domingo, 30 de agosto de 2009

Unha nova traición dos intelectuais


Xa é hora de que as mentes intelixentes do mundo, que as hai, analicen dunha vez con obxectividade a situación de crise económica e, sen medo a ninguén nin a nada, denuncien o que for preciso denunciar, sinalen as causas, expoñan a ruindade das correccións adoptadas deica agora, condenen a maldade radical do sistema financeiro actual -pola que, un supoñer, se seguen repartindo bonus millonarios á conta dos cartos dos contribuíntes-, peten con forza na conciencia dos gobernantes dos estados máis ricos -se a tiveren- chamándoos a interviren e regularen o proceso dos movementos de capital e bens entre os seus países a medio prazo de tal xeito que o teñan en todo momento controlado e subordinado ao único fin de superar as gravísimas eivas, seguramente pouco manifestadas aínda, da situación actual.

Aquí chegamos! Xa non se pode permitir aos políticos de curto prazo seguir cos seus mini-pésimos discursos pseudoliberais! Seica aínda non é hora de lles facermos saír á cara as cores da vergoña? Non os imos facer calar no seu baleiro bla-bla-bla? Permitiremos que continúen pescando en río revolto, afogando a conciencia crítica das persoas a base de demagoxias e mentiras?

Comprometámonos os economistas, os sociólogos, os filósofos... ; deixémonos de cómodos pragmatismos. Non é certo que a verdade estea en todas partes ao mesmo tempo e coa mesma calidade de presenza. Non é certo que todo vale. Rorty, se vivise, reaccionaría perante a situación actual e reconverteríase. Reconvertámonos e pronunciémonos. Non tanto dá!

http://www.lemonde.fr/opinions/chronique/2009/08/24/redefinir-les-regles-du-jeu_1231236_3232.html

lunes, 25 de mayo de 2009

Contas dun longo silencio

Aos visitantes deste blogue debo dicirlles que, desde hai xa case dous meses, abrín e escribo adoito outra bitácora, onde ofrezo artigos escritos "sobre a marcha", seguindo o día a día dos acontecementos referentes sobre todo á política lingüística e cultural que se tenta de realizar no meu país. Algún deles podería publicarse tamén aquí, por teren maior peso e seriedade. Porén, de momento, mantéñoos só alí, no contexto formado polos precedentes e os que sigan.
Ofrézolles o enderezo, que é http://breve-rias.blogspot.com

sábado, 28 de febrero de 2009

A noxenta verdade política

A verdade social non se descobre, constrúese.

Así pensan, ou consonte a ese pensamento falan e fan, moitos políticos e algúns outros que, sen o seren profesionalmente, a eles se conforman para levaren a auga da opinión pública ao rego dos seus intereses. Constrúese esa verdade con produtos do maxín desvariado e desvariante duns poucos, xa que a maioría nin capacidade teñen para construír cousa de mérito. Por iso, despois de escoitares un político falar sobre un tema, escusas de escoitar a un compañeiro seu falar do mesmo. Repetirá, sen variación substancial nin substanciosa, o que dixo o outro.

Un único resultado buscan: que a grande masa popular, ou aquela parte dela máis proclive á súa ideoloxía, máis cedo ou máis tarde trague o engado para a poderen levar, turrando e puxando, ao seu cesto.

A verdade onde nos queren facer picar, está feita de falsidades obxectivas. Ese é o nome, na maior parte dos casos. Podería alguén coidar, ás veces, que non chega a haber falsidades subxectivas, senón obcecacións debidas á ignorancia do suxeito, á súa deficiente percepción da realidade, á influencia fatal da súa ideoloxía, ao pouco rigor lóxico do seu pensamento, mesmo á súa estulticia. Porén non é cousa de os desculparmos tan doadamente. Unha desas explicacións valería verbo dunha soa persoa, dun pequeno grupo homoxéneo ou dalgunha grande secta de secuaces irracionais dun xefe.

Un partido político debe ser cousa ben diferente dunha secta. Nin lle debemos consentir ser unha máquina de crear verdades a por de falsidades repetidas. Como é nisto no que, máis uns ca outros, se están convertendo, cómpre andar con moito tino perante eles. O difícil do caso é que son necesarios: un mal menor. Peor é o partido único. Sen polo menos este, non hai xeito de organizar a convivencia baixo unha certa supremacía do dereito. Podéndomos escoller o que entre varios nos semella menos ruín, o corpo social ten unha cativa posibilidade de non tragar ningún dos respectivos engados. Do que a colectividade non se vai librar é da aparencia de que, en cada elección, pica no anzol armado polo partido gañador.

Que lástima! Xa que nos achamos ante algo inevitábel, cómpre o xurdimento de moita xente crítica, consciente desa miseria coa que temos que vivir. E cómpre por riba que esas persoas conxunten, de múltiples maneiras, esforzos e accións coa finalidade de obrigarmos os políticos a se dedicaren ao seu oficio, que é rexer o funcionamento dos servizos públicos, vedándolles o seu empeño en nos conduciren polo morro a unha cosmovisión ideoloxizada e a unha filosofía pobre e plana da vida. Nin en por eles nin valéndose de certos medios de comunicación social.

Esta é outra! A desvergoña máis noxenta fixou a súa residencia na galaxia mediática. A verdade para moitos ou non existe ou se reduce a un produto de seu, a un construto ergueito sobre múltiples falsidades presentadas "sub specie veritatis"cando non so a aparencia de pescudas e laboriosas investigacións periodísticas. E, que casualidade!, decote esa verdade "inventada" coincide coa promulgada e pregoada por un partido político.

martes, 27 de enero de 2009

Hai lume na de Pardal

Aquela tarde o Rilo non cansou de llo dicir a todo veciño que encontrou polo rueiro. Serían as catro cando un llo escoitou:

- Sabes? Hai lume na de Pardal.

O alocutario non fixo moito caso; aínda que a curiosidade o conducise a pasar diante da casa de Pardal, onde tentou de mirar e cheirar. Non notou cousa que chamase a atención, e seguiu á súa vida.

O Rilo seguiu tamén coa súa ladaíña polas rúas. A un segundo veciño, contra as cinco da tarde, espetoulla así:

- Sabes? Hai lume na de Pardal.

Tamén este non lle fixo moito caso. Porén, por prevención se cadra, comentou a nova cun parente dos de Pardal, uns pasos adiante. Entre ambos, buscaron o Rilo na súa casa con mentes de recadar del máis detalles, pois pasaran tamén diante da de Pardal sen observaren alí nada estraño. Non o encontrando, voltaron ao lugar do rueiro onde soltara a noticia. Atopárono un pouco máis abaixo mentres lle dicía a unha veciña:

- Sabes? Hai lume na de Pardal.

Asombrouse o parente da calma actitude e o cachazudo estado de ánimo con que o Rilo se expresaba. Isto, en boa medida, sosegouno. Porén, unha vez que por aquela causa abandonara o seu labor do día, sentiu que non era o caso de deixar así a cousa.

- Vamos á de Pardal os catro! -convidou os outros tres prementemente.

E contra alá marcharon, o Rilo coma un máis. Ao que chegaron, petou o parente na porta de Pardal, que, tras unha breve espera, abriuse, e ante eles apareceu a dona da casa sen trazas ningunhas de inquedanza.

- Viñemos acá porque aquí este di que hai lume na vosa casa!

Foi aí cando a dona de Pardal se desasosegou e, toda desacougada, comezou a berrar polos de dentro:

- Vinde aquí, que seica nos arde a casa!

Acudiron o dono e os fillos. Entre a familia e os veciños percorreron cada curruncho do edificio sen acharen lume por ningures. Finalmente, houbo xuntanza na cociña, ao pé do lume e cuns vasos diante, por mor de celebraren a falsidade da alarma. Cando niso estaban, un dos veciños chamoulle a atención ao Rilo pola boa leria que armara. Mais el respostou fachendoso, acenando para o lume da cociña:

- E logo non é certo? Hai ou non hai lume na casa de Pardal!?

Riron por fóra e nin por dentro llo tomaron moi a mal. O que nunca se soubo foi como ao Rilo, persoa que non adoitaba facer trasnadas, se lle ocorrera armar esta. Sentíronse os outros un pouco burlados e máis de un estivo tentado de se incomodar. Así e todo, a situación de celebración á que se entregaran, era tan prácida, que ninguén quixo escorrentala. O dono da casa salvouna coa súa pavera ocorrencia:

-E logo! Claro que hai lume na de Pardal! Niso tes razón e moitos anos a teñas! Veña un grolo para o celebrarmos!

Tamén ten razón e non faltou á verdade La Voz de Galicia de onte titulando na portada: "El 40,3 % de los gallegos prefieren un Gobierno en minoría a otro bipartito". Fai logo unha entradiña, introduce o corpo da noticia a dobre columna e remite ás páxinas 7 a 9. Alá vamos, picados da cursidade. Vemos os cadros cos datos da enquisa e con asombro achamos: Prefiren un goberno de coalición o 40,8 % dos galegos e prefiren o goberno dun só partido en minoría con apoios puntuais o 40,3 %.

Faltou á verdade o xornal ao titular a noticia? Non...! Incorreu nalgunha falsidade? En ningunha...!

O que aínda non se sabe ben é quen ten razóns para celebrar tal dato e a noticia. Así se escribe a historia! Así...!

domingo, 23 de noviembre de 2008

Crise económica, inmigración e pobreza

Nunha entrada anterior a este blog, que aínda se pode ler embaixo, reflexionouse sobre o tratamento dado aos inmigrantes como consecuencia das primeiras dificultades da crise económica. Un amigo que tal leu, pediume que refixese o artigo para o publicar no número 12 de Cedofeita, revista editada pola Asociación Sociocultural Cedofeita, de Lérez (Pontevedra). Acabo de recibir a revista e, relido o artigo refeito, decido copialo aquí.


Crise económica, inmigración e pobreza

Por Xesús Portas Ferro

Situando o tema

O groso deste artigo foi escrito a mediados do mes de xullo pasado. Pretendíase con el facer ouvir unha voz diferente, amosar preocupacións distintas das que entón se proferían co gallo da crise económica. Dá noxo ver como na abundancia nos esquecemos do pobre e, cando a nosa riqueza vai a menos ou semella que pode minguar, aínda nos esquecemos máis. Vistas as cousas desde unha perspectiva altruísta, todo cambia. É a única maneira xusta de as vermos. Non se trata de que nos conformemos co empeoramento da economía dos nosos pobos e familias. Nin de que nos consolemos pensando que, detrás das nosas coitas, andan outros aproveitando o que nós desbotamos por sobexo ou menos útil. Trátase, pola contra, da necesidade de sermos solidarios, sabendo ver quen son os que de verdade as están pasando negras. Mentres, nosoutros só temos que moderar un pouco os nosos comportamentos altamente consumistas e, se cadra, aprendermos a vivir con menos e non séndomos por iso menos felices.

O certo é tamén que de xullo para acá a dinámica do empobrecemento ligado á crise non fai máis ca avanzar. Espérase que, polo menos nos dous próximos trimestres, aínda continúe agravándose. Se así for, o remedio non vai vir de botarlles a culpa a outros, sexan quen foren. E moito, moitísimo menos aos inmigrantes. A chispa que me moveu a escribir aló por xullo a base deste artigo, foi a desgrazada “directiva da vergoña” que un pouco antes aprobara a Unión Europea sobre o tratamento da inmigración. É inxusta. Como é inxusta a actitude de moita xente que pensa e espalla a idea de que os inmigrantes son os causantes dos nosos problemas económicos e sociais. En conxunto e con excepcións, é todo o contrario. Eles resolvéronnos moitos problemas. E aínda o están a facer.

Por iso soan a sarcasmo cruel declaracións coma as dun señor que reivindicaba a principios de setembro un cambio na política de inmigración, porque –apuntaba– hai en España cento oitenta mil inmigrantes cobrando o paro mentres vinte mil andaluces se anotaron para traballar na vendima francesa. O peor é que nós, o pobo, somos inducidos a pensar do mesmo xeito e a axeitar o noso comportamento cos inmigrantes a ese inxusto xeito de pensar. Inxusto, sobre todo, polo moito que lles debemos.


Empobrecemos, e eles?

A pobreza e a soidade son transcendentais humanos: todo ser humano é pobre nun sentido radical; por sermos persoas humanas, xa só por iso mesmo somos pobres. Aínda así, o lugar social no que a pobreza e a soidade se manifestan, polo feito de aí tomaren mellor corpo, son as persoas e os colectivos máis débiles. Os pobres. Hoxe en día, en Europa, os pobres sono os inmigrantes. Grazas á presenza numerosa destes, os pobres autóctonos ascenderon –ou, se non, a maior parte deles séntense ascendidos– á admirada e cobizada clase media.

Historicamente, sempre e en todas partes, os pobres tiveron menos dereitos ca os non pobres; isto é así, mesmo nas sociedades onde a figura do pobre foi estimada como a máis auténtica simbolización da condición humana. Na hora da verdade, o rico comía e ao pobre negábaselle de ordinario o que aos cans se daba de boa gana, as frangullas que caían da mesa dos amos.

Vivimos tempos de empobrecemento. Ante isto, corre o pánico polas ondas e os prelos. Reclámanse medidas drásticas para facer fronte a tanta desgraza. E el non será máis ben unha sorte? Porque a onde iamos con aquelas carreiras, construíndo máis vivendas por ano do que meniños nacían, vendendo máis automóbiles dos que cabían nas estradas e nas rúas, prolongando a vida alén do que se pode vivir dignamente...? Entrementres, inmensos territorios da casa común están morrendo materialmente –África, un supoñer, como exemplo máis tráxico– de fame, guerra e sida.

Os gobernos europeos, co concurso dos poderes mediáticos –algúns periodistas convertéronse nos mentores supremos da nosa sociedade–, estannos levando a ver unha témera ameaza nos que chegan a onda nós fuxindo da pobreza e a desgraza. Cando non chegan a afirmala, érguense como previsoras sentinelas perante a posibilidade de tal ameaza. Só coa boca pequena recoñecen que, sen os inmigrantes das últimas vagas, as nosas sociedades, case bioloxicamente estériles, a duras penas sobrevivirían. Só excepcionalmente se achan análises que lles agradezan a mobilidade social ascendente experimentada nas últimas décadas polas capas baixas das sociedades europeas. Estas e outras avantaxes, pola súa austeridade inicial –e por necesidade, todo se diga–, deles derivan.

Aínda que a ideloxía dominante non o favorece, cómpre afirmar un dereito humano universal, evidente desde a razón e a irmandade –isto é, desde a igualdade de todos os individuos humanos, que deita daquelas instancias–: o de as persoas se moveren por onde quixeren da terra co fin de procuraren o pan necesario para a supervivencia. Haberá que o regular e regulamentar, como sucede con todos os dereitos. Mais non de tal xeito que de feito resulte negado ou recortado. Se non se fai así, pode acontecer que, como historicamente sucedeu adoito, sexa conquerido pola forza. De África saímos todos un día, e quen sabe con que accións de armas e cóbados achamos acollida en terra allea, logo nosa. En períodos de tempo cosmolóxico, aconteceu isto hai unhas horas.

A lóxica da ide(oloxí)a dominante é a do runfante superhome que decreta os días da súa prepotente madurez como o núcleo do tempo e do universo e, encostado na súa absoluta vontade de poder, ao seu ego asimila e somete os elementos e os viventes, os da especie humana incluídos, sen lle importar o que puider sobrevir aos pobres do presente e aos pobrísimos do futuro. Desta raza son os que rexen a vida cotiá e os destinos das sociedades occidentais. E, aínda por riba, a estas se están aproximando as que agora se chaman, sempre entendendo no bo sentido a expresión, sociedades emerxentes.

Cando habemos recuperar a sabedoría, anterga de séculos, das sociedades que a trancas e barrancas reproduciron as nosas etnias e posibilitaron a emerxencia das nosas persoas á rexión da existencia? Lía eu hai pouco no libro de Elixio Rivas Quintas, O forno do pan, aquela páxina onde se fala do forno comunitario que había nalgúns rueiros e vilas. Aparte de nel faceren a súa cocedura mensual os veciños que non tiñan forno doméstico, o edificio do forno común era, no lugar, a única casa do pobo e nel eran acollidos os pobres de paso, os peregrinos, os xitanos, calquera ambulante que precisase a protección dun teito para unha ou varias noites. Viven aínda persoas, testemuñas deses usos e costumes.

Se o tempo da fame voltar como moitos paxaros agoiran, quen o vai pasar mal? É cedo para responder. Seica toda previsión ou prognóstico se expón a ser optimista de máis. O que sabemos con seguridade é quen o vai pasar peor. Terán que voltar os inmigrantes ás súas terras de orixe cunha man diante e outra detrás. Ou ficarán entre nós disputándolles aos cans soltos e aos camións do lixo as migas das nosas mesas empobrecidas. Xa agora vemos algúns dos seus fillos tomaren como parva no recreo escolar froitas case podres, de pasadas. Sabemos moitos de nós do que falamos, aínda lembramos un día antigo en que tivemos de merenda broa balorenta e pouco máis, sen que por iso nos sentísemos entón desgrazados ou infelices. Se é certo que non só de pan vive a persoa, o pan cotián élle imprescindíbel. Coa soliedaridade universal que deita da razón e da irmandade, hoxe é o día en que menos risco existe de alguén morrer á fame. E, porén, hai quen morre á fame. Entre os pobres da terra. E isto non ten perdón. Eis o problema, que non está no empobrecemento dos pobos e familias ricas. E moito menos ten que ver coa defensa de linguas comúns, fronteiras, bandeiras..., parvadas! Olla alí do que se preocupan os filósofos de oficio!

“A pobreza –escribíame aí atrás un amigo– levámola dentro, e cando se ve fóra, retraemos os cornos. Vin en pleno centro de París, na famosa rúa Saint Michel, unha dona, velliña, tan encorvada que non podía mirar de fronte, enloitada, e cunha cunca na man, alongada, pedindo, ladeándose, pois non podía andar ben. O mesmo que nos tempos de Victor Hugo! E iso que Francia ten todas as axudas sociais do mundo! Esta imaxe non desaparece.”

Que é ser pobre e quen o son entre nós

Ser pobre é, en primeiro lugar, ser membro dun fogar cuxos ingresos son inferiores a uns limiares establecidos. Distínguense tres tipos de pobreza, dependendo da súa gravidade: pobreza moderada, pobreza alta e pobreza severa.

No ano 2006, 20 de cada 100 habitantes de España estaban por debaixo do limiar da pobreza moderada. Este limiar estaba situado en 6.860 € anuais de ingresos equivalentes, o que para unha familia de catro membros supoñía uns ingresos totais netos de 13.720 € anuais. En Galiza ese limiar era un pouco inferior. Débese ter en conta, para non incorrer en malentendidos, que neste 20 % están incluídos os fogares con ingresos moitísimo menores, é dicir, tamén os que padecen pobreza alta e pobreza severa.

Outro aspecto importante é decatármonos de como se distribúe a pobreza moderada na poboación. Unha diferenza remarcábel é a que existe entre habitantes de España nados na Unión Europea, sexan españois ou non, e os inmigrantes, é dicir, os habitantes en España que naceron noutros países. Entre os primeiros, son pobres moderados o 17 % dos varóns e o 21 % das mulleres. Entre os inmigrantes de fóra da UE, sono o 26 % dos varóns e o 24 % das mulleres. A diferenza é clara, aínda que non moi avultada; porén os inmigrantes non europeos levan a peor parte.

Para ese mesmo ano, o limiar da pobreza alta estaba situado en 4.231 € anuais. Isto para unha familia de catro membros supoñía uns ingresos netos anuais de 8.462 €; en Galiza, un pouco menos. Xa imos comprendendo o difícil que sería vivir con eses ingresos. E quen llos dese a moitos dos que se tiveron que apañar con menos ou con moito menos! Estes foron: o 6 % dos varóns e o 7 % das mulleres, entre os habitantes nados en países da UE. Entrementres, tiveron que vivir por debaixo dese limiar o 12 % dos varóns e o 14 % das mulleres que naceron fóra da UE. Como se ve, as taxas resultan dobradas.

Peor é o caso se atendermos á pobreza severa. O limiar situouse en 3.037 € anuais de ingresos equivalentes por fogar. Isto para unha familia de catro membros supoñía 6.074 €. Situación ben severa, como se pode entender. Padecérona en 2006 o 9 % dos varóns e o 9 % das mulleres, entre os inmigrantes non europeos. Entre os españois e estranxeiros nados na UE, padecérona o 3 % dos varóns e outro 3 % das mulleres. As taxas multiplícanse por 3, en prexuízo dos inmigrantes.

As cousas aínda se ven máis negras se botamos unha ollada á incidencia da pobreza entre a poboación infantil. Os datos das anteriores taxas de pobreza por sexos e orixes están extraídos do Informe da Inclusión Social en España 2008, publicado recentemente pola Fundació Caixa Catalunya. Neste mesmo estudo dánsenos os datos referentes á distribución da pobreza segundo o ciclo da vida. España ten a taxa máis alta de Europa en pobreza infantil, o 24 %. Esta taxa de pobreza moderada na infancia distribúese así: o 21 % dos nenos e nenas, entre os nacidos en España ou estranxeiros nados nun país da UE, fronte ao 52 % entre os inmigrantes non europeos. É dicir, un neno ten dúas veces e media máis risco de pobreza se é inmigrante.

Iso no tocante á pobreza moderada. Porque, tratándose da pobreza alta, o risco é case catro veces maior: 32 % fronte ao 8,4 %. E xa non digamos se falamos da pobreza severa, onde o risco é sete veces maior: 28 % fronte ao 4 %.

En resumo, entre os nenos e nenas estranxeiros non só hai máis pobres, senón que a súa pobreza é máis intensa. Tal situación implica unha chea de limitacións tocante ás oportunidades para o desenvolvemento dos seus proxectos vitais no presente e ollando ao futuro. A pobreza económica é unha deficiencia que, por riba, case nunca vén soa. É coma un gran nunha espiga, a da exclusión social, que inclúe outros déficits: desemprego, precariedade laboral, discapacidade, enfermidade, acceso restrinxido ás prestacións sociais, á educación, ao sistema sanitario, á participación na vida social, etc. De por parte, desafortunadamente, cúmprese adoito aquilo de “ao que máis ten, máis se lle dará; e ao que menos ten, aínda ese pouco se lle quitará”. Robert Merton chamoulle, hai uns corenta anos, o “principio Mateo”: as avantaxes e desavantaxes sociais tenden a facerse meirandes co paso do tempo. Isto é especialmente preocupante no caso dos nenos. A pobreza dos nenos e nenas, inmigrantes ou non, ten nese senso pésimas consecuencias, que non favorecen nada a súa inclusión social. Relaciónase positivamente con rendementos académicos baixos e coa redución dos anos de escolaridade. Isto é, con baixas oportunidades de formación. Negativamente, está correlacionada con: probabilidade de comportamentos antisociais, embarazos prematuros non desexados, desemprego, traballos de baixa calidade, etc. Os nosos nenos, inmigrantes e non inmigrantes, son cada vez máis pobres e séntense cada vez máis sós.

Vén sendo así, mesmamente nestes últimos dez anos pasados, que foron de grande crecemento económico; por máis que, para maior aldraxe, a taxa de pobreza en España mantívose inalterada en toda a década. Ben se puido mellorar e non se fixo. O crecemento non ocorreu sen a colaboración dos inmigrantes, senón con ela: colleron os traballos que nós rexeitamos, precarios ou mal pagos; coidaron os nosos nenos e os nosos vellos; pagaron as súas cotas á seguridade social; consumiron o que puideron, realimentando así o crecemento... Sobre todo, ocuparon o lugar dos pobres autóctonos, facilitándolles o ascenso a unha mellor posición económica e social. Non lles iremos pagar agora cunha inxusta ingratitude.

viernes, 5 de septiembre de 2008

Verdades coma puños e mentiras coma casas

Nun colexio dunha vila galega, no que máis do 17 % dos alumnos son fillos de inmigrantes estranxeiros, ingresaron contra febreiro deste ano varios nenos romaneses dunha mesma familia. Cando entraron, malamente falaban palabra que non fose da súa lingua nativa. Contra final de xuño, falaban todos eles elementalmente en castelán e con moitísima dificultade un pouquechiño de galego. Nese centro escolar cúmprese, sequera en canto á letra, o establecido na Lei de Normalización Lingüística, no Plan de Normalización Lingüística e nos decretos e normas en que aqueles se desenvolven. Quen é capaz de ver neste caso que se impuxese o galego e se erradicase o castelán?

E, porén, así se afirma sen ningunha vergoña e con carácter xeral, en referencia a todos os centros de ensino de Galicia. Tal é e tan grave, pregoan algúns desde o Club Financiero de Vigo, que varios empresarios e persoal altamente cualificado se van de Galicia, fuxindo desa imposición do galego aos seus fillos nos centros educativos. Que mentira máis grande! Aínda no caso de que os centros cumprisen de verdade a normativa actual sobre o emprego do galego como lingua vehicular no ensino non universitario, aínda nese caso é imposíbel a erradicación do castelán. El soíño é forte e deféndese sen necesidade de valedor. É coma o lobo entre as ovellas. Leva demasiado tempo, séculos enteiros, de lingua dominante e asoballante. Entra en todos nós, sobre todo desde hai unhas décadas, polos poros desde todas partes. É a lingua pública da industria, do comercio, da televisión, da radio, da prensa, da xustiza, da igrexa, da administración estatal, dos empregados da administración autonómica, dos pobres de pedir, dos inmigrantes e dos seus fillos mesmo se estes son de procedencia brasileira ou portuguesa. E, a pesar disto, alguén acaba de escribir que canto dixeron os asinantes do Manifiesto por la lengua común e mais os do documento do Club Financiero de Vigo, son verdades coma puños. O que? Son mentiras coma casas!

A verdade verdadeira ben a coñecemos os que andamos no medio destas cousas coma o cociñeiro entre pucheiros. A verdade é que case en ningures se cumpre de verdade a Lei de Normalización no referente ao ensino. A verdade verdadeira é que, quizais con contadísimas excepcións, os alumnos non universitarios do sistema de ensino galego teñen mellor competencia en castelán do que en galego. A verdade verdadeira é que a súa competencia no referente á lingua galega é moito menor e está sobexamente interferida polo castelán. A verdade é, sobre todo, que máis do 75 % do alumnado galego non universitario emprega neses centros educativos libremente só a lingua castelá como lingua habitual de relación cos seus compañeiros e profesores, ata o punto de seren eles os que lles fan cambiar aos galego falantes. Non acontece o que hai cincuenta anos, que se cadra chegaba un rapaz da R/ Riego de Agua da Coruña a un internado e antes dun ano falaba galego nos usos informais máis do que os seus compañeiros de procedencia rural. Acontece hoxe en día, pola contra, que da minoría galego falante do alumnado de centros en contorno castelán falante, os nenos, con tres e catro aniños, se pasan ao castelán como lingua habitual de relación no centro, mesmo estando en aulas onde as mestras e mestres empregan o galego á par co castelán.

Como se explica, pois logo, ese barullo doutra cousa? A ideoloxía traizoeira, cuxa función principal é a de encubrir e falsear a verdade, ao servizo de escuros intereses. Ou non tan escuros. Mais inconfesados sempre.

Haberá dez anos ou irá para eles que se realizou na Real Academia Galega un estudo sobre a publicidade e a lingua galega. Unha das conclusións do estudo era que o público prefería a publicidade en galego máis do que en castelán. Un galeguista, un chisco idealista el e de fáciles entusiasmos, comentaba comigo estas cousas cheo de optimismo e ilusión. Os empresarios, víñame a dicir, sonche moi listos. Así que xa verás como de aquí en diante cambian as cousas e aumenta de forma notábel a publicidade en galego. Eu díxenlle que non había de ser para tanto. Vós vístelo? É de supoñer que o estudo demoscópico estivese ben feito. Que pasou, logo? Nada: que a ideoloxía é capaz de lle facer ver a un que está no bo camiño, aínda que por alí se vaia directamente ao pozo.

Que máis quixésemos moitos, senón que eses agoiros levasen razón! Ata non nos había de importar que se fosen e non voltasen eses empregados altamente cualificados. A ver se así lles deixan o posto aos nosos mozos. Que ao mellor non están aínda preparados. Mais xa o estarán. A función crea o órgano e non o órgano, a función. Así, se cadra, vaise preparando a chegada do día en que a empresa, coma deica hai pouco o agro e a pesca –agora xa non tanto–, volva ao cabo de séculos á fala galega. Que razón nos asiste? A nosa, a dos pobres deste país. A razón dos máis débiles. Non sempre van ser os poderosos os que teñan razón.

martes, 5 de agosto de 2008

U-la vergoña, Europa?

E aínda haberá quen ouse negarlles razón a estas palabras. Detrás desa negación hai intereses e ideas, ideoloxemas máis ben. Intereses e ideas dese tipo son a causa das prácticas e leis semellantes a esas con que Europa tenta de se defender da ameaza que ve nos inmigrantes. Doutros intereses e ideas, por suposto, procede a denuncia. A quen lle daremos a razón? Ningunha das opcións é evidente de seu. Calquera delas o pode ser, dependendo das actitudes fundamentais adoptadas no campo da ética e da axioloxía. En tales asuntos a evidencia non é o criterio fundamental de verdade. O criterio básico, anterior ás nosas evidencias, está nos valores asumidos e na ordenación xerarquizada dos mesmos. Supoñamos que os nosos valores fosen, de verdade, os canónicos da modernidade e que entre eles ocupasen os primeiros postos os da liberdade, a igualdade e a fraternidade, estendidos a todos os seres humanos e non restrinxidos aos cidadáns de un ou duns poucos Estados. Neste suposto, non é nada difícil decidir quen leva razón. A denuncia procedente de América tamén ten detrás intereses, os da maioría cuantitativa e cualificada da humanidade, os dos pobres; e ideas ten tamén detrás, as baseadas na razón da irmandade. Por iso se lle deu cabida nestas páxinas, como un esteo máis entre os poucos e febles que terman da razón da irmandade nunha situación mundial pobre e podre.


Señores gobernantes y parlamentarios Europeos

Algunos de nuestros antepasados, pocos, muchos o todos, vinieron de Europa.
El mundo entero recibió con generosidad a los trabajadores de la Europa migrante.
Ahora, una nueva ley europea, dictada por la naciente crisis económica, castiga como crimen la libre circulación de las personas, que es un derecho consagrado por la legislación internacional desde hace ya unos cuantos años.
Esto nada tiene de raro, porque desde siempre los trabajadores extranjeros son los chivos emisarios de las crisis de un sistema que los usa mientras los necesita y luego los arroja al cubo de la basura.
Nada tiene de raro, pero mucho tiene de infame.
La amnesia, nada inocente, impide que Europa recuerde que no sería Europa sin la mano de obra barata venida de afuera y sin los servicios que el mundo entero le ha prestado: Europa no sería Europa sin la matanza de los indígenas de las Américas y sin la esclavitud de los hijos del África, por poner sólo un par de ejemplos de esos olvidos.
Europa debería pedir perdón al mundo, o por lo menos darle las gracias, en lugar de consagrar por ley la cacería y el castigo de los trabajadores que a su suelo llegan corridos por el hambre y las guerras que los amos del mundo les regalan.

Desde el continente americano, julio de 2008,

Atentamente

Arxentina
Adolfo Pérez Esquivel - Premio Nobel da Paz
Atilio Boron, escritor
Hebe Bonafini, nais de praza de maio
Osvaldo Bayer - Escritor
Hermana Martha Pelloni - Dereitos Humanos
Diana Maffía - Filósofa feminista
Rally Barrionuevo – Cantautor
Claudia Korol, periodista, Clacso

Bolivia
Eduardo Paz, profesor universitario
Humberto Claure Quezada. enxeñeiro, editor revista Pátria grande

Brasil
Augusto Boal, teatrólogo
Afrânio Mendes Catani, profesor USP
Candido Grzyboswki, sociólogo, IBASE e FSM
Chico Withaker, sociólogo, FSM
Emilia Vioti da Costa, historiadora,
Elias de Sá Lima, enxeñeiro
Gaudêncio Frigotto, educador
Heloisa Fernandes, socióloga, ENFF
Jean Pierre Leroy, ambientalista, FASE
Jean Marc Von der Weid, economista agrícola, ASPTA
Joao Pedro Stedile, activista social, MST.
Mario Maestri, historiador,
Pedro Casaldaliga, bispo , poeta
Renée France de Carvalho, militante internacionalista
Rita Laura Segato, antropóloga, UNB
Vânia Bambirra, economista.
Vito Gianotti, xornalista

Canadá
Naomi Kleim, perodista, escritora, autora de "No Logo,"
Pat Mooney, pesquisadora de tecnoloxías
Michael A. Lebowitz, profesor, Simon Fraser University

Chile
Cosme Caracciolo, Conf. Nac. de Pescadores Artesanales de Chile
Luis Conejeros, presidente do Colegio de Periodistas de Chile
Marco Enríquez-Ominami, deputado
Manuel Cabieses, director da revista Punto Final
Marta Harnecker, sociologa, escritora
Manuel Holzapfel, periodista
Ernesto Carmona, conselleiro nacional do Colegio de Periodistas de Chile
Paul Walder, profesor universitario e periodista
Pedro Lemebel, escritor
Flora Martínez, enfermeira
Alberto Espinoza, avogado,
Tomas Hirsch, voceiro do Humanismo para Latinoamérica

Cuba
Aleida Guevarra, médica pediatra.
Joel Suárez Rodes, Centro memorial Dr. Martin Luther King,

Ecuador
Alberto Acosta, economista, asambleísta constituínte
Carolina Portaluppi, escritora
Juan Meriguet Martínez, comunicador
Pavel Égüez, artista plástico
Hanne Holst, feminista
Luigi Stornaiolo, artista plástico
Osvaldo Leon, periodista, ALAI
Verónica León-Burch, videasta

ESTADOS UNIDOS
Saul Landau, cineasta,
Norman Solomon, periodista,
Susanna Hecht, profesora de UCLA,
Richard Levins, profesor de Harvard,
Noam Chomsky, profesor de MIT,
Peter Rosset, investigador,
Fernando Coronil, historiador e antrpólogo, Universidade Nova York
Mario Montalbetti, lingüista e poeta
John Vandermeer, profesor de la Universidad de Michigan

Haití
Jean Casimir ,antropologo, escritor.
Camille Chammers, economista.

México
Subcomandante Insurgente Marcos, ciudadano del mundo en México
Ana Esther Cecena, economista, investigadora Unam
Felipe Iñiguez Pérez,
María De Jesús González Galaviz,
Pablo Gonzalez Casanova, sociólogo,
Luis Hernández Navarro, periodista de La Jornada,
Beatriz Aurora, artista mexicana-chilena,
Victor Quintana, deputado estatal e dirixente campesiño,
Raquel Sosa, escritora, profesora da UNAM
Rodolfo Stavenhagen, relator da ONU para dereitos indíxenas
Silvia Ribeira, investigadora,

Nicaragua
Carlos Mejía Godoy, cantautor (compositor y cantor)
Ernesto Cardenal, poeta, escritor e crego
Gioconda Belli, poetisa e escritora
Luis Enrique Mejía Godoy, cantautor ,
Mónica Baltodano, deputada, ex-comandante sandinista.
Dora Maria Tellez, ex-comandante sandinista
Sergio Ramirez Mercado, escritor.

Paraguai
Fernando Lugo, bispo en licencia, presidente electo
Marcial Gilberto Congon, pedagogo popular
Ricardo Canesse, ingeniero, parlamentar Parlasur

Perú
Aníbal Quijano, sociólogo, escritor
Carmen Pimentel, Psicóloga, escritora
Carmen Lora, Universidade católica de Perp
Mirko Lauer, poeta, ensaísta
Rolando Ames, científico social, escritor.

Uruguai
Eduardo Galeano, escritor
Antonio Elias, economista, SEPLA

Venezuela
Maximilien Arvelaiz, diplomata,