Velaquí unha nova achega do amigo Xaquín de Roca. Unha gabanza e un laio, gabanza dos que deron a cara polo pobo e o que é xusto desde ámbitos da Igrexa, laios elexíacos e señardade porque cada vez hai menos actores coma aqueles. Copio e encolo sen máis comentarios:
“VECIÑO NECESARIO DA COMARCA”
XAQUÍN CAMPO
FREIRE - XAQUÍN DE ROCA, 19-01-2013.
Este 12 de xaneiro celebrouse na Casa Habanera de
Guitiriz unha homenaxe a cantos colaboraron na loita contra da contaminación do
CASÓN hai 25 anos. A proxección do vídeo “O paso do Casón por Guitiriz” puxo
de novo bágoas nos ollos de todos nós e renovou o noxo e o arrepío contra do
abuso e desprezo daqueles que, en troques de defendernos, mentiron conscientemente e masacraron sen piedade.
“O caso do Casón”.
Hai 25 anos. Eu tamén estiven alí o tempo que puiden. A distancia na que vivo,
era moito máis grande do que hoxe ao non termos autovías. Pero para os nativos
de alí a presenza nosa era obrigada. A nosa xente de sangue, de parentela e de
veciñanza a quen lle debiamos a vida e a formación, era a que estaba en perigo
de vida e de morte. Aínda non sabemos hoxe o que levaban eses bidóns. Nada de
bo. En Fisterra morreu xente. Chorando e espavorecidos foron evacuados de noite
e sen rumbo.
Quen poida ver o documento audiovisual, terá sorte.
Está moi ben feito. Para nada é sensibleiro nin demagóxico. O relato fica curto. Só historia pura e dura.
Testemuños de testemuñas reais. As marcas están aínda nas propias carnes. E no
máis fondo da alma latexa unha rabia profunda polo asoballamento da propia
dignidade.
“O veciño necesario da comarca”. Non sei aínda de quen é a frase. Con
ese título de verdadeira honra quíxose premiar o labor de todos. Porén foi decisivo
o inmediato e profético berro de rebeldía e rebelión de Alfonso Blanco Torrado,
quen a golpe de altofalante percorreu á présa toda a bisbarra convocando a
todos a rebato, con toque de campás incluído. E logo coordinou toda a acción
con liderado axeitado, con diálogo, animación e esixencia e ao mesmo tempo coa
temperanza heroica e críbel. A xente fiábase del. Nunca lles fallara. Soubo exercer
con todos unha terapia imprescindíbel para non deixarse sobordar dos nervos no
confronto necesario, sen entrar nas provocacións da senrazón que lles tendían con
ameazas, abusos, malos tratos e mesmo con torturas. Era necesario non perder
nunca a razón fronte aos verdadeiros delincuentes daquela panda de ineptos de
arriba abaixo que, en troques de defender o seu pobo ,conducíannos á miseria
colectiva. Disto podo testificar porque fun testemuña directa.
Naquelas datas comprobei en carne propia o que é
ser verdadeiro veciño solidario en causa grave e común. Ser cidadán e non
escravo. Ser servidor do pobo e non domesticador mentireiro ao servizo dun
poder podre, inxusto e abusón. É doado facer homenaxes a tempo pasado. Os
riscos foron serios. Estarán volvendo eses tempos?
Aqueles días sentín o gozo de formar parte dun
grupo con fala e cultura propias, con conciencia do nós colectivo. E volvín
cantar: “Collidos das mans, coas mans de todos faremos un camiño na noite, dime o corazón que algún día venceremos.”
Reafirmeime no que xa vivira con Pepe Chao Rego,
Cuco Ruíz de Cortázar, Antón Aneiros, Vicenzo Couce, Anxo Ferreiro Currás,
Ramón Díaz Raña e moitos outros compañeiros
en Ferrol: o que é ser crego na Galiza que nos doe. Que acertada é a fórmula “sermos o veciño necesario” nas
comarcas do rural ou no mundo proletario do meu pobo, sensíbeis e solidarios coa
nosa xente que vive morrendo a cotío nas costeiras ou no traballo do mar, e coa
a intelectualidade ou co traballo honrado do sector servizos.
Se son sincero, sinto mágoa dunha igrexa actual, tan fóra do mundo e da
humanidade.
Hai unha cantiga:“Todos xuntos, xuntos todos, na
mesma lingua, no mesmo chan”. Dixo Castelao: Vinde todos traballar á obra. Hai sitio
para todos. Non sobra ninguén. Nin os féridos e duros. Entre todos imos facendo
posíbel a redenzón da boa nazón de Breogán. Todos merecemos outra oportunidade.
Grazas, Alfonso Blanco Torrado, veciño
necesario da comarca. E a Xermolos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario