Nun colexio dunha vila galega, no que máis do 17 % dos alumnos son fillos de inmigrantes estranxeiros, ingresaron contra febreiro deste ano varios nenos romaneses dunha mesma familia. Cando entraron, malamente falaban palabra que non fose da súa lingua nativa. Contra final de xuño, falaban todos eles elementalmente en castelán e con moitísima dificultade un pouquechiño de galego. Nese centro escolar cúmprese, sequera en canto á letra, o establecido na Lei de Normalización Lingüística, no Plan de Normalización Lingüística e nos decretos e normas en que aqueles se desenvolven. Quen é capaz de ver neste caso que se impuxese o galego e se erradicase o castelán?
E, porén, así se afirma sen ningunha vergoña e con carácter xeral, en referencia a todos os centros de ensino de Galicia. Tal é e tan grave, pregoan algúns desde o Club Financiero de Vigo, que varios empresarios e persoal altamente cualificado se van de Galicia, fuxindo desa imposición do galego aos seus fillos nos centros educativos. Que mentira máis grande! Aínda no caso de que os centros cumprisen de verdade a normativa actual sobre o emprego do galego como lingua vehicular no ensino non universitario, aínda nese caso é imposíbel a erradicación do castelán. El soíño é forte e deféndese sen necesidade de valedor. É coma o lobo entre as ovellas. Leva demasiado tempo, séculos enteiros, de lingua dominante e asoballante. Entra en todos nós, sobre todo desde hai unhas décadas, polos poros desde todas partes. É a lingua pública da industria, do comercio, da televisión, da radio, da prensa, da xustiza, da igrexa, da administración estatal, dos empregados da administración autonómica, dos pobres de pedir, dos inmigrantes e dos seus fillos mesmo se estes son de procedencia brasileira ou portuguesa. E, a pesar disto, alguén acaba de escribir que canto dixeron os asinantes do Manifiesto por la lengua común e mais os do documento do Club Financiero de Vigo, son verdades coma puños. O que? Son mentiras coma casas!
A verdade verdadeira ben a coñecemos os que andamos no medio destas cousas coma o cociñeiro entre pucheiros. A verdade é que case en ningures se cumpre de verdade a Lei de Normalización no referente ao ensino. A verdade verdadeira é que, quizais con contadísimas excepcións, os alumnos non universitarios do sistema de ensino galego teñen mellor competencia en castelán do que en galego. A verdade verdadeira é que a súa competencia no referente á lingua galega é moito menor e está sobexamente interferida polo castelán. A verdade é, sobre todo, que máis do 75 % do alumnado galego non universitario emprega neses centros educativos libremente só a lingua castelá como lingua habitual de relación cos seus compañeiros e profesores, ata o punto de seren eles os que lles fan cambiar aos galego falantes. Non acontece o que hai cincuenta anos, que se cadra chegaba un rapaz da R/ Riego de Agua da Coruña a un internado e antes dun ano falaba galego nos usos informais máis do que os seus compañeiros de procedencia rural. Acontece hoxe en día, pola contra, que da minoría galego falante do alumnado de centros en contorno castelán falante, os nenos, con tres e catro aniños, se pasan ao castelán como lingua habitual de relación no centro, mesmo estando en aulas onde as mestras e mestres empregan o galego á par co castelán.
Como se explica, pois logo, ese barullo doutra cousa? A ideoloxía traizoeira, cuxa función principal é a de encubrir e falsear a verdade, ao servizo de escuros intereses. Ou non tan escuros. Mais inconfesados sempre.
Haberá dez anos ou irá para eles que se realizou na Real Academia Galega un estudo sobre a publicidade e a lingua galega. Unha das conclusións do estudo era que o público prefería a publicidade en galego máis do que en castelán. Un galeguista, un chisco idealista el e de fáciles entusiasmos, comentaba comigo estas cousas cheo de optimismo e ilusión. Os empresarios, víñame a dicir, sonche moi listos. Así que xa verás como de aquí en diante cambian as cousas e aumenta de forma notábel a publicidade en galego. Eu díxenlle que non había de ser para tanto. Vós vístelo? É de supoñer que o estudo demoscópico estivese ben feito. Que pasou, logo? Nada: que a ideoloxía é capaz de lle facer ver a un que está no bo camiño, aínda que por alí se vaia directamente ao pozo.
Que máis quixésemos moitos, senón que eses agoiros levasen razón! Ata non nos había de importar que se fosen e non voltasen eses empregados altamente cualificados. A ver se así lles deixan o posto aos nosos mozos. Que ao mellor non están aínda preparados. Mais xa o estarán. A función crea o órgano e non o órgano, a función. Así, se cadra, vaise preparando a chegada do día en que a empresa, coma deica hai pouco o agro e a pesca –agora xa non tanto–, volva ao cabo de séculos á fala galega. Que razón nos asiste? A nosa, a dos pobres deste país. A razón dos máis débiles. Non sempre van ser os poderosos os que teñan razón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario