Fun unha vez á Misa de Rosalía e non voltei. Sería o ano 1966, quizais o 67. Non voltei porque o que alí vin non canxaba ben coas opcións persoais de orientación da vida e valores asumidos nos primeiros anos da miña mocidade. Unha actitude crítica natural, dous ou tres anos de estudos filosóficos, as correntes cristiás renovadas que se abrían paso co axornamento promovido polo papa bo e os primeiros pasos do Vaticano II... Abertas estas ventás, resultoume tremendo o que desde o peitoril delas se vía na maioría dos actores da Misa de Rosalía e nos seus xestos. Tremendo, digo, e non porque alí fixese eu experiencia do sagrado. Todo o contrario. Semelloume máis ben un xogo de nenos.
Cando eu era neno, xogabamos ás tendas e ás misas. Aínda que tamén agora xogan os pequenos ás labouras dos grandes, xa hai moito tempo que os non vexo xogaren ás misas. Aqueles eran xogos simbólicos, que cumpren, entre outras, unha función socializadora, a dunha primeira iniciación da infancia nos roles e actitudes da sociedade adulta. Cando eu participaba neles, facíao con boafé. Cría no que alí se realizaba. Lembro que o mesmo lles acontecía aos meus amigos e compañeiros. Logo crecemos e deixamos aquelas actividades lúdicas por outras que nos semellaban e se cadra non eran máis axeitadas á razón. Ouviamos falar da adquisición do uso de razón. En canto coidamos que xa o tiñamos, sentímonos chamados a nos implicarmos noutros labores e angueiras. A mesma sociedade adulta nolo esixía, e os máis serios de cada xeración colliámolo case ao pé da letra.
No transcurso da Misa de Rosalía daquel ano observei xeitos e actitudes semellábeis. Alguén a rebulir, de cote ergueito e co peito emprorado como pedindo douradas condecoracións. Sedicentes persoeiros da cultura galega a se entre si buscaren para que constase ben a súa presenza. Xente nova, militante ou próxima a correntes políticas desafectas ao réxime, que utilizaban aquel como un dos ámbitos onde podían facer remedos de libre expresión e manifestación. Persoas inxeis, mesmo inxenuas, poucas, que participaban no acto recollidas, como absortas nos seus rezos ou arroubos patrióticos. E, como formando a atmosfera que a todos nos envolvía, un estrañísimo ambiente mimoteocrático, heterodoxo, opositor... Aquilo era, ou semelloume, unha réplica e alternativa das celebracións institucionais teocráticas do mesmo día arredor da catedral, pretendendo cambiar ben poucos elementos do sistema, quizais introducir só uns recendos de ideoloxía galeguista nun contexto nacional-católico españolista.
Cada un fala da feira segundo lle foi nela. O dito expresará ou non o que a min me aconteceu. Recoñezo aos outros o dereito a teren outras experiencias e ideas. Só lles pediría, se tiver eu ese dereito, que sexan críticos con elas e sinceros con eles mesmos.
Talvez é tempo de ir soltando pexas do pasado e de introducir na celebración do día de Galiza –usemos a expresión de Castelao en Alba de gloria– elementos de auténtica innovación cultural e social, que abra para o pobo futuro ámbitos de festa e identificación colectiva nos que máis naturalmente e a pracer participe a maioría. Isto non quita que haxa ou deixe de haber actos diversos para grupos parciais satisfaceren as súas preferencias. Un deles podería ser unha misa en honor de Rosalía. Outros, os actos litúrxicos da catedral e demais igrexas. Con todo, aquel ideal que hai entre corenta e cincuenta anos percorreu a propia Igrexa, o dunha separación clara entre o sagro e o profano, non debería abandonarse. É unha aspiración da propia Igrexa, no que a ela lle convén, desde os afastados tempos da loita das investiduras. É noutras sociedades europeas un obxectivo acadado hai ben tempo por efecto da Ilustración e a Modernidade. Antes de nos deixarmos levar polo relativismo posmoderno, permitamos que o mellor da Modernidade sande o noso corpo sociocultural duns males herdados de tempos escuros.
Nesta liña, hai unha lideira na que os crentes críticos deberiamos implicarnos con pacencia e sabencia: a de liberar as celebracións litúrxicas da festa do Apóstolo de todo sabor teocrático. O primeiro será eliminar delas calquera elemento referente ou que simplemente soe a nacionalismo español. Vai ser difícil de conseguir. Hai que cambiar tantas cousas: os textos da liturxia, o do himno xacobeo oficial, as actitudes dos cregos, as dos políticos...! E non se trata de despois os substituír por elementos referentes ao nacionalismo galego. Non é iso. Pola mesma razón, a volta da Misa de Rosalía en Bonaval, se se recuperar, sería ben que o fixese ceibe de todo restoballo ideolóxico. O contrario supón, entre outras eivas, vedala á participación da maioría do pobo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario