miércoles, 19 de mayo de 2010

Non te quero!

Nin o título modifico. Nin comentario fago sobre o tema. Todo se entende, tan claro e ben expresado. Grazas, só digo, benquerido Xaquín, polo teu prácido e severo lamento! Copio e encolo:

NON TE QUERO!


XAQUÍN CAMPO FREIRE. NARÓN, 18-05-2010


Un día presenciei isto: un neno duns catro anos, soíño, con cara triste e agrimado, pegadiño a unha parede, con ollos moi abertos e sen bágoas ...

E na fronte del estaba un home duns trinta e cinco anos, cun grupo da súa mesma forma de proceder (non quero adxectivar), mofándose del e dicíndolle animaladas que eu non quero reproducir. Non. Non lle ían pegar. Seino.

O neno non entendía. Mas no seu corazón e na súa alma de neno de catro anos sabía que todo aquilo lle producía arrepío. Estaba sendo ameazado na súa dignidade.

Eu pasaba por alí. Presenciei a escena. Parei e fiteinos de fronte. E, de visto que non era abondo, intervín con severidade contra daquel valente e dos seus cornáns corifeos.

Cando o neno se decatou de que alguén saía por el, desde o fondo da súa alma inocente lanzoulle con voz pequeniña o desafío máis grande dun pobre: NON TE QUERO. Só tiña iso. Ese día comprendín o terríbel que é que alguén te teña que botar do seu mundo afectivo por abusón.

Eu non son político, e non milito en ningunha formación política. Tampouco son economista. Sei que no ano 1929 houbo unha grande crise económica mundial que fixo tremer o mundo. Talvez agora esteamos en algo perecido. Pero das crises económicas saímos. Con moito sufrimento. Pero saímos. Eu nacín na guerra in-civil e sei a fame que pasamos en España. E da fame e da miseria saímos. Pero das miserias da guerra aínda hai esqueletos polo monte. Eu sei dalgún. E diso non todo o mundo quere saír.

Al rey la hacienda y la vida / se ha de dar, pero el honor / es patrimonio del alma, / y el alma sólo es de Dios(El Alcalde de Zalamea, 1642).

Sr. Feijoo, eu a vostede téñolle moito medo. Como llo teño a Dona Rosa Díez, a Don José María Aznar e á súa FAES. Que lle vou facer! E non son político. Pero menos mal que estamos en Europa; se non, teríalles verdadeiro pánico. E non porque me levasen á pobreza dos cartos. Téñolle medo porque, só co que leva feito, tennos roubado o patrimonio da alma, que xa nunca vai poder devolver. Canto dano lle fixo á fala que eu herdei dos meus devanceiros! Onte foi o día da fala e das letras galegas. Eu non quixen ir profanar o Courel. Irei só, noutra ocasión.

Xa sei que non teño poder ningún. Nin o quero. teño a forza feble, pero infinda, daquel neno inocente: NON TE QUERO.

Non lle discuto para nada a súa chegada democrática ao poder. É o meu Presidente e punto. Pode seguir cen anos se o pobo o reelixe. Pero o patrimonio da alma que vostede me esnaquizou, coma xabarín nun maizal, xa nunca poderá devolvermo.

NON TE QUERO. Desde o fondo da miña afectividade: NON TE QUERO. Fíxese que pra nada xulgo a súa forma de gobernar, que podo estar en desacordo. Pero hai cousas para as que non hai elección ningunha que lle dea atribucións. O patrimonio da alma só é de Deus. E vostede non é Deus. Ni de Dios ni de nadie / ni tuya siquiera. / Libre te quiero. Lembra a canción?

NON TE QUERO. Róubasme a alma. Róubasme o respiro. Por que me bota contra da parede, desprezando a miña liberdade de expresión?

Mais son probe e, ¡mal pocado!, / a miña terra n’é miña, / que hastra lle dan de prestado /a beira por que camiña / ó que naceu desdichado”. NON TE QUERO.

Xa sei que para vostede a falta do meu aprecio como cidadán, sen is poder que o de ser un número insignificante dun DNI, incluso o fai rir. Pero a min craváronseme na alma os ollos daquel neno impotente que, tan axiña como puido, a aquel xigante come-nenos lanzoulle o desafío máis grande que a alma dun neno pode dicir: NON TE QUERO.

Xa sei que vostede non entende esta linguaxe. Vostede non é pai. Sobre todo non é pai espiritual. Por iso destrúe sen conciencia o noso valor espiritual máis nidio: a fala, a lingua, a expresión. Para vostede todo isto son andrómenas, non ten valor. Nesa lingua choraron, riron, amaron, naceron e morreron os meus. Para vostede isto non vale nada.

Que medo me mete na alma! Véxoo vir cara a min e, no sentido etimolóxico da verba, descúlpeme, pero véxoo DES-ALMADO= SEN ALMA. Por iso lle teño medo. E xa ninguén, nin sequera vostede, nunca máis me quitarán ese medo.

Perdoe. Só lle podo dicir coma aquel neno: NON TE QUERO.

No hay comentarios: