Hai uns anos, non vos era ningún segredo, nin excepción, que construtores de vivendas de protección oficial, levados pola cobiza de encheren ben os seus petos, viñan cobrando aos compradores daquelas un suplemento máis ou menos avultado contra todo dereito, e por riba en diñeiro negro. Seica algúns xa o pedían de primeiras, sen levar ninguén a engano; agás a administración, claro está. Outros, segundo parece, pedíano cando xa o seareiro non tiña outra saída ca entregar ese diñeiro ou quedar sen a vivenda.
Inzou esta conduta no tempo das vacas gordas, nun tempo en que a maior parte dos empresarios do negocio inmobiliario se fixeron de ouro. Que ben lles acaen os ditos dos grandes da miña infancia. Nunca eran fartos! Desa insaciabilidade deitaron grandes desfalcos, vergoñentas manobras de influencias, feas corrupcións de toda clase de persoas, incluídos os políticos. Houbo a quen se lles ocorreu a idea de prohibir aos implicados nos negocios inmobiliarios a posibilidade de acceso a cargos públicos, nomeadamente o de concelleiros municipais. Por algo foi esa ocorrencia, non foi porque si.
Que pensarmos disto? Home..., prohibirllo, prohibir... poida que soe sobexo; porén, non sería o máis honesto que os implicados se absteñan de aspiraren aos cargos públicos desde os que van poder decidir a política municipal urbanística e de vivenda? Isto polo que deles depende. Logo, no tocante aos cidadáns, non sería o máis prudente que non colaboremos cos nosos votos a darlles un poder do que quen sabe se non se aproveitarán para actuaren a súa insaciabilidade?
É cousa de o pensarmos ben!
No hay comentarios:
Publicar un comentario