dun sentimento antigo e duradoiro, cada vez máis íntimo. Denuncia de carencias dos coidados máis elementais, feito por un profesional da sanidade. Cando aprenderemos a ver que, soberbios coma demos, os homes e mulleres dos dous últimos séculos fomos os instrumentos máis eficaces que nunca a humanidade tivo a prol da morte, a irracionalidade e a deshumanización? Antes foron quizais máis brutos. Agora máis ruíns.

NO DÍA DAS NAIS, PARABÉNS

A MOITOS!

Xaquín Campo Freire.- Narón, 28, 04-2010.

Veño de escoitar a noticia: Morreu unha nai en Vigo a pouco de dar a luz. Así de entrada, teño de ser sincero: Non son en absoluto obxectivo neste tema. Miña nai morreu dunha forma algo parecida. Mas iso foi no ano 1944. Nin sequera había penicilina e si moita fame e tamén medos. Por esas datas, o Dr. Fleming viña de descubrir o grande remedio contra das infeccións bacteriolóxicas. Pero xa non había nada que facer. E así o aceptamos con moita coraxe e forza interior. Sabiamos que o futuro ía ser ben cruel connosco. E foino. Pero estamos aquí. Porque o amor e a humanidade que nos mostraron en toda a comunidade rural foi inmenso. Para todos eles, que foron moitos, grazas infindas. Soubestes suplir moitas carencias. Grazas!

Agora, no 2010, cando lemos estes casos, non tan raros, caemos na conta de que non somos deuses. De todos modos, cústanos aceptar e comprender como pode ser que no primeiro mundo morra una muller nos intres de dar a vida. E no terceiro e cuarto mundos? E na miseria, fame e sede? E nas guerras e nas explotacións do mundo da muller? É que elas non son nais coma as nosas e non lles doen os seus fillos? E non choran anticipadamente os seus orfos?

O día da nai celebrámolo con moitos agasallos e moitos parabéns. Con moita festa. Que marabilla! E tamén adicamos un recordo moi fondo e tenro para as que xa nos deixaron definitivamente. Uns poñen ramos, outros crean expresións literarias ou mesmo musicais. Aos que somos crentes a fe préstanos unha forma axeitada de vincularnos dunha maneira viva desde unha presenza espiritual sempre inmorrente. Hai unha esperanza.

O elemento festivo enche o ambiente e é mellor así. Mas no día seguinte e en todos os días do ano non podemos esquecer isto: Dar a vida custa a vida. Tanto se se morre no intento, coma se se vai facendo pouco a pouco. Porque morrer tamén é ver morrer. E ver morrer os fillos é peor que morrer un mesmo. Principalmente cando a morte non ten sentido ou, peor aínda, cando a vida vai por vieiros de morte, desas mortes que non debían ser. Impresionoume, nunha visita ao cárcere, ver os nenos de nais presas que están dentro da prisión. E dixo Curros: “se este é o mundo que Eu fixen ,..." Teño que confesar que chorei. Unha nai nunca debera estar na cadea e os nenos endexamais!

Que bonito é felicitar ás mamás e ás avoas e trasavoas nestes días. Para elas, as miñas e as nosas mellores mostras de cariño e as meirandeS tenruras. De todo sodes merecentes.

Mas, malia que vaia a contracorrente e se me acuse de non seguir a tendencia do pensamento positivo do Dr. Seligman, de quen son un afervoado seguidor, permítaseme que neste día me poña na fila dos que teñen o corazón ferido. Iso non quer dicir que avogue polo pesimismo. Todo o contrario. Só quero salientar ese outro grupo grande de nais de todos nós que queren acoller e recibir unha lembranza sentida e ao mesmo tempo unha promesa de facerlles honor á súa vida entregada, dorosa e dorida, que loitando bravamente pola vida deixaron a vida en nós plantada. De non ser así, de non sumarnos á súa causa, silenciosa e silenciada, mesmo traizoariamos a súa fonda razón de ser nais: Deron a vida para que a vida non esmorecera con elas.

Para vós, nais de todos os tempos e idades, de todas as terras e lugares, para vós, queridas nais, sempre un amor. O que vós nos destes. Para vós un bico e unha pregaria confiada e agradecida. E por cima de todo, respectaremos e defenderemos canto acompañe sempre a maternidade. Sempre de vós

miércoles, 21 de abril de 2010

Voltarei axiña

Ultimamente deixei de alimentar regularmente esta bitácora por varias causas. Entre elas, hai dúas principais. Unha, nos seis meses derradeiros maiormente, está relacionada coa preparación próxima dun libriño sobre a lírica xacobea. Anexo a unha antoloxía temática. Editarase dentro de pouco, dous ou tres meses, entre as monografías de Encrucillada. Outra, de hai máis dun ano, está relacionada coa miña atención ao asedio que neste tempo vén sufrindo a lingua galega, por parte de quen máis a deberían mimar, inxustamente. Sobre este tema, a miña penúltima entrada neste blogue.

Voltarei axiña, coido. O libro estará presto dentro dun mes máis ou menos. Logo teño aí pendentes de redacción un artigo para un libro en colaboración e mais o texto dunha representación. Coido que lles dedicarei outro mes, aproximadamente. A miña atención ás manobras de asedio social e político á nosa lingua éme cada vez menos premente. Xa lle dediquei moito tempo e abondas coitas me ten causado. Penso descansar un chisco desta angueira, aínda sen a perder de vista.

Teño mentes de recuperar xa dúas preocupacións fundamentais desde hai uns anos. Unha é aquela pola que iniciei este blogue, a da crítica da ideoloxía dominante e das súas derivacións e reforzamentos, tantas veces involuntarios e inconscientes, co obxecto de lles contrapor tanto a procura da racionalidade como a supremacía de todos os valores consontes coa irmandade universal humana e a solidariedade co fondo do ser e da vida. É urxente a dedicación a esta angueira. Poucas veces coma arestora estiveron estes valores así de ameazados, en ruína continua e xeralmente inadvertida. Así é máis grave o perigo!

A outra preocupación é a da normalización do corpus da lingua galega, desque este se está derretendo dentro da mestura lingüística do galego no castelán, nun "subilingüismo" témero e ruín do que para a nosa lingua se derivan males maiores aínda do que os causados pola perda de falantes e a interrupción da transmisión interxeneracional. Baixo esta preocupación iniciei hai dous anos o http:/demeublog.blogspot.com, isto é, Lerias sobre a lingua, que polas causas enriba referidas, teño aínda menos atendido do que este.

Dentro de dous meses, se por ben é, voltarei para lles dedicar a entrambos o mellor da miña dedicación e empeño. Entrementres, publicarei neles algo se me lle cadra facelo sen moito gasto de tempo.