ÉNCHESENOS A BOCA FALANDO DE CONCEPCIÓN ARENAL
XAQUIN CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, 26-O7-2013
Se o sistema está podre e non se cambia a
auga dese acuario, desa poza emporcallada, non habería que pensar que os do
cárcere, a maioría deles, non son senón vítimas destes outros sen lei, sen
moral, sen xustiza? A quen nos atreveremos a pór de modelo para esa
rehabilitación e nova socialización que tanto pretendemos? Por exemplo: Foi o
señor Bush modelo de algo?
Vivimos nunha sociedade onde as grandes
institucións ‒banca, partidos, igrexas, Vaticano, IOR, xustiza, exércitos,
políticos, policías, etc‒, aparecen moi corrompidas. Se temos nelas e nos
individuos un grao tan grande de perversión e podremia, roubo e abuso, capaces de
crear unha crise tan xeneralizada e universal como é a actual, a onde poderemos
querer levar a alguén para reinserilo, socializalo de novo, rehabilitalo?
Concepción Arenal no 1893 en “La cuestión
penitenciaria” xa dicía: “... cuando todos los días vuelven a la
sociedad esos hijos que han aprendido en la prisión el mejor modo de herir a su
madre, no se comprende que, ni siquiera por egoísmo, esa sociedad no se ocupe
un poco más de lo que le interesa tanto”. “Dado el estado de una prisión puede
calcularse el del pueblo cuyos criminales encierra”. “Error en las ideas,
injusticia en las leyes, corrupción en las costumbres, dureza en el carácter,
atraso en la instrucción; todo tiene allí sus terribles comprobantes, todo ha
encarnado en seres que han hecho mal y sufren”.
Énchesenos a boca a todos falando agora de
Concepción Arenal. Pero quen está disposto a axudar a un
preso para recomezar un camiño, sabendo que vai ter os seus altos e baixos?
Moitas veces vaise desanimar e volverá caer. Se non ten quen o reciba, nin ten
a onde ir, nin quen lle ofreza onde gañar a vida honradamente, que pode facer?
Estamos dispostos, nestas nosas sociedades da exclusión, a recibir a
alguén que se queira rehabilitar? Dicía ela: “La reincidencia es unas
veces efecto de la maldad, otras de la situación en que se halla el licenciado
de presidio, con tan pocos medios de ganar su subsistencia honradamente, en una
sociedad que no cree en su honradez”.
Sexamos positivos. Na sociedade temos de
ir creando unha conciencia social de cambio na mentalidade común, entre todos,
que se estenda e se vaia concretando por grupos en iniciativas diversas diante
das necesidades. É moito o que xa se fixo nisto. Proba: Hai poucos días
celebrouse en Ferrol o Curso “Gurméndez”: Tantos pensadores e divulgadores con
iniciativas que se van abrindo camiño. Xustiza restaurativa. Penas
alternativas. Traballos a beneficio da comunidade, etc. Casas de acollida.
Permisos. Ofrecen novidade as sentencias para menores do xuíz Emilio Calatayud.
Pensemos sobre todo neses rapaces novos
que nin empezaron a vivir e foron atrapados desde moi mociños nos ámbitos da
transgresión. Con eles, a corrección non é inmediata, vaise adiando. Cando anos
máis tarde chega o xuízo, xa nin lembran os delitos, ou teñen un historial ben
repleto de delincuencia porque pensaron que todo era impune. Outros, tal vez,
xa teñan reorientada a vida. Unha xustiza lenta é inxusta, non é sanante, non é
sanadora. Os delincuentes, a delincuencia como tal, no cárcere é unha minoría
ben pequena. A maioría son desequilibrados, drogadictos, enfermos psíquicos,
sociais e mesmo corporais.
Para que queremos anciáns e vellos no
cárcere, aos que a saúde xa nin lles asiste, ou pais e nais de familias en
desamparo? Non haberá outras medidas máis rexenerativas? Para que os queremos
por longos anos no cárcere? Isto non funciona. Castiga. Vinga. Desestrutura.
Non rehabilita. E ademais é moi cara economicamente. Pena perpetua, revisábel,
para peor, proclama Gallardón. E nós,
insensatos: Así debe ser!
Cómpren novas maneiras de pensar e de
actuar. Non son inxenuo. Sei das dificultades. Pero tamén sei que ao mundo
cambiámolo as persoas. Podemos seguir maldicindo das tebras. Porén xa sería
mellor ir acendendo luces por pequechiñas que sexan. Sempre serán máis
positivas. Ten que haber outros modos de actuar onde tamén a vítima ocupe o
centro e chegue a ser recoñecida de verdade por todos e non esquecida ou
encirrada como é agora. Onde tamén ela poida chegar a perdoar con magnanimidade
a quen de verdade se lle achega pedindo sinceramente perdón, disposta a reparala e a reconciliarse. Pero iso supón
moito traballo en todos. Tal como a xustiza restaurativa que se vai abrindo
camiño.
Temos de ir creando grupos de acollida e
de apoio con programas ben estudados e estruturados que faciliten esa
reinserción e nova socialización. Logo
os xuíces poderán dalas a elixir como alternativas. Porén se non existen, se
alguén na sociedade non as promove, eles non as poden ofrecer. Exemplo: Moitas
das realidades do P. Ángel.
Novas utopías. Visitar cárceres por
dentro, coñecer persoalmente os reclusos e escoitar as súas preocupacións.
Saber das súas familias e circunstancias. Sen paternalismos nin bondades
barateiras. Con moito sentido de responsabilidade no que facemos. Acollidas en
permisos curtos. Cartearse con alguén algunha vez. Felicitacións polo Nadal.
Visitas a quen ninguén vai ver: “Estiven no cárcere e fostes verme”, dixo Xesús
de Nazaré. Coñecedes as axudas propostas no filme “Pena de muerte”? A figura do
acompañante xa legalizada en EE.UU.?
Ir creando voluntariados que a sociedade
toda alente e axude. De non ser así, en solitario, será ben difícil saír
adiante, tanto para as persoas como para as familias. É cuestión de ir creando
novas realidades. Todo é querer e empezar. Animaríaste a algo así? Calquera
iniciativa é máis que nada. Así foron nacendo ASFEDRO, “Aldeas infantiles”,
refuxios de anciáns, Reto, etc.
En Ferrol non temos cárcere. Non somos
capital de provincia. Pero temos presos, moitos presos. E, coa que está a caer,
teremos aínda máis. E hai presos pobres, moi pobres. Absolutamente indixentes
materiais e de humanidade. Recordades como de mozos nos identificabamos con
aquel cantar:
“Yo soy rebelde porque el mundo me ha hecho así, / porque nadie me ha
tratado con amor, / porque nadie me ha querido nunca oír.
Yo soy rebelde porque siempre sin razón / me negaron todo aquello que
pedí, / y me dieron solamente incomprensión.
Y quisiera ser como el niño aquel, / como el hombre aquel que es
feliz. / Y quisiera dar lo que hay en mí, / todo a cambio de una amistad.
Y soñar y vivir y olvidar el rencor, / y cantar y reír y sentir solo
amor.”
Eses presos son “os nosos presos” e dóennos. Os
cárceres son “os nosos cárceres”. Só a nós, a esta sociedade, nos incumbe o que
se faga con eles. “Sempre queda o recurso de petar na alma das multitudes ata
promover un estado de opinión revolucionaria”, dixo Castelao. O dicionario di: Revolucionario: 4) Persoa con ideas
renovadoras. Grande renovador. Revolucionar:
4) Causar mudanza profunda.
Transformación profunda. Iso xa é saír do
inmobilismo para ese estado novo de opinión revolucionaria. Non hai dúbida de
que moito do que se está a facer, xa está nesas condicións e coordenadas da
reinserción e das novas medidas. Soamente se ve ben co corazón. O esencial e
invisíbel para os ollos.