Hai moitos anos que matino en como se relacionan a evidencia e a verdade. O tema pode parecerlle a alguén superficial ou superfluo. Non me estraña. Matinar é ás veces propio de loucos. Na nosa lingua o vocábulo e case sinónimo de teimar e de cismar. Mais non se trata dunha teima ou cisma. Adoito me sucede esquecerme tal idea, que remedio?, solicitado por outras labouras e preocupacións do día a día.
O tema da relación entre evidencia e verdade é especialmente problemático cando se refire á visión da realidade social, á análise da cultura, aos xuízos sobre a realización de valores e contravalores, á ética e a moral... Nestes casos é case inevitábel a intervención da ideoloxía. E, velaí a cerna do problema, as evidencias sociais son case sempre produtos e condutos da ideoloxía dominante.
Será posíbel aplicar os principios básicos da racionalidade neses temas? Non pensemos en verdades absolutas, porén, senón en verdades máis consontes e favorecedoras da realización humana. Non será o criterio de verdade neses eidos, un criterio en principio moi largo e non estricto, o do desinterese particular -individual, grupal, nacional...- a prol da fraternidade e a liberdade de cada ser ou grupo, sempre en servizo -libre de cote, sen submisión a ninguén nin a ningunha idea- á liberdade e fraternidade universais? Non cómpre desde aquí denunciar toda trapela ideolóxica que non deixa ás persoas e grupos pensar con racionalidade e fraternalmente? Ou é que isto supón voltar á modernidade e aos seus grandes relatos, estigmatizados desde hai unhas décadas para nos deixar, persoas e pobos, á mercede dos aproveitados xigantes e ananos?
Neste blog pretendo ir discorrendo sobre o tema e intercambiar, con quen quixer, ideas e suxestións. Tentaremos de o facer verbo de diferentes cuestións, grandes ou pequenas, enxergadas desde perspectivas e orientacións diversas: filosóficas, sociolóxicas, antropolóxicas, culturais, psicolóxicas, éticas, literarias...
No hay comentarios:
Publicar un comentario