martes, 27 de enero de 2009

Hai lume na de Pardal

Aquela tarde o Rilo non cansou de llo dicir a todo veciño que encontrou polo rueiro. Serían as catro cando un llo escoitou:

- Sabes? Hai lume na de Pardal.

O alocutario non fixo moito caso; aínda que a curiosidade o conducise a pasar diante da casa de Pardal, onde tentou de mirar e cheirar. Non notou cousa que chamase a atención, e seguiu á súa vida.

O Rilo seguiu tamén coa súa ladaíña polas rúas. A un segundo veciño, contra as cinco da tarde, espetoulla así:

- Sabes? Hai lume na de Pardal.

Tamén este non lle fixo moito caso. Porén, por prevención se cadra, comentou a nova cun parente dos de Pardal, uns pasos adiante. Entre ambos, buscaron o Rilo na súa casa con mentes de recadar del máis detalles, pois pasaran tamén diante da de Pardal sen observaren alí nada estraño. Non o encontrando, voltaron ao lugar do rueiro onde soltara a noticia. Atopárono un pouco máis abaixo mentres lle dicía a unha veciña:

- Sabes? Hai lume na de Pardal.

Asombrouse o parente da calma actitude e o cachazudo estado de ánimo con que o Rilo se expresaba. Isto, en boa medida, sosegouno. Porén, unha vez que por aquela causa abandonara o seu labor do día, sentiu que non era o caso de deixar así a cousa.

- Vamos á de Pardal os catro! -convidou os outros tres prementemente.

E contra alá marcharon, o Rilo coma un máis. Ao que chegaron, petou o parente na porta de Pardal, que, tras unha breve espera, abriuse, e ante eles apareceu a dona da casa sen trazas ningunhas de inquedanza.

- Viñemos acá porque aquí este di que hai lume na vosa casa!

Foi aí cando a dona de Pardal se desasosegou e, toda desacougada, comezou a berrar polos de dentro:

- Vinde aquí, que seica nos arde a casa!

Acudiron o dono e os fillos. Entre a familia e os veciños percorreron cada curruncho do edificio sen acharen lume por ningures. Finalmente, houbo xuntanza na cociña, ao pé do lume e cuns vasos diante, por mor de celebraren a falsidade da alarma. Cando niso estaban, un dos veciños chamoulle a atención ao Rilo pola boa leria que armara. Mais el respostou fachendoso, acenando para o lume da cociña:

- E logo non é certo? Hai ou non hai lume na casa de Pardal!?

Riron por fóra e nin por dentro llo tomaron moi a mal. O que nunca se soubo foi como ao Rilo, persoa que non adoitaba facer trasnadas, se lle ocorrera armar esta. Sentíronse os outros un pouco burlados e máis de un estivo tentado de se incomodar. Así e todo, a situación de celebración á que se entregaran, era tan prácida, que ninguén quixo escorrentala. O dono da casa salvouna coa súa pavera ocorrencia:

-E logo! Claro que hai lume na de Pardal! Niso tes razón e moitos anos a teñas! Veña un grolo para o celebrarmos!

Tamén ten razón e non faltou á verdade La Voz de Galicia de onte titulando na portada: "El 40,3 % de los gallegos prefieren un Gobierno en minoría a otro bipartito". Fai logo unha entradiña, introduce o corpo da noticia a dobre columna e remite ás páxinas 7 a 9. Alá vamos, picados da cursidade. Vemos os cadros cos datos da enquisa e con asombro achamos: Prefiren un goberno de coalición o 40,8 % dos galegos e prefiren o goberno dun só partido en minoría con apoios puntuais o 40,3 %.

Faltou á verdade o xornal ao titular a noticia? Non...! Incorreu nalgunha falsidade? En ningunha...!

O que aínda non se sabe ben é quen ten razóns para celebrar tal dato e a noticia. Así se escribe a historia! Así...!