domingo, 13 de septiembre de 2009

Política de exclusión sociolingüística

O evidente fracaso das Jornadas Bilingües organizadas pola Deputación de Pontevedra en comuñón con GB, que por riba deixaron unha mancha de vergoña no historial prestixioso do Museo de Pontevedra, non é razón para saltarmos de contento ou tirarmos foguetes ao ceo estrelado. É, pola contra, motivo abondo para comenzarmos a pedir contas aos que con suma inxustiza e senrazón están contribuíndo, por medio de actividades coma esa, a atizaren o lume do conflito lingüístico existente desde hai tempo no país. É preciso seguir denunciando cada intento de dividir o noso pobo en dous, mesmo se o intento resulta en fracaso. Cómpre pór en evidencia a inxuria a Galiza e á súa xente cando se promove a desafección, mesmo o noxo, verbo do seu pasado, da súa lingua e da súa graza.

Se o que pretenden é deixar ben patente a existencia de dúas comunidades lingüísticas no país, iso xa case o teñen conseguido; coa impagábel axuda do PP, por certo. Se, non conformes con iso, tencionan enfrontar nidiamente esas dúas comunidades lingüísticas e de as faceren impermeábeis, a ruindade da proposta é imperdoábel. Non hai modo de entender que tal fractura se estea a promover desde institucións que, coma a Xunta ou a Deputación, deberían labourar a prol da unidade do pobo galego e da comunidade provincial de concellos, respectivamente. Aínda que fose bo aguzar a contradición para facilitar a súa resolución, é ben que sexa a autoridade pública quen o faga?

Aguzar as contradicións e desenmascarar a situación conflitiva non nos semella conveniente, cando menos no momento actual. Sei que algunhas voces, desde a parte favorábel á lingua galega, se pronunciaron en senso contrario nestes meses, pensando que só así tomaremos cumprida conciencia da situación real e, consecuentemente, nos disporemos a afrontala coa estratexia e os medios axeitados. Se cadra, levan razón. Aínda no caso, como se trata de realidades tan íntimas e sagradas, relativas á identidade e á convivencia, coido que lle hai que esixir á autoridade non intervir. Ou intervir o menos posíbel.

Alguén me poderá obxectar que unha das funcións dos partidos políticos é tomar postura perante as contradicións sociais e tentar de acadar a resolución que lles parece mellor. Pódese engadir que, cando están no goberno, é o momento apropiado para a poren en práctica. Así e todo, en cuestións fundamentais para a unidade e identidade do pobo, cómpre andaren con moitísimo tino. O gobernante, unha vez elixido, debe mirar ante todo polo ben do suxeito colectivo, constituído polo mesmo pobo sobre o que goberna e exerce a súa autoridade. Se o feito de levar a cabo o programa do seu partido trae aparellado, como un dos seus efectos buscado ou non, a destrución do pobo ou un grave enfrontamento civil no seu seo, o auténtico servidor público debe depoñer o programa do seu partido a fin de preservar a entidade, identidade e unidade do seu pobo. Semella un principio fundamental da deontoloxía do gobernante.

No referente á lingua, a inclusión foi a orientación sabiamente escolleita na Lei de Normalización Lingüística. A inclusión sociolingüística tende a facer das dúas comunidades lingüísticas case unha soa, imbricándoas e interrelacionándoas de tal xeito que se facilite ás persoas monolingües, ou bilingües con desequilibrio, o paso de unha á outra comunidade sen privilexio nin desigualdade para ninguén. A consecución deste obxectivo faise imposíbel sen que toda a poboación, como ideal -ou tan sequera a súa parte meirande e máis visíbel, en realidade-, coñeza abondo as dúas linguas, as poida empregar espontanea e libremente -calquera das dúas e en calquera ocasión- e de feito faga uso efectivo desa capacidade.

A actual política do goberno galego e, como se ve, tamén da Deputación de Pontevedra, busca, con máis ou menos conciencia do que fai, unha resolución do conflito lingüístico que favorece a exclusión, xebramento e inimizade entre as dúas comunidades lingüísticas existentes en Galiza. Aparte da ruindade de tal empeño -pola ruína que vai supór para a unidade do pobo-, é evidente a súa inxustiza, debido á total irreciprocidade que o caracteriza. A comunidade galego falante terá menos dereitos do que a castelá, pois os seus individuos, ademais de estaren obrigados aprender a lingua castelá, non se poden librar de a empregaren pasiva e activamente. Por forza ou por presión, a comunidade galego falante é unha comunidade inmensamente permeábel verbo da castelán falante. O inxusto da irreprocidade está aquí. Se vai adiante a política lingüística do actual goberno autonómico, a comunidade lingüística de castelán falantes galegos xebrarase cada vez máis da galego falante e farase cada vez máis impermeábel á nosa lingua, a propia ou tradicional de todos os galegos e galegas. É totalmente inxusto! Cómpre a denuncia!

No hay comentarios: