Xa é hora de que as mentes intelixentes do mundo, que as hai, analicen dunha vez con obxectividade a situación de crise económica e, sen medo a ninguén nin a nada, denuncien o que for preciso denunciar, sinalen as causas, expoñan a ruindade das correccións adoptadas deica agora, condenen a maldade radical do sistema financeiro actual -pola que, un supoñer, se seguen repartindo bonus millonarios á conta dos cartos dos contribuíntes-, peten con forza na conciencia dos gobernantes dos estados máis ricos -se a tiveren- chamándoos a interviren e regularen o proceso dos movementos de capital e bens entre os seus países a medio prazo de tal xeito que o teñan en todo momento controlado e subordinado ao único fin de superar as gravísimas eivas, seguramente pouco manifestadas aínda, da situación actual.
Aquí chegamos! Xa non se pode permitir aos políticos de curto prazo seguir cos seus mini-pésimos discursos pseudoliberais! Seica aínda non é hora de lles facermos saír á cara as cores da vergoña? Non os imos facer calar no seu baleiro bla-bla-bla? Permitiremos que continúen pescando en río revolto, afogando a conciencia crítica das persoas a base de demagoxias e mentiras?
Comprometámonos os economistas, os sociólogos, os filósofos... ; deixémonos de cómodos pragmatismos. Non é certo que a verdade estea en todas partes ao mesmo tempo e coa mesma calidade de presenza. Non é certo que todo vale. Rorty, se vivise, reaccionaría perante a situación actual e reconverteríase. Reconvertámonos e pronunciémonos. Non tanto dá!
No hay comentarios:
Publicar un comentario