jueves, 29 de abril de 2010

No día das nais

Manteño o comezo do título do artigo que Xaquín Campo Freire me envía. Expresión fonda dun sentimento antigo e duradoiro, cada vez máis íntimo. Denuncia de carencias dos coidados máis elementais, feito por un profesional da sanidade. Cando aprenderemos a ver que, soberbios coma demos, os homes e mulleres dos dous últimos séculos fomos os instrumentos máis eficaces que nunca a humanidade tivo a prol da morte, a irracionalidade e a deshumanización? Antes foron quizais máis brutos. Agora máis ruíns.

NO DÍA DAS NAIS, PARABÉNS

A MOITOS!

Xaquín Campo Freire.- Narón, 28, 04-2010.

Veño de escoitar a noticia: Morreu unha nai en Vigo a pouco de dar a luz. Así de entrada, teño de ser sincero: Non son en absoluto obxectivo neste tema. Miña nai morreu dunha forma algo parecida. Mas iso foi no ano 1944. Nin sequera había penicilina e si moita fame e tamén medos. Por esas datas, o Dr. Fleming viña de descubrir o grande remedio contra das infeccións bacteriolóxicas. Pero xa non había nada que facer. E así o aceptamos con moita coraxe e forza interior. Sabiamos que o futuro ía ser ben cruel connosco. E foino. Pero estamos aquí. Porque o amor e a humanidade que nos mostraron en toda a comunidade rural foi inmenso. Para todos eles, que foron moitos, grazas infindas. Soubestes suplir moitas carencias. Grazas!

Agora, no 2010, cando lemos estes casos, non tan raros, caemos na conta de que non somos deuses. De todos modos, cústanos aceptar e comprender como pode ser que no primeiro mundo morra una muller nos intres de dar a vida. E no terceiro e cuarto mundos? E na miseria, fame e sede? E nas guerras e nas explotacións do mundo da muller? É que elas non son nais coma as nosas e non lles doen os seus fillos? E non choran anticipadamente os seus orfos?

O día da nai celebrámolo con moitos agasallos e moitos parabéns. Con moita festa. Que marabilla! E tamén adicamos un recordo moi fondo e tenro para as que xa nos deixaron definitivamente. Uns poñen ramos, outros crean expresións literarias ou mesmo musicais. Aos que somos crentes a fe préstanos unha forma axeitada de vincularnos dunha maneira viva desde unha presenza espiritual sempre inmorrente. Hai unha esperanza.

O elemento festivo enche o ambiente e é mellor así. Mas no día seguinte e en todos os días do ano non podemos esquecer isto: Dar a vida custa a vida. Tanto se se morre no intento, coma se se vai facendo pouco a pouco. Porque morrer tamén é ver morrer. E ver morrer os fillos é peor que morrer un mesmo. Principalmente cando a morte non ten sentido ou, peor aínda, cando a vida vai por vieiros de morte, desas mortes que non debían ser. Impresionoume, nunha visita ao cárcere, ver os nenos de nais presas que están dentro da prisión. E dixo Curros: “se este é o mundo que Eu fixen ,..." Teño que confesar que chorei. Unha nai nunca debera estar na cadea e os nenos endexamais!

Que bonito é felicitar ás mamás e ás avoas e trasavoas nestes días. Para elas, as miñas e as nosas mellores mostras de cariño e as meirandeS tenruras. De todo sodes merecentes.

Mas, malia que vaia a contracorrente e se me acuse de non seguir a tendencia do pensamento positivo do Dr. Seligman, de quen son un afervoado seguidor, permítaseme que neste día me poña na fila dos que teñen o corazón ferido. Iso non quer dicir que avogue polo pesimismo. Todo o contrario. Só quero salientar ese outro grupo grande de nais de todos nós que queren acoller e recibir unha lembranza sentida e ao mesmo tempo unha promesa de facerlles honor á súa vida entregada, dorosa e dorida, que loitando bravamente pola vida deixaron a vida en nós plantada. De non ser así, de non sumarnos á súa causa, silenciosa e silenciada, mesmo traizoariamos a súa fonda razón de ser nais: Deron a vida para que a vida non esmorecera con elas.

Para vós, nais de todos os tempos e idades, de todas as terras e lugares, para vós, queridas nais, sempre un amor. O que vós nos destes. Para vós un bico e unha pregaria confiada e agradecida. E por cima de todo, respectaremos e defenderemos canto acompañe sempre a maternidade. Sempre de vós

miércoles, 21 de abril de 2010

Voltarei axiña

Ultimamente deixei de alimentar regularmente esta bitácora por varias causas. Entre elas, hai dúas principais. Unha, nos seis meses derradeiros maiormente, está relacionada coa preparación próxima dun libriño sobre a lírica xacobea. Anexo a unha antoloxía temática. Editarase dentro de pouco, dous ou tres meses, entre as monografías de Encrucillada. Outra, de hai máis dun ano, está relacionada coa miña atención ao asedio que neste tempo vén sufrindo a lingua galega, por parte de quen máis a deberían mimar, inxustamente. Sobre este tema, a miña penúltima entrada neste blogue.

Voltarei axiña, coido. O libro estará presto dentro dun mes máis ou menos. Logo teño aí pendentes de redacción un artigo para un libro en colaboración e mais o texto dunha representación. Coido que lles dedicarei outro mes, aproximadamente. A miña atención ás manobras de asedio social e político á nosa lingua éme cada vez menos premente. Xa lle dediquei moito tempo e abondas coitas me ten causado. Penso descansar un chisco desta angueira, aínda sen a perder de vista.

Teño mentes de recuperar xa dúas preocupacións fundamentais desde hai uns anos. Unha é aquela pola que iniciei este blogue, a da crítica da ideoloxía dominante e das súas derivacións e reforzamentos, tantas veces involuntarios e inconscientes, co obxecto de lles contrapor tanto a procura da racionalidade como a supremacía de todos os valores consontes coa irmandade universal humana e a solidariedade co fondo do ser e da vida. É urxente a dedicación a esta angueira. Poucas veces coma arestora estiveron estes valores así de ameazados, en ruína continua e xeralmente inadvertida. Así é máis grave o perigo!

A outra preocupación é a da normalización do corpus da lingua galega, desque este se está derretendo dentro da mestura lingüística do galego no castelán, nun "subilingüismo" témero e ruín do que para a nosa lingua se derivan males maiores aínda do que os causados pola perda de falantes e a interrupción da transmisión interxeneracional. Baixo esta preocupación iniciei hai dous anos o http:/demeublog.blogspot.com, isto é, Lerias sobre a lingua, que polas causas enriba referidas, teño aínda menos atendido do que este.

Dentro de dous meses, se por ben é, voltarei para lles dedicar a entrambos o mellor da miña dedicación e empeño. Entrementres, publicarei neles algo se me lle cadra facelo sen moito gasto de tempo.

viernes, 19 de marzo de 2010

Tres tabús do goberniño

A lectura do anteproxecto do "Decreto de plurilingüismo" que está preparando a Xunta de Galicia co fin de deconstruír o cativo labor de normalización da lingua galega realizado nos últimos vinte e cinco anos en Galicia, chamoume a atención polo evidente empeño que puxeron en evitar o vocábulo normalización. Isto ten o seu aquel. Así mo explico, segundo escribín noutro meu blogue:

Quérovos falar de tres tabús do goberniño que temos desde hai un ano na Xunta de Galicia. Refírome aos relacionados co tratamento que lle dá á lingua galega, pois outros tabús terá; aínda que neles eu non pensase deica agora. Onde hai cativeza e curtidade, os tabús inzan coma ratos. Buscade tales propiedades e outras semellantes alá onde quixerdes. Aposto o que for a que non achades en ningures a antonomásica realización que velaí: neste noso goberniño frívolo, superficial, ridículo e ideoloxizado ata as cachas.

A palabra normalización constitúe o primeiro e principal tabú do goberniño. Se lerdes o anteproxecto do seu desventurado decreto de plurilingüismo, comprobaredes que foxen dela coma o demo da cruz. Non se entende ben por que. De grao ou por forza, o tal decreto téñeno que referir, como á súa fonte, á Lei de Normalización Lingüística. Sendo así, o decreto debería tender, como un medio ao seu fin, á consecución do único grande obxectivo desta lei, isto é, á normalización social da lingua galega. E isto significa, segundo a devandita lei, converter a lingua propia deste país no que debía ser e non é: coñecida, querida e empregada para todos os usos e en todos os ámbitos.

Mais, neste goberniño, unha pecha e roma ideoloxía pasa por riba de todo. Eles seguen os que, xa desde hai anos, veñen criticando o uso e o concepto de "normalización lingüística", pois seica é cousa dos lingüistas cataláns, que tanto lles cheira a catalanismo, un nacionalismo vitando. Aínda que a este noso goberniño se lle podería recoñecer o dereito a soster unha ideoloxía oposta a esoutra suposta que eles denigran, en virtude do principio de legalidade hai que lles negar o dereito a renartemente socavaren unha lei vixente, pois ao tal faceren traballan xustamente en contra da consecución do obxectivo da mesma e impiden así o seu cumprimento.

Os outros seus tabús, verbo da mesma materia, estes son: inmersión lingüística e mais discriminación positiva.

Para eles a inmersión lingüística é rexeitábel. Referida ao galego, claro está. Referida ao castelán, pola contra, ou a unha lingua estranxeira, resúltalles un método pedagóxico eficaz e xeitosísimo. Mais para o galego...! Como se pode explicar tamaña incoherencia? Non a hai! Na súa lóxica, claro está. Unha cousa é mergullarse na gloria e outra moi distinta mergullarse na merda. E xa se sabe onde calquera preferiría mergullarse se lle deren a escoller entre esas dúas. Para eles o galego é noxento, unha lingua esmorecente, moribunda; e non porque alguén lle fixese dano e causase a enfermidade, senón porque na loita pola vida lle cadrou ser a máis débil, o peixe pequeno comesto polo grande, o pobre camarón engulipado pola lura caganegro.

Discriminación positiva deste becho, para que? Pobre desgrazadiño, malpocado...! Para que? Para alongarlle unha vida miserenta e digna de mágoa? Non, claro! O natural é deixalo morrer. Agora ben, non por iso lles hai que amargar moito a vida aos pobres falantes que non tiveron a sorte de poderen aprender a desenvolverse con toda facilidade en castelán. Xa eles fixeron abondo con traspasaren os seus fillos, e estes coa súa colaboración os seus, á banda dos castelanfalantes renegantes da lingua dos avós! Agora é cousa de os deixar morrer canda a súa lingua materna e, entrementres, ir falándolles, ademais do castelán e como piedosa concesión, un galego "cordial", empobrecido en si e enriquecedor para a nova lingua "propia" de Galicia, o castelán arrecastado destas terras, que para moitos é "tan gallego como el gallego".

Alguén pensará que eses tabús non teñen lóxica. Claro que a teñen! A da ideoloxía dominante. E sobre todo a deste goberniño, que reforza esa ideoloxía, perfectamente alleo á racionalidade e á verdadeira condescendencia coa xente do pobo. Non é estraño. Son herdeiros e representantes dos que desde hai séculos se impuxeron nos núcleos urbanos de Galicia dispostos a levar sempre, con razón ou sen ela, a auga ao seu rego. Agora é cando se aproximan á vitoria total e definitiva. É o máis triste do conto. Ese final previsíbel.

viernes, 26 de febrero de 2010

Crónica dun asedio

Hai un mes escribín, urxido polo consello de redacción da revista Encrucillada, unha crónica e toma de postura perante o asedio sufrido nos últimos meses pola lingua galega, obra paradoxalmente dos nosos gobernantes autonómicos, aínda que inspirada e alimentada desde instancias exteriores ben radicais e perigosas. O artigo acaba de aparecer impreso no número 166 da revista. Non sei se será accesíbel na web da mesma (http:/www.encrucillada.es). Polo si ou polo non, encóloo tamén neste blogue.

Asedio á lingua galega

Por Xesús Portas Ferro

Nubes negras de trebón

Vai para dous anos, no consello de redacción de Encrucillada decidiamos pedirlle a Agustín Fernández Paz un artigo sobre a situación social da lingua naquela altura. A nosa preocupación estaba non tanto en lle tomar o pulso ao proceso de normalización, como en calibrar canto podía estar incidindo nel a intensa oposición ao mesmo que entón arreciaba desde sectores e forzas diversas de fóra e do interior de Galicia.

Xa acontecera a publicación do malfadado “Manifiesto por la lengua común”. O Partido Popular de Galicia, por orde da dirección do PP español, mantiña e sostiña a súa inimizade contra a aplicación do decreto 124/2007 da Xunta, cando este apenas levaba un ano de vixencia e só timidamente se comezaba a pór en práctica. Importantes medios de comunicación erixidos en representantes da ideoloxía españolista máis conservadora denunciaban como unha invasión as pequenísimas e case simbólicas, litúrxicas,presenzas da lingua galega nalgúns ámbitos superstruturais da vida social galega. No mesmo interior de Galicia encetábase, por parte dunha asociación e de varios persoeiros, unha serie de enrabexadas campañas tendentes a levantar a poboación escontra o proceso de normalización lingüística, denunciando sen ningún receo a suposta “imposición do galego” e a proscrición do castelán.

Agustín Fernández Paz accedeu daquela á nosa encarga e agasallounos cun breve e clarificador artigo, Do pasado e do futuro, ou A lingua en Galicia, respondendo lucidamente ás circunstancias coxunturais. Baixo eses dous títulos se pode ler o artigo en Encrucillada, nº 161, xaneiro-febreiro de 2009, e mais, aínda hoxe, na web da revista. Apenas publicado o artigo, foi cando unha das máis belixerantes asociacións creadas neste país co obxecto de atacar a nosa lingua coa escusa da liberdade individual, montaba en Compostela unha minoritaria manifestación, aínda por riba avultada con persoal traído de alende o Padornelo. Ao mesmo tempo, o PP, en campaña electoral para as autonómicas, facía súa a causa desa asociación, a cuxa manifestación se sumara. E de alí a uns días, nas kalendas de marzo, gañaba as eleccións: alea jacta est! A sorte da desgraza.

Barullo e desgoberno

Logo fai un ano desde aquela. En todo este tempo, se algo fixeron o goberno autonómico e o seu presidente, foi enredar e embarullar o país coa súa teima de diminuír a presenza da nosa lingua na educación e na vida social galega. Seica lles parece inchada. Seica dana a lingua castelá e o dereito dos castelanfalantes a se desenvolveren con toda comodidade na súa lingua. O dereito dos castelanfalantes e a súa liberdade lingüística en perigo! Fai falta estar nas nubes! Nunca estivo ameazada nesta terra desde hai polo menos catro séculos, cando, sendo os castelanfalantes unha exigua minoría, conseguiron botar o galego de todos os usos formais na vida da nosa sociedade, nomeadamente da administración e da educación.

Porén o noso goberno teima que teima no seu empeño de cumprir unha promesa electoral e reinstaurar a liberdade. O exercicio da liberdade individual no referente á lingua do ensino ocorréuselles vehiculalo a partir da elección dos pais; isto esixiría, loxicamente, satisfacer as opcións de cadaquén, tamén as que resultasen minoritarias. Consecuencia rigorosa sería a segregación do alumnado, e chegaron a declarar que non a excluían como solución. Non se decataban da súa ilegalidade. Ademais resultaria economicamente custosísima. Por tanto, prevalecería a opción maioritariamente elixida. E como se respectará entón a liberdade dos que optaren pola minoritaria, foren moi poucos ou tantos coma o 49 %? Non contestan. Ou recorren ás regras do xogo democrático, relativizando así radicalmente o seu cacarexado principio da liberdade lingüística individual.

Outro atranco co que se atoparon foi que o Estatuto de autonomía e a Lei de Normalización Lingüística obrigan os poderes públicos a promoveren o uso da lingua propia de Galicia. Co que teñen difícil compracer os seus amigos e amigas, que reclaman poder elixir para os seus fillos estudaren só ou case só en lingua castelá; ou máis ben que se recoñeza de dereito o que está instaurado de feito en moitos centros educativos de primaria e secundaria, principalmente entre os de titularidade privada. O subterfuxio que se lles ocorreu foi o de explotar o recurso ao plurilingüismo. Por iso, xa na irrisoria consulta aos pais, no mes de xuño pasado, se lles preguntaba se querían que se impartisen materias escolares en inglés. E nas ditosas Bases ou “borrador”, parto dos montes que comezou a rebulir polo Nadal, cuantíficase mesmo e distribúese; o que reparte, ben reparte: 33 % para o inglés e o resto, a partes iguais entre galego e castelán. Porén aínda se mantén a pretensión de deixar decidir aos pais. Para que se todo está xa repartido?

Da incredulidade á mobilización

No corpo social, sacada unha minoría que as campañas mentireiras gañaran para a reivindicación da liberdade perante a suposta imposición, a primeira resposta maioritaria abalou entre o cauto silencio e a incredulidade. Uns non sabían o que pensar ou dicir. Outros non daban creto a semellantes ousadías. Só a parte moi consciente da grave situación da lingua galega se decatou axiña de que a ameaza ía en serio, e foi quen de prever a inmensa gravidade dos seus efectos. Desta parte xurdíu a loita, tanto a da razón e a palabra como a das mobilizacións. Entre estas, son salientábeis as tres grandes manifestacións celebradas en Compostela nos meses de maio, outubro e xaneiro. Tanto ou máis do que a elas, interesa referírmonos aquí aos pronunciamentos, artigos, opinións, manifestos e análises das Bases, en que se razoa contra a desventurada pretensión do goberno da Xunta. Toda unha inmensa palestra de datos, ideas e valores foi posta a trafegar, sen que polo que parece o noso goberno, insensíbel ante tanta riqueza e rigor, se amose atinxido. Só a ofuscación ideolóxica dá unha explicación a tal cegueira.

O principais erros que se lles afeou foron o de estaren provocando unha freita social e o de causaren enfrontamentos persoais e conflitos no seo dos grupos e institucións. Algún conflito houbo xa e moitos e máis graves se producirán se por desventura os proxectos do goberno foren adiante.Todo o proceso que conduciu á elaboración das Bases do futuro decreto xerou unha tensa confrontación política e social, na que se evidenciou que grande parte da sociedade galega non permitirá que se menosprece e infravalore a súa lingua. Témese, con abonda preocupación no ámbito educativo, que o conflito social se traslade ao interior del, provocando enfrontamentos e grave deterioramento da paz e relación de confianza mutua entre os diversos sectores e persoas da comunidade educativa, condicións imprescindíbeis para o desenvolvemento cabal da súa función.

Outra liña de razoamentos nucleouse arredor dos gravísimos retrocesos de competencia e uso da lingua galega que derivarían do plan proposto. Non cabe ningunha dúbida de que causaría unha severa involución no proceso de normalización da lingua galega. A súa aplicación faría imposíbel que a maioría dos alumnos chegue a ter unha aceptábel competencia comunicativa na lingua propia do país, agravándose así o déficit que xa existe na actualidade, segundo sinalan todos os estudos científicos, e que só é posíbel corrixir con medidas de discriminación positiva a prol do galego. Polo mesmo, desde calquera posicionamento rigoroso e non ideolóxico, vese necesario recuperar como principio de actuación o tratamento desigual das realidades desiguais e como inxusta a pretensión dun suposto trato igual aos desiguais, pois este sempre obra en prol do enfortecemento do máis forte e en maior debilitamento do máis débil. Importa, neste eido, non tanto a saúde das linguas en contacto canto o dereito dos seus utentes a desenvolveren a vida sen dificultades nin minoración social por causa da súa lingua predominante. Verbo disto, os galegofalantes son os grandes prexudicados. Somos de feito os únicos que con frecuencia nos vemos, de grao ou por forza, en situación de nos expresarmos e descodificarmos mensaxes en lingua castelá. Isto apenas lles acontece aos castelanfalantes de entre nós, que polo mesmo poden, sen mingua ningunha da súa dignidade e intereses, prescindir case por completo de usaren pasiva e activamente a lingua galega. E isto sucede no país dos galegos! Contra toda equidade. Con total falta de reciprocidade. A discriminación positiva para corrixir desigualdades históricas é lexítima: está solidamente asentada na lei e na xurisprudencia .

Incidiuse tamén na senrazón que supón asociar preconceptual e connotativamente o galego coa imposición, e o castelán, coa liberdade. É o que fixo a Xunta, seguindo nisto os inventores dunha inmensa mentira. Era o que nos faltaba, despois do noxo ou odio que xa a moitos galegos lles causa a nosa lingua mentres teñen a castelá por nobre e dignificante. Como valentemente fixo notar o CCG (Consello da Cultura Galega), nunca, nin antiga nin recentemente, se produciu nalgures imposición ningunha da lingua galega. Isto é así, digan o que dixeren do outro lado. Garantir o contacto da infancia cunha das linguas oficiais da sociedade para a que os meniños están sendo socializados, como se tentou de levar a cabo e nin case se encetou na Educación Infantil, iso tense como unha imposición! Só o noxo pola nosa lingua pode ser a causa de soster tal sensentido; se non for en virtude dunha ideoloxía nacionalista española resesísima e refugábel.

As institucións máis autorizadas, como a RAG (Real Academia Galega) e as tres universidades, cualificaron de ”inaceptable”, “inconsistente”, “irresponsable” e “insostible” o contido das Bases. A maiores da imposibilidade de o levar a cabo no referente ao terzo do inglés, este particular aspecto considérase unha provocación. Denúnciase que a consellería de Educación se lanzase alegremente a propor unha reforma incoherente, descoñecedora das máis elementais bases psicopedagóxicas, didácticas e sociolingüísticas. As universidades non entenden que non se contase con elas e cos seu departamentos especializados para informar ou opinar sobre a proposta. A proposta da Xunta ben merece esas cualificacións, por moito que lle doa ao seu presidente, quen uns días antes ousaba cualificar de “radicais” e “irracionais” as persoas e grupos que desaprobamos con razóns abondas as súas pobres e ben inxustas Bases.

As proclamas a prol da liberdade son puras falacias. Liberdade dos pais para elixiren a lingua do ensino. Liberdade do alumno para usar na aula e dirixirse ao profesorado na lingua que lle pete. Liberdade entendida simplemente como “real gana” e non como posibilidade de elixir con igual capacidade e avantaxes entre distintas opcións. Que pobre filosofía por paupérrima ideoloxía! Contra esta falacia vai ficando ben claro que só o coñecemento dunha lingua fundamenta e é condición inescusábel para ter a liberdade de usala. E logo a liberdade dos pais? Os pais non teñen ningún dereito, polo menos o Tribunal Constitucional negóullelo, a escoller a lingua do ensino dos seus fillos. De por parte, é froito dunha miraxe pretender que os pais galegos son quen de elixir con liberdade o ensino en lingua galega, sendo esta a cincenta da casa e a lingua oculta, invisíbel, minorada. Como sentencia a RAG, unha enquisa oficial e legal nunca debe formular preguntas de resposta condicionada.

Moitas outras razóns se barallaron, ben válidas case todas, que neste artigo de urxencia debemos deixar de referir. Aludirei á posíbel ilegalidade de varias pretensións das Bases, remarcadas por un grupo numeroso de xuristas e pola RAG. Apuntarei soamente o referente á inmersión lingüística aplicada ao galego, que é demonizada polas Basescando, como lles advirten desde a RAG e o CCG, se trata simplemente do método didáctico máis eficaz para a aprendizaxe das linguas. Mencionarei finalmente a incoherencia que supón o feito de o PP estar vindo a trasacordo dunha política lingüística que, mentida ou sentida, estivera promovendo ao longo das dúas últimas décadas e á que en 2004 tentou que se lle dese un novo e decidido impulso, ao se aprobar por unanimidade do Parlamento Galego o PXNL (Plan Xeral de Normalización da Lingua). Desde este punto de vista, esíxeselle ao goberno a volta ao consenso que só eles romperon, non os outros partidos nin a sociedade.

O quid da cuestión

Despois destes acontecementos, non se sabe moi ben a onde imos chegar. Podemos esperar o peor, vista a teimosía dos gobernantes. Cabe esperar un certo tempero da persecución, sobre todo se pensarmos que algún efecto han ter a razón e a protesta. Porén o problema seguirá aí, vivo e irresoluto. O grande problema da lingua reside, máis do que no goberno, na propia sociedade. Mentres nesta non xurdir un forte movemento de recuperación e dignificación da súa lingua propia, pouco haberá que facer. A situación é ben coñecida. A RAG expona moi ben deste xeito:

“A lingua galega, é dicir, os falantes de lingua galega, non precisan documentar a súa marxinación histórica: é ben coñecida non só por séculos de emigración dun país non pobre ou pola forma en que a figura do galego é remedada na literatura en castelán, senón pola baixa autoestima con que moitos galegos miran hoxe aquilo que máis os define, que é a lingua, prexuízo que lles impide exercer o seu dereito a usala. Chega con ver a desvantaxe que sofre hoxe nas relacións sociais non pouca xente galega que pretende empregar o galego con normalidade en todos os eidos da súa vida. Chega con comparar a oferta que hai hoxe en galego e en castelán na TV, na radio, nos cines, en xornais, en misas, nas aulas universitarias, na publicidade, no comercio, na banca, etc. Esta é unha sociedade na que conviven dúas linguas pero de xeito asimétrico; hai unha lingua propia que ten que loitar día por día para non perde-lo seu terreo e hai outra que goza de inmensas regalías e todo lle vén á man.”

Vinte e cinco anos de actividade normalizadora, por certo nunca tomada moi en serio, apenas produciron melloras nunha situación que ten séculos de vixencia. Dúas dinámicas e outra media seguiron empeorando, na gran masa social, a situación de que se partía no momento de se encetar o proceso normalizador. A primeira desas dinámicas consiste en que se seguiu espallando a difusión do castelán desde os núcleos urbanos para os barrios e as zonas rurais. Esta bóla de neve nunca deixou de rebolar e engrosar. Esta mancha de aceite non cesou de escorrer. A segunda dinámica ten que ver co traslado da poboación rural ás áreas urbanas, resultando nestas asimilada con facilidade aos usos, tamén aos lingüísticos, da poboación receptora. E a terceira, a outra media que dicía, constitúea a poboación inmigrante. Boa parte desta é de orixe hispanoamericana. A restante intégrase na comunidade e usos lingüísticos predominantes.

A todo isto semella que, con maior ou menor influencia da ideoloxía, un certo sector duro de habitantes da Galicia urbana –adoitan evitar chamárense galegos- que teñen o castelán como única lingua de instalación e relación desde varias xeracións, decidiron opoñerse decididamente aos progresos da presenza social da outra lingua nos ámbitos en que estaban afeitos a topar só coa súa. Esta é a verdade. Sería parvo non querer vela. A outra verdade do barqueiro é que o PP está con eles. Deica agora aqueles exerceron máis ben unha desobediencia medio disimulada, unha xorda renitencia perante as medidas normalizadoras e unha raposeira ignorancia da cultura de expresión galegófona, da que non sentían necesidade. De por parte, a cultura popular e de masas seguiuse desenvolvendo totalmente en castelán, con se cadra unhas pequenas pencas da produción cultural autóctona. Esta, selecta e minoritaria,desenvolveuse maiormente en paralelo coa primeira, polo que poucas veces ocorreu encontro ou intersección dunha coa outra.

En moitos ámbitos, como ben nos lembra o parágrafo citado da análise da RAG, o proceso normalizador non callou. Tímidos intentos se produciron como moito, que aí morreron, sen progreso nin continuidade. O caso do ámbito eclesiástico é paradigmático. Ben veces se ouviu poñeren como escusa que o pobo o rexeitaba. É o mesmo que aduce agora o conselleiro de Educación: “ Ningún proxecto lingüístico podería ser realizado se a sociedade non o ampara”, seica declarou tras a manifestación do 21 de xaneiro. Ao tal dicir, refírese a que a presenza do galego no ensino non pode ser a que marca o decreto actual, porque a sociedade non o admite. En realidade, quen non o admite é ese núcleo monolingüe acérrimo e ideoloxizado do que naceu a ofensiva contra o galego, que asemade constitúe o nicho ecolóxico no que eses posicionamentos achan máis doada acollida e inzamento. O peor do caso é que están a gañar moito terreo. Non só no referente a que o goberno os secunda e segue, senón tamén en que conseguiron xa bastante recuamento das actividades en galego de persoas e institucións públicas. Aduzo dous casos entre moitos que hai por aí. A Deputación de Ourense acaba de publicar un libro sobre a gaita en catro idiomas, un deles o castelán; o galego non está. Caixanova viña editando un calendario mural en galego durante varios anos. O do ano 2009 publicouno nas cinco linguas oficiais da península ibérica, incluído o portugués, salientando polo tamaño das letras unhas veces o castelán –nos lemas das láminas– e outras, nos nomes dos meses, o galego. O do ano 2010 está integramente en castelán, incluído o santoral, engadindo só os nomes dos meses, con tamaño pequeno de letra, en galego, catalán e eusquera.

O que nos queda

O que nos queda por facer é moito. Ante todo hai que facer valer a razón e a verdade. A ofensa sufrida pode servir como revulsivo. Cómpre aproveitarmos a ocasión. Para que a razón e a verdade cheguen ao corpo social e á maioría das persoas, é preciso pór en marcha as accións e tácticas máis eficaces que se poida procurar. Teremos de resucitar a pedagoxía do oprimido. Cumprirá intervir socialmente como parteiras e axentes de concienciación. Haberá que facerse presente con esas bagaxes en todas as plataformas e ambientes a onde for posíbel acceder: asociacións, clubs, grupos de traballo. Haberá que crear outras: grupos de reflexión e acción a prol da lingua, aulas abertas de lingua e cultura galega, novas “irmandades da fala” para a situación actual. Teremos que nos mollar aí todos, baixándomos da nosa nube cultural de elite os que tendemos a vivir en torres ebúrneas. Como dixera Lorca un día, en tempos coma estes é preciso metérmonos na lama canda os que chapuzan nela en busca de azucenas.

Xesús Portas Ferro

licenciado en Filoloxía, mestre


domingo, 22 de noviembre de 2009

A responsabilidade dos climato-escépticos


O derretemento dos xeos terrestres pódelle custar á humanidade dez veces máis do que lle está custando superar a crise financeira. Segundo un recente estudo científico publicado onte* por WWF (World Wide Fund for Nature) e a aseguradora Allianz, estamos a piques de que tamén aquí se faga realidade a noción intuitiva de que un cambio pequeno pode carrexar detrás súa grandes diferenzas. O sector asegurador está atento ás previsións e anda botando con tino as súas contas. O estudo vai devullando os custos previsíbeis desas consecuencias en distintas zonas do planeta; por exemplo, os dos efectos do aumento do nivel dos océanos (en forma de inundacións, tornados, etc.) sobre unhas centro trinta cidades costeiras, de aquí a corenta anos. Calcúlanse eses gastos nuns 28 billóns de dólares, case 19 billóns de euros. Os custos da actual crise financeira mundial avalíase arredor de 2 billóns de euros nos dous anos que leva.

Os danos do efecto invernadoiro son xa en boa parte inevitábeis. Máis do que en tornalos, pénsase no modo de os afrontar, mesmo no de lles ir pondo remedio desde agora, sen esperar á gran pancada. Por exemplo, proponse non construír en cotas moi próximas ao nivel do mar, ir trasladando desde agora contra cotas máis altas a poboación das zonas baixas do litoral, construír diques onde for posíbel e rendíbel... Secomasí, a medida máis razoábel e necesaria sería a de, durante uns anos -entre cinco e dez-, deter en todas partes o crecemento mundial de emisións de gases de efecto invernadoiro, para despois dese tempo os ir facendo diminuír progresivamente. Cóidase que só así se poderán escorrentar as enormes catástrofes que, de continuarmos polo rumbo que levamos, sobrevirán a máis longo prazo.

Dentro duns poucos días terá lugar en Copenhague a conferencia da ONU sobre o clima. Deberían nela tomarse decisións que supuxesen un importante paso adiante verbo do acordado na de Kyoto. Porén semella que apenas se avanzará nada. Estados Unidos e China polo de agora seica non están moi dispostos a temperaren as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Europa, en xeral, acode cunha actitude máis xeitosa. Os países en desenvolvemento, pola súa parte, necesitan, para deteren e logo reduciren as súas emisións, que se lles axude económica e tecnicamente a fin de que a súa colaboración non repercuta moi negativamente no seu progreso. Segundo algunhas avaliacións, non sería sobexo o custo mundial desa política de detemento e logo redución das emisións nocivas; calcúlase nun billón de euros ao ano durante un decenio, ou sexa, máis ou menos o mesmo que nos custou facer fronte á crise financeira, e un dez por cento, aproximadamente, do que o mundo dedica cada ano a gastos militares.

Os científicos e as organizacións ecoloxistas e humanitarias ven claro que por aí hai que ir. Da outra banda hai grandes intereses en xogo. Desde moitos recantos xorden voces que poñen en dúbida as análises e previsións dos científicos. Son voces, tamén elas, interesadas. Ou ben pagadas. Semellantes a aquelas que, non tantos anos para atrás, negaban ou discutían os efectos nocivos do tabaco verbo da saúde e a vida. Xorden tamén estas voces entre os políticos, dos que á fin e ao cabo, dependen as decisións precisas. Entre os políticos españois, hai un ben empoleirado que non moi remotamente se declaraba escéptico neste asunto, encostado na autoridade dun curmán seu, profesor de Física. As catástrofes que os nosos netos pagarán co seu diñeiro, a súa saúde ou a súa vida, a historia lles dirá a quen llas deben. A todos nós, que estamos tirando máis ou menos proveito da desfeita da natureza nai, sen coidármonos dos que veñan detrás. Mais deberanllas, en maior modo, aos nosos políticos e a eses climato-escépticos ou interesados negadores do quecemento climático, por seren eles quen disuaden os políticos de faceren sobre o caso o que é debido, ou polo menos lles ofrecen escusas para pecharen ollos e ouvidos ante as graves doenzas do planeta.

Os que os vemos seguiren tan tranquilos perante o maior reto deste século, temos abondas razóns para deles desconfiarmos e da súa verborrea populista, coma esa de cando a boca se lles enche queixándose dos sufrimentos dos desempregados e demais vítimas da crise económica. Pouca cousa será esta, comparada coa apocalipse que ameaza esmagar a humanidade de resultas do desarranxamento climático!


Nota:

* Onte quere dicir o 23 de novembro. Esta parte do artigo foi redactada o día 24.

martes, 17 de noviembre de 2009

Virá un día en que nós

Virá un día en que todos,
ao erguermos a vista,
veremos unha terra
que poña liberdade.

Así comezaba unha canción de Labordeta, non lembrades?
Agora está mal visto albiscar, imaxinar e desexar calquera mundo mellor.
Está prohibido o paraíso!
Non sei quen dicia, ou seino, que é perigoso
porque seica os que tal fixeron, o que crearon foi
un inferno, no canto dun paraíso, na terra.

O inferno están a nolo crear, coma demoníacos demiurgos,
os causantes dunha crise económica que non vai ter fácil saída,
á mundial me refiro, por moito que digan que xa se está superando.
O inferno están a nolo traer, se non a nós, aos nosos netos
os causantes da ruína climática, chamada eufemisticamente cambio.
Uns e outros causantes colaboran, coinciden, conveñen e conxúntanse.
Tal fixeron ao causaren, tal fan agora ao reincidiren,
tal ao negárense a pór remedio
e corrección ao moito mal que desataron.

Nós, incansábeis e calmos,
seguiremos coma daquela cantando:

Virá un día en que todos,
ao erguermos a vista,
veremos unha terra
que poña liberdade.

E será aquí, nunha Galiza
coidadosa do ambiente natural,
da paz e a xustiza social,
da limpeza das rías e a floresta,
do chorir, non chorar, da súa lingua
e do orgullo sinxelo de sermos
nós, sempre nós, en todo nós.

miércoles, 4 de noviembre de 2009

Loanza da inxustiza

Xa logo se cumprirá o quinto centenario da edición dunha obra senlleira, malia a súa escuridade: o Morias Enkomion -Μωρίας Εγκώμιον- seu Stultitiae Laus do humanista e crente crítico Erasmo de Rotterdam. Será en 2011. Louvemos tamén nós a parvice, a estulticia e a inxustiza, aínda que sexa ao xeito dunha dorida ironía.

Louvemos a xustiza inmensa dos paraísos fiscais. Agora os grandes economistas alternativos -un tal Montoro, do PP español, poño por caso-discorren coma así: os impostos deben someterse ao principio da concorrencia económica internacional, polo que está moi mal subírllelos aos grandes futbolistas estranxeiros en España, xa que porá en perigo a concorrencia da actividade económico-futbolística do país. De onde se propugna seguir coa ata aquí vixente Lei Beckham, que lles permite tributar unha porcentaxe dos seus ingresos inferior á que se nos aplica a aqueles que ingresamos máis de trinta mil euros ao ano. Que importa a inxustiza se aseguramos a concorrencia? É que, se non, vánsenos domiciliar en Andorra -argumentaba outro sabio moralista. Ou en Portugal, digo eu. Ou en Malta, en Marrocos... Así que louvemos a excepción e a inxustiza, a prol da conveniencia dos comenenciudos!

Louvemos a lei xustísima do silencio. Agora está prohibido denunciar a corrupción dun conmilitón político, no nome da lealdade será, supoño eu. Ou no nome, máis ben, do grande obxectivo de enganar e levar ao rego toda a auga que corra, quere dicir, os ánimos e os votos dos incautos cidadáns e cidadás! Para que? Para seguir gobernando a cousa pública de forma escura e segreda, por medio de tramas corruptas coma a do Gürtel se for preciso, polo menos mentres se mantiveren ocultas, que é o que importa. Onde desapareza unha, outra aparecerá; xa se verá. Ao tempo nos encomendo! Non é preciso ter o don de profecía para tal cousa agoirar.

Louvemos a estulticia, o segredo, o silencio, a inconsciencia, a ignorancia, a inxustiza... Eis os grandes valores sobre os que asenta o valor supremo e cúspide, isto é, a concorrencia internacional e interna, ou o que vén sendo o mesmo, o enriquecemento dos que máis teñen e o empobrecemento dos menos afortunados. Eis a verea recta contra un porvir glorioso.