domingo, 16 de marzo de 2008

Non hai dereito á discriminación étnica

No concello de Pontevedra, a zona menos apetecida para moradía da xente é unha extensa barriada periférica chamada Monte Porreiro, que nas últimas décadas creceu moitísimo por se teren ofrecido alí as vivendas máis baratas en toda a bisbarra. A ninguén se lle ocorrería mercar vivenda en Monte Porreiro con mentes de a vender ao cabo duns anos gañando diñeiro.



Hai pouco, varias familias xitanas desaloxadas por sentenza xudicial das súas antigas vivendas, declaradas ilegais no asentamento xitano do Vao -lugar do concello de Poio que estrema coa vila de Pontevedra-, foron lexitimamente realoxadas en Monte Porreiro. Os xitanos do Vao teñen fama, ben gañada seguramente, de traficar con droga. Os veciños de Monte Porreiro, ou unha boa representación deles conducida polo menos nos primeiros momentos pola asociación veciñal do barrio, levan varias semanas atosigando os xitanos realoxados e as instancias políticas directa e indirectamente implicadas no seu realoxamento, utilizando para iso unha teimuda estratexia de acoso e estigmatización. O pretexto co que se escusan é que non queren traficantes de drogas no medio deles. Din defender así a incontaminación da xente nova da barriada. Ou aducen que con tales novos veciños o prezo das súas vivendas se derruba. Xa se sabe, moitos veciños de Monte Porreiro deixan o barrio por outras zonas de residencia na vila en canto a súa economía llelo permite. É o que vén sucedendo ata agora.

Que hai que pensar de feitos e actitudes coma estas? Non imos ser maos e dicirlles aos de Monte Porreiro o que seica lle dixo a tixola á cazola, "Vaite de aquí, que me lixas". Teremos que lles dicir, pola contra, que deberían sacudir de enriba o estigma que sofren reivindicando a prol de si propios e doutros desprezados socialmente por seren diferentes ou deprimidos -os xitanos e mesmo os delincuentes, sen dicir que eses o sexan, serían un bo símbolo- a dignidade básica da persoa humana, pola que esta é suxeito de dereitos inalienábeis. Un destes dereitos é o de establecer a súa residencia onde libremente quixeren, tan sequera mentres non llo impida a lexítima autoridade -que no caso pasa por forza a traves do poder xudicial.

Perante este dereito nada vale ningún pretexto. Con esas mobilizacións pódelles parecer que convencen a moitos, e quizais o consigan no primeiro momento. Porén, o que fan é xogar con lume, que a eles mesmos non os vai beneficiar. Polo dito, profundizarán no descreto e mala sona que teñen no resto da cidadanía e, máis que arredar tales estigmas, confirmaranllos. De calquera xeito, non teñen ningún dereito a desterrar do seu barrio a ningún cidadán a quen non lle fose antes limitado o exercicio dun dereito fundamental coma ese. Téñeno, por suposto, a vixiaren os movementos e actividades presuntamente delictivas de calquera cidadán ou grupo de cidadáns, á marxe de etnias, costumes, orixes, crenzas...

No hay comentarios: