miércoles, 21 de septiembre de 2011

Os políticos. Ruíns e porén necesarios


OS POLÍTICOS. RUÍNS E PORÉN NECESARIOS

Non sei que me dá chamarlles ruíns aos políticos; e ás políticas, que non as esquezo.

Se foren ruíns, non o son principalmente polo oficio. Sono máis ben polo xorne individual de cada unha das súas persoas. Cuestión de valores, das súas actitudes ante a vida e o mundo.

De ética, nunha palabra.

O caso é que os homes e mulleres dedicados profesionalmente á acción política non teñen dun tempo para acá moi boa sona, senón todo o contrario.

Acabo de escoitar pola radio que un dos políticos peor valorados pola opinión pública española ao longo dos últimos anos, case unha década, está a piques de acceder a un alto cargo de autoridade no Estado español. E así é ou así parece que vai ser!

Hai uns anos falaban entre si dous amigos meus referíndose ao irmán dun deles. Preguntáballe un ao outro se seu irmán seguía metido en política. Respondíalle o outro que así era por desgraza. Asentía o primeiro, dándolle a razón.

-Non a tendes –intervín eu–; cando menos, non vola podo dar de primeiras. Podedes tela no caso concreto de que falades. Agora ben, respondédeme a unha cuestión. Temos necesidade do labor que fan os políticos, si ou non? Coidades que sería mellor prescindir deles, acabar con eles?

Non me responderon. Coido que os fixen pensar. Ou non, ide vós saber.

Quero dicir, quixen dicirlles e aséntoo aquí e agora, que é bo que haxa políticos, por ruíns que eles foren.

Se non os houber, quen dirixiría a administración dos bens públicos? Ou seica tamén estes terían de ser eliminados, xuntamente cos políticos?

Daquela, en que mans estarían os nosos destinos colectivos, nos dos grandes propietarios? Nos dos ricos, claro está!

E volveriamos, logo, aos señoríos medievais? Ou ás monarquías absolutas do antigo réxime? Aínda así, estes señores ou monarcas tardarían moito en buscar os seus vilicos, os seus privados, os seus ministros -políticos á fin e ao cabo- que nos fixeren pasar polo aro?

Decididamente, é preferíbel escoller entre a rapa e a rebola antes de que o amo nos dea na testa coa rapa e coa rebola. Dicían os nosos vellos: “Entre a rapa e a rebola, veña o demo e escolla”. Digamos por contra nós: “Entre a rapa, a rebola e o demo, escollamos entre todos nós, aínda que erremos, e ninguén escolla por nós, xa que da función que eles fan non podemos prescindir.”

Que lle imos facer? Se non hai nada mellor, acollerémonos ao menos ruín.

De por parte, non todos os políticos son iguais. Aínda quedan por aí bastantes non ruíns, non malvados. Non son tampouco os menos numerosos. Quizais sexan, certo, os menos poderosos.

É iluso propoñer que optemos por eles aínda que saibamos que non van ter moita influencia?

Porén, poderán temperar a política dominante ou polo menos oporlle certa resistencia.

Para que non nos envolva ou esmague a ruindade política imperante.

jueves, 7 de julio de 2011

A perda do Códice Calixtino


A PERDA DO CÓDICE CALIXTINO

Pasmo, asombro, arrepío! Desapareceu da catedral de Santiago o Códice Calixtino! Desaparece precisamente no transcurso do ano en que se está a celebrar o octocentésimo aniversario do templo. Oitocentos anos e un bo pico ten o propio códice. Cando a obra románica da catedral se estaba iniciando, o Liber Sancti Iacobi estaba practicamente rematado e, polo que parece, tamén o groso do seu exemplar máis prezado e auténtico, é dicir, este manuscrito medieval iluminado que agora desapareceu, o chamado Codex Calixtinus.

Tras a noticia da desaparición, xurdiron os laios e as comparacións avaliadoras da súa gravidade: unha perda irreparábel, din uns; unha peza insubstituíbel, quéixanse outros; é coma se desaparecese o Museo do Prado, nota un historiador; era dunha calidade artística única, a xoia da catedral e da cidade, afírmase, polo que é preciso recuperalo.

É moi grande a perda, no caso de que se confirme e non se recupere? Éo, non caiba a menor dúbida. Isto afirmado sen reticencias, entremos porén en razón.

Perdeuse moito, perdeuse unha concreta obra de arte senlleira. Aínda así, o máis importante dela remanece. Enténdase ben o que digo. Comparemos. Das grandes obras da antigüidade clásica, grega ou latina, é un mal menor realmente acontecido o feito de que se perdesen os exemplares contemporáneos da súa publicación e primeira recepción polo público lector. Porén tales obras non se perderon, pois remaneceron na súa total ou case total integridade a través das múltiplas e sucesivas copias, e lecturas. Só a lectura dunha obra de arte literaria e a contemplación dunha obra de arte plástica aseguran a súa auténtica conservación.

En conclusión, o Liber Sancti Iacobi non se perdeu coa perda deste valioso manuscrito iluminado. Non se perderon a literatura, a música e as ilustracións do propio Codex Calixtinus, pois dispoñemos de moitas e boas reproducións de todas as súas páxinas. O máis importante remanece e boa falla nos faría a todos, e a este pobo desmemoriado con máis razón, a familiaridade con esa riqueza de contidos, testemuños dun dos tempos fundacionais deste país, non paradisíacos así e todo, deixándonos de fáciles mitificacións. Estoutra perda é moito máis grave, e dela poucos se queixan. Nin se erguen voces de alerta con ruído e escándalo.

Digamos sen receo que a perda do manuscrito medieval é unha metáfora axeitada da gran perda irreparábel que está a sufrir Galicia, a da súa identidade cultural e lingüística. A desaparición do Codex Calixtinus vén sendo o vehículo ou termo figurado; o teor ou realidade verdadeira á que se refire, o que de verdade se perde e de forma irreversíbel -o códice aínda pode recuperarse-, son a lingua e a cultura galegas.

Ninguén se escandalice da comparación que acabo de desenvolver. O profesor García de Cortázar fai outras, todas dentro do ámbito das artes plásticas. O grande Castelao fixera hai tempo a xa clásica entre o Pórtico da Gloria e a lingua. Porén hai a quen lle doe o simbólico e non lle preocupa o real! Deformacións! Ideoloxía! Estamos de loito!


domingo, 13 de febrero de 2011

E se un día foses preso?

Envíanos Xaquín Campo Freire unhas interesantes reflexións. Non as fai no ar, non! El sabe moito desa actitude fonda e humanísima consistente en estar a carón das persoas sufrintes, depremidas, espremidas, pobres... Toda a súa vida. Nos últimos anos, tamén e dunha maneira seria, coas persoas encarceradas.

E SE UN DÍA TE LEVASEN PRESO?

XAQUÍN CAMPO FREIRE, FONTE DA CRUZ, 11-02-2011.

A quen? A min? Ti desvarías. Tes cada cousa! Como se che ocorre tal? Estás seguro que non bebiches algo estes días? Eu ao cárcere, nin de visita!

Sendo eu moi neno, moito me chamou a atención o que nos dixo un día o meu avó: “Ademais desta casa, temos outras tres: o hospital, o nicho do cemiterio e o cárcere.” O do hospital entendino porque viamos pasar a “Cruz Roja” pola Nacional VI. O do cemiterio, porque xa tiñamos moitos dos nosos alí, entre eles a nosa naiciña. O do cárcere ...? Supoño que o comentario do meu avó veu por alguén a quen acolleramos.

Na nosa casa, desde antigo, sempre se lle deu “pousada ao peregrino”, como dicía o Catecismo nas Obras de Misericordia. Recordo moito os toliños que levaban vida de vadío despois daquela guerra incivil. Tamén teñen durmido persoas que confesaban que saíran do cárcere e ían camiñando cara ás súas casas. Só Deus sabe onde sería! Nunca nos pasou nada. Por máis que ás veces a pinta non pintaba nada ben. Daquela, nas casas das aldeas eramos moitos vivindo. Non tiñamos medo. E por derriba de todo pesaba a compaixón. Doíanos. Non podiamos botar ao mundo na friaxe da noite as persoas que chegaban molladiñas coma pitos e coa fame nos ollos e no mesmo andar.

Hoxe a sociedade cambiou moito e as cousas xa suceden de formas moi diferentes. Hoxe, sermos humanos vai por outros vieiros. Porén os problemas seguen aí. Di Isaías (58,7-10): “Parte o teu pan con quen ten fame, hospeda os pobres sen teito, viste a quen vai espido e non te peches á propia carne.” Iso de chamar “propia carne” a todos eses que el cita, dá unha inquedanza ben fonda. Non si? E sei que non son o único, por sorte.

E se un día te levasen preso? Como te situarías alí dentro? E a túa familia non iría contigo tamén ao cárcere da veciñanza, da sociedade? O nome da casa xa ficaría co estigma: “Eses téñenche un familiar no penal X.” Agora chamáselle eufonicamente: “Centro Penitenciario de .....”

Do cárcere sáese. Tarde ou cedo, pero sáese. E eu pregunto: A sociedade de hoxe, ti, eu, o outro, ... temos xa ben integrado iso de “doerse da propia carne”? Se nos pedise axuda calquera institución, familia, ou persoa, seriamos capaces de apoiar unha reinserción, dar un traballo ou acoller na veciñanza alguén, sen poñer cara de perdoa vidas, e dar de verdade outra oportunidade a quen o necesita?

Se tiveches a paciencia de lerme ata eiquí, pódoche dicir, amigo, que esta está sendo unha tarefa ben dura para os que meritoriamente traballan, traballamos, esta parcela das nosas novas pobrezas.

Se non se axuda a cambiar a auga do acuario, o peixiño está en perigo de morte cando volva de novo ao ambiente. E xa non morre só por el. Tamén morre por nós. Nós, todos, somos coma esa auga. Pode ser saudábel ou mesmo envelenada. Non somos unha sociedade moi proclive a mudarmos nos nosos presupostos.

E se fose eu, ou o teu fillo, ao que lle tocou entrar e logo saír, que ambiente acolledor desexariamos? Non esquezamos que todos temos esas tres casas. No cárcere é moi fácil ingresar. E... á saída? Que e quen?

miércoles, 26 de enero de 2011

De vergoña ou de que?

Reenvíanme hoxe mesmo un e-mail so o título de "comentario racista". A ex-alcaldesa de Vigo e candidata do PP ao mesmo cargo para as próximas eleccións municipais fai nun programa dunha dereitosa emisora de televisión centralista un apuntamento de cariz racista, aínda que disimulado con proclamas de cariño ao pobo portugués aludido. Se o ouvirdes, veredes con que desvergoña desautoriza o Plan E polo feito de que os empregos a través del creados recaísen principalmente en operarios portugueses. O texto do correo reenviado é o que a seguir copio e encolo. Os aplausos do público, como o texto sinala, é o máis preocupante. Ollade que valores e que educación cívica e moral están os políticos do PP promovendo na nosa sociedade! Ollade que populismo, o recurso aos sentimentos máis ruíns, baixísimos e egoístas dun sector de poboación que, como é o caso do público asistente ao acto, non está precisamente entre os máis castigados pola situación económica que agora temos! E moitos deses van á misa e comungan todos os domingos!

Estimados-as todos-as:

Estamos en momentos complicados, el fascismo, el racismo y la xenofobia están en auge, y ante ello podemos mirar para otro lado, o denunciar comentarios racistas.

Os envío el enlace de una entrevista en el programa El Gato del canal Intereconomía, en la que la cantidata por el PP a la alcaldía de Vigo, dice que el Plan E en Vigo, provocó la contratación de gente, que en su mayoría eran portugueses, después aplausos del público vigués que estaba escuchando.

Esta Sra. desconoce primeramente, que por ser miembros de la Unión Europea existe lo que se llama libre circulación de personas y bienes, con lo cual cualquier trabajador de otro país de la UE puede trabajar en España y viceversa. También desconoce esta Sra. que existe en toda la UE una libertad de empresa, con lo cual ningún poder público puede obligar a una empresa a contratar a un trabajador ni a no contratar a otro.

Por otro lado, no nombra la cantidad de médicos gallegos, que han tenido que marcharse a Portugal para poder trabajar y que se ganan honradamente la vida, como peones portugueses lo hacen en Vigo.

Lo que más me avergüenza, es que haya gente que pueda aplaudir ese comentario, pero claro... el nivel cultural del auditorio no debía ser muy elevado.

En el primer minuto sale este comentario.

Buen día a todos-as:

Xosé Lois Valcárcel.

jueves, 9 de diciembre de 2010

COIDADO! AÍ ESTÁN DE LOITO

Velaquí un artigo de Xaquín Campo Freire sobre a acción de acompañamento dos que máis sofren. Pensamentos, actitudes e accións desta clase son tan admirábeis e necesarias como infrecuentes. Precisamente máis infrecuentes cando máis nos cómpren. Copio e encolo.

COIDADO! AÍ ESTÁN DE LOITO

XAQUÍN CAMPO FREIRE. MANDIÁ, 07-12-2010.

Tiven a sorte de nacer e educarme nunha aldea da Galiza. A cultura rural ten
entre as súas notas específicas a de ser moi antiga e, por ser tal, ten ensaiadas todas as
formas de responderlle á vida en cada circunstancia vital: nacementos, festas, casoiros, dor, morte, desgrazas, traballos agrarios, colaboración común, infortunios, etc. Mesmo as formas de falar da nosa doce lingua galega se axeitan para responderlle ben á vida.
As nosas relacións son sempre persoais, primarias, dirían os sociólogos. Todos
nos coñecemos a todos, polo nome persoal e tamén polos patronímicos das casas.
E logo ti de quen ves sendo? Isto non o entenderá nunca un urbanita.
Esta tempada tócame acompañar moi de cerca unhas familias nuns procesos de
enfermidades longas, seguidas de morte. Agora están nesa costa arriba, tamén longa e
difícil do loito, do dó: Como aprender a vivir cando alguén moi querido nos desapareceu para sempre? Sempre persoas concretas. Aí hai nenos, viúvas/os, anciáns, etc. Tamén hai situacións de infortunio.Como dixo Rosalía, “no meu corazón tamén chove.”
Os amigos nótanse nas ocasións. Porque están e porque non están. Porque están
oportunamente ou porque a súa presenza é un auténtico bálsamo de bendición a carón de nós. Que soíños fican os mortos, dixo o poeta. Mas que soidade tan inmensa a dos que lles toca encarar a recuperación de seguir vivindo sen a persoa amada. “Hei de chorar sen bágoas duro pranto. Pois que o que chora vive, iremos indo; indo, chorando, andando. E pois que cada tempo ten seu tempo, iste é o tempo de chorar.”
A nós, na nosa casa, desde os meus sete anos ata os vinte, comezando pola nosa
nai, fóronnos deixando seis persoas moi esenciais nas nosas vidas. E aquí ven aquilo da sorte de vivir na aldea. Todos estiveron connosco amortecendo as nosas tristuras.
Lembro isto: Era polo Entroido. Os rapaces das parroquias veciñas disfrazábanse
e facían troula. Cando se achegaban a uns cen metros da nosa casa, nas distintas
comparsas, dicía alguén: COIDADO! AÍ ESTÁN DE LOITO. Sabían que non podían
ignorarnos. Pasar de largo? Non tal. Viñan visitarnos. Chegaban en silencio e quitaban as caretas. Sabían que nós estabamos ben tristes. E sabían tamén que a súa visita... éranos esencial. Petaban. "Podemos entrar?" Pasaban connosco ata media hora. Canto lles ten agradecido o noso pai que trouxeran alivio e cordialidade para os seus picariños e para os seus anciáns, algún xa encamado! Visitaban toda a casa. Subían aos cuartos e chegaban ata o leito bicándoos e dándolles apertas e palabras de consolo. Mesmo lles recordaban tempos pasados: “Tío Xosé, como eran os entroidos cando vostede era do noso tempo? Vostede foi moi ‘adivertido’, non si?” E o noso avó enchíase de parolar con eles. E rían xuntos. El, logo, xa tiña conto para toda a semana: “Vaites que son ben xeitosos estes mozos e mozas”. Velaí como “se acompaña no sentimento”.
Estamos noutra era e a sociedade é moi diversa: “Camiñan ao meu rente moitos
homes. Non os coñezo. Sonme estranos.” Mas o corazón dos homes e das mulleres
seguen a necesitar que se lles achegue alguén con empatía sanante e sanadora, con
sinceridade, con preparación terapéutica axeitada para acompañar eses procesos do dó, do loito. Cantos trastornos psíquicos e afectivos se derivan dunha perda mal xestionada! Canto sufrimento en soidade e incomprensión!
A civilización actual vai moi lonxe de todo canto supoña humanizar as perdas e pórlle corazón á vida. Hai moita xente soa. Certo que temos cada vez mellores psicólogos e xentes que traballan nos eidos da saúde e que o fan moi ben. Mas iso non suplirá nunca a necesidade que temos de crear novos espazos e experiencias sanantes onde podermos encontrarnos a cotío con persoas que baixen connosco ao pozo e nos acompañen para alentar de novo na vida. “Se é túa a miña noite, se choran os meus ollos o teu pranto, coma un irmán che falo.”
“Aprender a coidarnos, para poder coidar, para poder axudar." Este é o programa que estamos a desenvolver nos grupos da nosa Escola de Acompañamento e Relación de Axuda “Mons. Araúxo.” Estamos dando pasos ben importantes e facendo ben a moitos. “A miña man che dou, coma un irmán che falo”.

lunes, 15 de noviembre de 2010

Nunca son fartos!

Na fala da miña infancia, cando se quería ponderar con pasmo a insaciabilidade de alguén, adoitaba exclamarse: "Nunca é cheo!", "Nunca é farto!", ou, se se refería a varias persoas: "Nunca son cheos!", "Nunca son fartos!" O mesmo, aínda que con menos énfase, podía expresarse mediante as construcións: Nunca se enche/enchen!, Nunca se farta/fartan!

Hai uns anos, non vos era ningún segredo, nin excepción, que construtores de vivendas de protección oficial, levados pola cobiza de encheren ben os seus petos, viñan cobrando aos compradores daquelas un suplemento máis ou menos avultado contra todo dereito, e por riba en diñeiro negro. Seica algúns xa o pedían de primeiras, sen levar ninguén a engano; agás a administración, claro está. Outros, segundo parece, pedíano cando xa o seareiro non tiña outra saída ca entregar ese diñeiro ou quedar sen a vivenda.

Inzou esta conduta no tempo das vacas gordas, nun tempo en que a maior parte dos empresarios do negocio inmobiliario se fixeron de ouro. Que ben lles acaen os ditos dos grandes da miña infancia. Nunca eran fartos! Desa insaciabilidade deitaron grandes desfalcos, vergoñentas manobras de influencias, feas corrupcións de toda clase de persoas, incluídos os políticos. Houbo a quen se lles ocorreu a idea de prohibir aos implicados nos negocios inmobiliarios a posibilidade de acceso a cargos públicos, nomeadamente o de concelleiros municipais. Por algo foi esa ocorrencia, non foi porque si.

Que pensarmos disto? Home..., prohibirllo, prohibir... poida que soe sobexo; porén, non sería o máis honesto que os implicados se absteñan de aspiraren aos cargos públicos desde os que van poder decidir a política municipal urbanística e de vivenda? Isto polo que deles depende. Logo, no tocante aos cidadáns, non sería o máis prudente que non colaboremos cos nosos votos a darlles un poder do que quen sabe se non se aproveitarán para actuaren a súa insaciabilidade?

É cousa de o pensarmos ben!

miércoles, 19 de mayo de 2010

Non te quero!

Nin o título modifico. Nin comentario fago sobre o tema. Todo se entende, tan claro e ben expresado. Grazas, só digo, benquerido Xaquín, polo teu prácido e severo lamento! Copio e encolo:

NON TE QUERO!


XAQUÍN CAMPO FREIRE. NARÓN, 18-05-2010


Un día presenciei isto: un neno duns catro anos, soíño, con cara triste e agrimado, pegadiño a unha parede, con ollos moi abertos e sen bágoas ...

E na fronte del estaba un home duns trinta e cinco anos, cun grupo da súa mesma forma de proceder (non quero adxectivar), mofándose del e dicíndolle animaladas que eu non quero reproducir. Non. Non lle ían pegar. Seino.

O neno non entendía. Mas no seu corazón e na súa alma de neno de catro anos sabía que todo aquilo lle producía arrepío. Estaba sendo ameazado na súa dignidade.

Eu pasaba por alí. Presenciei a escena. Parei e fiteinos de fronte. E, de visto que non era abondo, intervín con severidade contra daquel valente e dos seus cornáns corifeos.

Cando o neno se decatou de que alguén saía por el, desde o fondo da súa alma inocente lanzoulle con voz pequeniña o desafío máis grande dun pobre: NON TE QUERO. Só tiña iso. Ese día comprendín o terríbel que é que alguén te teña que botar do seu mundo afectivo por abusón.

Eu non son político, e non milito en ningunha formación política. Tampouco son economista. Sei que no ano 1929 houbo unha grande crise económica mundial que fixo tremer o mundo. Talvez agora esteamos en algo perecido. Pero das crises económicas saímos. Con moito sufrimento. Pero saímos. Eu nacín na guerra in-civil e sei a fame que pasamos en España. E da fame e da miseria saímos. Pero das miserias da guerra aínda hai esqueletos polo monte. Eu sei dalgún. E diso non todo o mundo quere saír.

Al rey la hacienda y la vida / se ha de dar, pero el honor / es patrimonio del alma, / y el alma sólo es de Dios(El Alcalde de Zalamea, 1642).

Sr. Feijoo, eu a vostede téñolle moito medo. Como llo teño a Dona Rosa Díez, a Don José María Aznar e á súa FAES. Que lle vou facer! E non son político. Pero menos mal que estamos en Europa; se non, teríalles verdadeiro pánico. E non porque me levasen á pobreza dos cartos. Téñolle medo porque, só co que leva feito, tennos roubado o patrimonio da alma, que xa nunca vai poder devolver. Canto dano lle fixo á fala que eu herdei dos meus devanceiros! Onte foi o día da fala e das letras galegas. Eu non quixen ir profanar o Courel. Irei só, noutra ocasión.

Xa sei que non teño poder ningún. Nin o quero. teño a forza feble, pero infinda, daquel neno inocente: NON TE QUERO.

Non lle discuto para nada a súa chegada democrática ao poder. É o meu Presidente e punto. Pode seguir cen anos se o pobo o reelixe. Pero o patrimonio da alma que vostede me esnaquizou, coma xabarín nun maizal, xa nunca poderá devolvermo.

NON TE QUERO. Desde o fondo da miña afectividade: NON TE QUERO. Fíxese que pra nada xulgo a súa forma de gobernar, que podo estar en desacordo. Pero hai cousas para as que non hai elección ningunha que lle dea atribucións. O patrimonio da alma só é de Deus. E vostede non é Deus. Ni de Dios ni de nadie / ni tuya siquiera. / Libre te quiero. Lembra a canción?

NON TE QUERO. Róubasme a alma. Róubasme o respiro. Por que me bota contra da parede, desprezando a miña liberdade de expresión?

Mais son probe e, ¡mal pocado!, / a miña terra n’é miña, / que hastra lle dan de prestado /a beira por que camiña / ó que naceu desdichado”. NON TE QUERO.

Xa sei que para vostede a falta do meu aprecio como cidadán, sen is poder que o de ser un número insignificante dun DNI, incluso o fai rir. Pero a min craváronseme na alma os ollos daquel neno impotente que, tan axiña como puido, a aquel xigante come-nenos lanzoulle o desafío máis grande que a alma dun neno pode dicir: NON TE QUERO.

Xa sei que vostede non entende esta linguaxe. Vostede non é pai. Sobre todo non é pai espiritual. Por iso destrúe sen conciencia o noso valor espiritual máis nidio: a fala, a lingua, a expresión. Para vostede todo isto son andrómenas, non ten valor. Nesa lingua choraron, riron, amaron, naceron e morreron os meus. Para vostede isto non vale nada.

Que medo me mete na alma! Véxoo vir cara a min e, no sentido etimolóxico da verba, descúlpeme, pero véxoo DES-ALMADO= SEN ALMA. Por iso lle teño medo. E xa ninguén, nin sequera vostede, nunca máis me quitarán ese medo.

Perdoe. Só lle podo dicir coma aquel neno: NON TE QUERO.