miércoles, 19 de septiembre de 2012

Cadea perpetua revisábel?




Sobre a idea e vontade do Goberno tendentes a apretar canto se poida as penas coa enésima reforma do Código Penal, discorre desta vez a reflexión crítica e compasiva do noso amigo:

CADEA PERPETUA REVISÁBEL?

XAQUÍN CAMPO FREIRE.. 19-O9-2012.

“Viva la muerte! Muera la inteligencia!”, berrou contundente Millán Astray na Universidade de Salamanca. “Viva  la vida!”, retrucou Unamuno.
Dª Carme, a esposa do ditador emerxente, salvouno sacándoo polo brazo da súa cátedra da sabedoría. Os grillóns craváronselle na alma. Ao pouco tempo, 31-12-1936, Unamuno morría el soíño na súa casa. Acababan de aplicarlle a cadea perpetua.
“Cadena perpetua revisable”, para agravala, Señor Gallardón? Levan tempo berrando ese “santo e seña”. D. Federico Trillo deixoulle o camiño “trillado”. Teñen vostedes un público moi afervoado. Nas mortes da Inquisición a xente ía presenciar as piras e berraban a coro consignas parecidas. No Coliseo Romano: “Panem et circenses”. E o polgar para abaixo. Necesitábase morbo. Agora tamén.
Hai días presenciei isto.Un funcionario, gran persoa por certo, díxome: “Acompáñote ata a saída.” Nisto, saen dous obreiros dunha empresa que están a reforzar un muro que repisou e vaise esbarroar. (Será isto unha alegoría dun muro que se rebela e non  quere ser outro de tantos muros de cerramentos: Berlín, Israel, EE. UU.-México, campos de concentración, campos de refuxiados, de inmigrantes, etc.?). Recordei o canto “¡Abajo la muralla!” ou  “¡A desalambrar!”  E botei de menos a Labordeta.
Saudámonos. O máis novo dos obreiros expresouse así: “Viven como Dios -e cagouse nese Señor para reforzar o enunciado-. Comen, visten, fuman, toman café. Que máis queren! Non fan nada. Con nós son moi educados, eh! Incluso se desviven por botarnos unha man. E, tamén hai que dicilo, está todo moi limpo. Nin unha cabicha polo chan. Eu é a primeira vez que traballo aquí. (Non sabían que estaba nun módulo de Respecto, nin que o cárcere non é todo así. Estaban a ver a parte máis “suave”). O funcionario escoitou atentamente. Ao final, moi digno, só lle dixo: “Se se vive como Dios, por que non aproveita vostede? Pódense esgotar as prazas e pode perder unha oportunidade. Fique xa aquí.” “É que eu teño familia”, respostou. Fóronse.
O funcionario, apesarado, díxome: “Con esta mentalidade non se pode cumprir a Constitución que fala de reeducación e reinserción. E isto non é todo. A meirande parte dos políticos, e mesmo dos profesionais das leis, nunca viron un cárcere, nin un recluso, salvo para facérense unha foto e encheren a boca. Estes polo menos falan con eles.”
Fixen unha tesiña sobre o cárcere nun posgrao de Humanización. Digo isto para acreditar que tiven de ler libros abondo dos mellores xuristas. Concordan nisto: O Código Penal español é un dos máis ríxidos de Europa e estase aplicando con dureza, cando o índice delitual é dos máis baixos. Non fai falta reformalo coa cadea perpetua porque, na práctica, iso xa se está facendo. Corenta anos non son xa unha cadea perpetua?  Sen contar con que a maioría dos penados son patoloxías psiquiátricas e sabendo que nos cárceres están só os pobres, os dunha escala social para abaixo.  
Se a vostede, señor Gallardón, e aos que o seguen, os pechan corenta anos, cando saian para onde van? Para que serven? Quen os recibe? É ese o modelo de sociedade que de verdade nos propoñen? Un pixama de pino cos pés para adiante?
Xa sei que hai vítimas. E hai que atendelas de verdade e non xogar con elas. Non electrizalas con máis dor e odio. Xa teñen abondo. Non vale o que estamos a facer con elas. E falo en primeira persoa. Estou en contacto con elas.
Póñolle un exemplo para rematar. Un interno (é máis eufónico que chamarlle preso) pediume: “Podes ir ver a miña nai e estar con ela unha miguiña?” Cando volvín de vela, entendín a cadea perpetua. Aqueles nenos cheos de lama e esfarrapadiños xa estaban na cadea perpetua. Só lles falta medraren un pouco máis ou que vostedes rebaixen a idade penal, do que xa están a falar. O do cárcere remitíalles cen euros/mes.
Sinceramente, Don Gallardón, téñolle pánico. Non tanto á cadea perpetua, nin ao de “revisábel”. Téñolle auténtico terror ao modelo de sociedade que vostede, vostedes, nos están creando. Volvemos á selva. Ao espírito vindicativo. De aí a “Viva la muerte!”, en tempos dunha crise socio-económica tan forte que nós non creamos, non hai máis que deixar pasar dous anos.
Na  próxima tolemia tipo das dos Estados Unidos e un programa máis de televasura, xa reinauguramos as leis que nos legou o que en paz descanse. E hanlle chamar “Reinserción!” Que lle vaia bonito!, don Alberto. 

lunes, 25 de junio de 2012

Aínda non apareceu o Codex Calixtinus

Aínda non apareceu o Codex Calixtinus


Xa hai un ano que desapareceu da catedral de Compostela e, frustrando todos os bos desexos e esperanzas, ainda non apareceu. Nunha entrada que aos poucos días da desgraza faciamos nesta bitácora e que o lector pode aínda ler aquí embaixo, discorriamos un chisco sobre a gravidade do acontecido; aínda que teimabamos asemade na idea de que o máis groso desta perda, o referente ao espirito e ás expectativas que deran como froito a obra perdida, iso acontecera había moito, moitísimo tempo. De onde concluïamos que a perda do códice en 2011 supuña case unicamente un símbolo daqueloutra ou, se se quere, o punto final dunha perda estendida ao longo duns setecentos anos.

Para os que non entendesen ben este noso razoamento, achegamos agora o texto dun artigo publicado por min no número 176 (xaneiro-febreiro de 2012) da revista Encrucillada. Velaquí:



CANDO SE PERDEU

                                                               Cando,
                                                               cando se perdeu,
                                                               este gran Reino?
                                                  (Celso Emilio Ferreiro, "O Reino")


                                                           Por Xesús Portas Ferro

            Posición do tema
            Houbo uns tempos dourados en Galicia? Hóuboos, particularmente, na igrexa galega? Hóuboos nos séculos XII e XIII. Tempos dourados no senso pleno da palabra, isto é, doados, sen preparación…, tanto así, non; desbotemos o relato mítico. Tiveron a súa xeración, nacemento e crecemento. Tamén o seu declive e a súa morte abondo temperá, abofé. Como se preparou aquela lenta eclosión? Que persoas e forzas ou circunstancias propicias a posibilitaron? Despois, cales foron os froitos máis logrados? Finalmente, a pregunta máis triste: cando, como e por que finou, esborrexéndose todo polo chan? Cando se perdeu este gran reino?
            Aduzamos datos, anticipando con eles parte da resposta. Dito está que os séculos XII e XIII os podemos propor, globalmente, como o tempo da eclosión e o florecemento. A preparación viña de atrás.
            No século XII, en canto ao plano institucional, cabe fitarmos as figuras de Xelmírez, os condes de Galicia Raimundo e Urraca, os condes de Traba... Xelmírez consegue a creación do arcebispado de Santiago. Dáse o meirande pulo ao desenvolvemento da propia cidade e arrequécese a súa influencia nas angueiras políticas, culturais e eclesiásticas do “imperio” hispánico. Afonso VII, entronizado rei de Galicia sendo neno, desentendeuse abondo desta terra cando se viu dono dun imperio. Porén os seus sucesores Fernando II e Afonso IX, reis de León e Galiza, non de Castela, tiveron por acá presenza notábel e  intensa actividade; e finalmente ata os seus corpos deixaron para sepultados no interior da catedral compostelá, o que para o seu prometera e non cumprira Afonso VII. Por concesión deste  último,  durante máis de cen anos o arcebispado de Santiago rexeu a chancelería real de León por medio dun delegado. En resumo, desde polo menos o século XI e ata ben entrado o século XIII, Galicia ocupa, no eido institucional, un posto de primeira importancia no imperio hispánico.
            En canto ao plano artístico e cultural,  durante o século XII  redáctanse tres obras senlleiras: o Liber Sancti Iacobi, o Tombo A e a Historia Compostellana; edifícase a catedral románica de Santiago –case ao mesmo tempo, a de Lugo; logo, a de Ourense, -Tui…–  e érguense por todas partes obras arquitectónicas de moito mérito. Sobre todo asístese ao florecemento dunha clase intelectual autóctona formada no intercambio vivo coa que rexurdía noutras partes de Europa (Cluny, Boloña, París…), a configuradora do renacemento do século XII, precursora da escolástica e das primeiras universidades. Chegou a intelectualidade galega a fornecer o cadro docente da Universidade de Salamanca, a primeira en se consolidar na Península Ibérica, fundada no primeiro terzo do século XIII por Afonso IX e patrocinada polo arcebispo de Santiago.
            No propio século XII –na derradeira década se cadra– teñen lugar as primeiras relacións plenas da nosa lírica autóctona coa primeira poesía europea moderna, a escrita na lingua d’oc. Comeza entón a floración da segunda poesía europea moderna, a galega precisamente, e Galicia convértese, en palabras do profesor Giuseppe Tavani, nunha segunda Provenza. O século XIII é o da recolleita dos froitos, no concreto eido literario. Realizouse esta coa colaboración dos reis e dos nobres, entre os que houbo moitos e bos poetas. Porén cómpre rebaixar o mérito da realeza e a aristocracia. Semella que foi maior o das pequenas cortes señoriais e igrexas galegas: na primeira época coma na culminante –segunda metade do século XIII– foron estas as que no interior do país mantiveron ese facho aceso e ergueito. Os príncipes lucíanse con esa poesía nas cortes e nas prazas a onde se estendían contra o sur; mais as pequenas cortes señoriais galegas e as nosas igrexas, mesmo as moi humildes,  incardinábana na vida cotián do pobo galego como demostran, por exemplo, as cantigas de romaría.
            Soa daquela no ar de Galicia, mesturada coa da cantiga de amigo, a música da obra dos canteiros que aquí e aló soerguen as edificacións románicas –velaí toda a arquitectura e escultura románica, a conservada aínda hoxe e a que desapareceu por descoido ou por substitución innecesaria. Comezan axiña a inzar as de estilo gótico, sobre todo nos novos ou renovados burgos (Noia, Pontevedra, Baiona, Ribadavia, Betanzos, Viveiro, Sarria…). O idioma galego dá en se empregar no canto do latín como lingua administrativa e comercial. Os mesmos nobres, aínda en pleno século XIV e deica principios do XV (caso dos Miragres de Santiago), senten a necesidade de traducir ao galego as súas lecturas de divertimento ou de formación, como a Crónica troiana e a General Estoria, unhas do latín e outras do castelán.

            O milagre da literatura medieval en galego
            Como se explicou ata non hai moito o milagre da aparición e puxanza da literatura galega medieval? Fundamentalmente, a partir dos datos que testemuñaban a súa promoción polas cortes reais. As dos reinos de León e de Portugal, primeiro. Despois, a de Castela e León e a de Portugal. Tense sinalado como uns dos primeiros testemuños da promoción rexia o feito da presenza do xograr Palla na corte de Afonso VII e a dalgúns dos primeiros trobadores, coma García Méndez d’Eixo, na de Afonso IX . Aínda así, á influencia destes dous reis nunca se lle deu moita importancia. Déuselle toda ou máxima á de Afonso X de Castela e á de Afonso III de Portugal, remarcando a “época alfonsina”, sinalando as cortes de Toledo e Lisboa como lugares desta suma protección e fixando cronoloxicamente a súa efectividade aló contra a metade do século XIII. Obsérvese que tal explicación coxea abondo; se é certo que explica bastante ben o momento do pleno florecemento, apenas dá razón da preparación e da eclosión do proceso, moi anteriores e máis amplos con toda seguridade.
            A historiografía literaria deu, durante moito tempo, esa resposta explicativa ao milagre da grande poesía producida durante dous séculos na metade occidental da Península Ibérica en  lingua galego-portuguesa,  é dicir, –segundo esta explicación non propiamente en lingua galega. Mentres non foron gurgullando varios fitos de sospeita, todo canxaba ou se facía canxar. De corte real a corte  real, e todo quedaba dentro da familia. De Toledo a Lisboa, de Afonso X a Afonso III o Boloñés, logo a D. Dinís e finalmente ao fillo deste, o conde de Barcelos. Outro tanto no referente ao tempo: desde os anos 40 do século XIII deica mediados do século XIV. Entre as causas de tal milagre, sinalouse como primeira e principal a influencia da literatura occitana, baseándose en feitos como que o trobador García Méndiz d’Eixo escribiu unha composición en occitano, ou o da presenza de trobadores provenzais na corte de Afonso X.
            Só a partir da admisión xeneralizada desa explicación das orixes entendemos a formulación de estrañas conxecturas coma unha de Filgueira Valverde referente á situación vital da produción das cantigas de romaría. Aínda que as liga co fenómeno social das romaxes galegas, á hora da verdade é incapaz de  as  relacionar funcionalmente con estas. Só se lle ocorre supoñer que foi nunha “corte de amor” celebrada en Toledo, ou nun momento de lecer con ocasión dalgunha expedición militar por terras do sur, cando un fato de xograres galegos ao servizo dos nobres, cheos de saudade pola terra de orixe, romperon a compor e cantar as lembranzas das romarías do seu país.  De xeito semellante, dando por sentado que a nosa lírica medieval se iniciou fóra de Galicia, o historiador A. Resende de Oliveira vese forzado a postular un desprazamento xeográfico e sociolóxico –o “desvío galego”, que lle criticará atinadamente Xosé Ramón Pena–; porque, se non, como explicar a cantidade de trobadores galegos ligados á pequena nobreza desta terra durante a primeira metade do século XIII, seguida da de moitos e grandes xograres, a maioría deles descoñecidos nas cortes reais, na segunda metade da mesma centuria? Precisamente a natureza galega da maioría dos autores desta época, así como a da súa lingua, son feitos que non achan suficiente atención na explicación tradicionalmente admitida. Por iso Giuseppe Tavani –e mais Giulia Lanciani– sitúan en Santiago a orixe da lírica medieval galega, só máis tarde galego-portuguesa, tese na que cada vez se reafirmarán con maior claridade.
           
            Un pouco máis sobre os feitos mal explicados
            1º) Non se explica que esa literatura se exprese precisamente na lingua que se falaba no recanto noroccidental do seu dominio de expansión. Aínda que só considerásemos o vello reino de León e Galicia anterior ao século XIII, como non se escribiu en astur-leonés? De feito empregábase na chancelería e, cando se comezou a escribir literatura tabeliónica en romance, producíronse, ata no interior de Galicia, escritos nunha lingua mixta de galego e leonés.  Giuseppe Tavani e mais Giulia Lanciani fan fincapé nesta primeira cuestión: por que en galego e non en asturiano ou en leonés.
            2º) Non se explica, de por parte, como aquela literatura lírica en galego a promove sobre todo un rei que non se educou en Galicia, un rei que castigou a Galicia e o galego, que promoveu só o castelán como lingua oficial da corte e todos os seus reinos… Referímonos, claro está, a Afonso X. Era moda e seguiuna; só para a poesía lírica? Non é razón abonda: contra as modas pódese reaxir. Se non se foi contra aquela, é porque tiña  moita forza. De onde lle viña esta, como a collera?
            3º) É moi probábel que a mutua relación das literaturas occitana e galega comezase bastantes anos antes da data das primeiras cantigas de amor conservadas de trobadores e xograres galegos ou portugueses. A primeira destas non é anterior a 1205, cando o autor contaba só once anos de idade: trátase dunha peza moi rudimentaria e de feitío popular nas cobras, a única atribuída a Gil Sánchez, fillo de Sancho I de Portugal.  Raimbaut de Vaqueiras, poeta en provenzal, recorreu entre 1197 e 1201 á lingua galega para escribir a derradeira das cinco estrofas do descordo plurilingüe Eras can vei vedeiar. Isto fai supor a Tavani que Raimbaut entendeu, xa tan cedo, a importancia e prestixio da manifestación lírica vertida na nosa lingua e quixo dala a coñecer en Europa. Suxire Tavani que Raimbaut a debeu coñecer a través do nobre portugués Johán Soarez de Paiva, que, vasalo do rei de Aragón, por esas datas compuxo unha especie de canción de xesta en galego ou portugués, Ora faz ost’ o senhor de Navarra. Non deixa de ser unha conxectura. O máis seguro é que, quizais por outros medios e máis numerosos, o contacto e a relación mutua se produciran xa naquela altura. Mutua, é dicir, non unha simple influencia da lírica provenzal sobre a galega.
            4º) Como enriba se di, o groso dos autores e da produción da nosa poesía medieval no século XIII ocorre precisamente en Galicia. Sobre todo, a dos xograres. Que aconteceu, pois logo? Un vaivén de desprazamentos, de fóra a dentro primeiro e de dentro a fóra despois, como supuxo Oliveira? Outra ben pode ser a resposta.
            5º) Non se explica sobre todo  a excelencia do xénero máis rico da lírica medieval hispana, a cantiga de amigo. Velaquí o xénero xograresco por antonomasia, mentres que a cantiga de amor era máis acaída para os trobadores, membros da nobreza. No seu cerne, a cantiga de amigo nada lle debe á lírica provenzal; así que de ningún xeito se pode explicar por influencia daquela.Velaquí quizais, se for como parece un xénero culto criado en Galicia e por galegos, o embrión da belida criatura que prezarían o mundo cortesán e o pobo durante todo o século XIII, dentro e fóra do país de orixe. Tavani outorga especial importancia a esta cuestión, a relacionada coa orixe da cantiga de amigo.

            Unha nova explicación das orixes
            Para Tavani non cabe dúbida ningunha: en Galicia ocorre a creación ou invención da poesía lírica medieval hispana. Baséase en primeiro lugar nas características da cantiga de amigo, mantidas deica o final aínda cando  é composta por non galegos, en canto reflicte sempre a paisaxe e as realidades socioculturais galegas. Reafírmase logo nesa convicción sinalando que dentro do reino galego-astur-leonés, e mesmo en toda a Península Ibérica, Santiago de Compostela era nos séculos XI e XII o único centro cultural de relevo internacional capaz de crear unha lírica precortés que, aínda que asumise elementos de fóra no intercambio cultural privilexiado e directo que Compostela mantiña con Europa, asumiu sobre todo unhas connotacións orixinais e fixounas nunhas fórmulas de xénero que darían lugar ao que no século XIII aparecerá ben diferenciado so o nome de “cantiga de amigo”. A inserción das ensinanzas directas da lírica cortés occitana  na poesía precortés galaica, ocorrida contra finais do século XII, contribuirá maiormente á toma de conciencia sobre a propia profesionalidade artística por parte dos autores. Estes deberon de ser maiormente cregos formados na escola catedralicia, segundo o propio Tavani. Para resolver o problema da falta de testemuños directo de tales inicios, sinala que  os produtos eran culturalmente subalternos verbo dos textos en latín, e de por parte o carácter oral ou cantado da súa transmisión non facilitaría a conservación. A cuestión da lingua, en tales inicios, non lle presenta  ningunha dificultade, pois entende como o máis natural que nacese empregando a lingua vernácula local. Cuestión diferente é por que na expansión da lírica cortés hispana o galego se mantén invariabelmente como lingua única. A explicación dada é que a lingua orixinaria se converteu nunha especie de koiné  e acadou a súa condición de “lingua de xénero”, como acontecía noutras áreas xeográficas, caso da lingua d’oc en Cataluña. Dáse, pois logo, un monolingüismo xenérico, que sempre é bastante ríxido e, no caso de Galicia, moi ríxido –observa Tavani.
            Parécenos abondo largo o salto dado desde o nacemento en galego no século XII ata o estado de xénero e lingua definitivamente unidos contra a metade do século XIII. Temos dereito a preguntarnos polo que ocorreu entremedias e como chegou a se consolidar ese apertado vencello. Ao arranque da boa acollida da lírica medieval galaica fóra de Galicia e Norte de Portugal semella ter contribuído en grande medida a súa aceptación na corte leonesa durante o século XII e deica os inicios do segundo terzo do século XIII. Os trobadores recoñecen e loan nese senso o favor do derradeiro rei de León e Galicia, isto é, de Afonso IX. Na súa corte foron acollidos, a principios do século XIII, os primeiros trobadores portugueses dos que temos noticia, García Méndiz d’Eixo e Gil Sánchez, e mais os xograres galegos Abril Pérez e Bernal de Bonaval. Vese aínda cousa natural que non se dese alí o paso do galego á lingua vernácula leonesa?
            A resposta a tal pregunta só pode ser afirmativa con dúas condicións non independentes. A primeira, que para entón a lingua galega estivese xa prestixiada á xunta coa lírica que a empregaba. E isto parece fito logrado a finais do século XII, á vista do recoñecemento acadado alén os Pireneos como viamos enriba falando do descordo plurilingüe de Raimbaut de Vaqueiras. A segunda condición previa é que, por algunha razón, os reis e a súa corte lle tivesen unha querenza especial á lingua galega.

            O galego, lingua dos reis
            Hai máis dun motivo para asegurar que esta segunda condición tamén se deu. Influíu moito a lingua materna dos reis, seguramente. Malamente influiría nese senso a lingua dos reis que non falaban galego, coma Fernando III ou Afonso X, contra unha vella asunción do galeguismo histórico. Agora ben, o galego foi a lingua materna de moitos dos reis de León. Foina con toda seguridade para Afonso VI, Urraca, Afonso VII,  Fernando II e, poida que finalmente, Afonso IX. Foi a de  García e a de Afonso VI, en pleno século XI e principios do XII, como xa antes fora a de súa nai, a raíña Sancha, muller de Fernando I, criada e educada en Galicia. Aínda que Afonso VI tanto se envorca sobre Castela e Toledo, cando lle morre o seu fillo Sancho sendo el xa un vello, chora en galego se o cronista non mente ao inserir na súa crónica latina un sentido pranto paterno. Que o galego foi a lingua primeira de Afonso VII e de Fernando II é, aínda se cabe, máis seguro, pois pai e fillo foron criados polos condes de Traba Pedro Froilaz e o seu fillo, respectivamente .
            Mais que forza e singularidade lle podían outorgar á nacente literatura uns reis que non a cultivaban en por eles? Moi pouca. Que saibamos, non foron poetas como o serán os seus descendentes de entre 1250 e 1350 en Castela e en Portugal. A maior parte daqueles reis, aínda por riba, na súa mocidade e idade adulta estiveron moi ocupados en  lides desempeñadas lonxe de Galicia. Algo influiría en calquera caso. Criados en galego e educados basicamente en latín, usarían principalmente estas dúas linguas e ademais, incidentalmente, calquera das outras linguas vulgares circundantes: leonés, castelán e outras. O primeiro rei non criado en Galicia –contra o que Menéndez Pidal supuxo– foi Fernando III, a quen, sendo un meniño, seu avó Afonso VIII de Castela reclamou para o criar e educar en Burgos.
            Malia o exposto, o comportamento lingüístico dos reis e das súas cortes non explica suficientemente a extensión desta lingua á poesía producida durante os cen ou douscentos anos seguintes. A explicación básica hase achar supoñendo que esa literatura e cultura en galego estaban a se desenvolver no seo da sociedade na que ocorreu a primeira socialización dos infantes reais e, máis concretamente, a súa formación cultural e a da nobreza que os rodeaba. Criados en Galicia, non só recibiron a súa lingua, senón a cultura expresada nela, especialmente a cultura de elite do momento, á que como membros da familia real foron expostos polos seus aios e preceptores, pertencentes á alta nobreza galega. Así e todo, finalmente, a causa principal que buscamos, non reside en que os reis e as súas cortes participasen desa cultura e literatura. A causa principal está na propia consistencia do sistema lingüístico, cultural e literario establecido en Galicia; consistencia e forza que o fixo merecente de se expandir, coa protección rexia seguramente, a todos os territorios dependentes da autoridade destes.

            No principio foi Compostela
            Onde se produciu a fermentación e fortalecemento desta cultura?  A resposta máis satisfactoria por hoxe é a de que aconteceu fundamentalmente na escola catedralicia de Santiago. É comunmente admitida –xa desde López Ferreiro– a excelencia da formación do clero compostelán do século XII e primeira metade do XIII.
            A Historia Compostellana, que tende a atribuír todo o mérito a Xelmírez, pinta como moi ruda a situación cultural do cabido cando aquel se fixo cargo do goberno da diocese, e remarca o seu plan de a mudar. Porén Xelmírez non creou, senón que reformou unha escola catedralicia preexistente. Dotouna con mestres de alende os Pireneos, coma o “magister” Giraldo de Beauvais e o mestrescola Rainerio de Pistoia. De por parte, fomentou a saída de membros do clero a estudar nos centros máis recoñecidos do momento en distintas localidades de Europa.
            A mesma Compostellana afirma que Xelmírez estudara de pequeno na catedral de Santiago. Vicente Beltrán de Heredia chámanos a atención sobre ese feito, engadindo que décadas antes se formara tamén en Santiago, con moi bos resultados, Pelagio, bispo de León en 1065. O bispo de Iria érao entón Cresconio, a quen Fernando I encomendou a educación do seu fillo García.
            Varios historiadores remarcan estes e outros indicios de que xa a mediados do século XI a escola catedralicia estaba activa. Cresconio asiste en 1055 ao concilio de Coianza con varios bispos dos territorios dependentes da autoridade real de Fernando I: Galicia, Portugal, León, Asturias, Castela, Navarra. Queríase restaurar a cristiandade en todos estes territorios. Ao fin de poñer en obra os acordos de Coianza respondeu a convocatoria dos concilios composteláns de 1060 e 1063, unha de cuxas disposicións, orientada á formación do clero, prescribe aos abades crear escolas e regular os estudos nos seus mosteiros. Xelmírez recolle esa herdanza.
            Esa política de elevación cultural do clero compostelán non decae coa morte do arcebispo Xelmírez en 1140. En 1169 o cabido aproba un estatuto sobre o envío dos  mellor dotados ás escolas estranxeiras. Ben se ve canto ían por diante, en anos  e en obxectivos, verbo do III Concilio de Letrán (1179), cuxo canon 18 ordena: que cada igrexa catedral dispoña dunha renda abonda para o mantemento dun mestrescola encargado da instrución dos cregos e dos nenos pobres, e o mesmo todas as igrexas e mosteiros onde xa houbese unha escola.
            En 1207 o cabido publicará aínda a constitución Quoniam thesaurus sobre o mesmo asunto. E así non é milagre que, como afirma Beltrán de Heredia, a diocese de Santiago chegue ter contra finais do século XII o clero máis sabio da Península, de tal xeito, engade, que ben se pode falar dunha Escola Compostelá, formada sobre todo por canonistas. Algúns destes escribiron obras importantes na historia do dereito; así, Bernardo Compostelán senior, activo contra 1208; Lourenzo Hispano, bispo de Ourense en 1218; Xoán Hispano de Petesella, natural de Santiago, docente en Boloña e en Padua entre 1226 e 1236, ou Bernardo Compostelán junior, brigantino, activo contra 1250. E mais non houbo só canonistas. Desde López Ferreiro sabemos que Osoir’ Anes, un dos trobadores da primeira época con obra conservada, era cóengo de Santiago e contra 1220 estudaba en París.
            Estes foron os mellores, o froito máis logrado. Antes houbera outros, tamén eles excelentes. Do clero compostelán mellor formado saían as persoas que, delegados do arcebispo a quen o cargo correspondía, rexían a chancelería do reino de León. O primeiro foi, como recolle a Compostellana, Bernardo, tesoureiro do cabido baixo Xelmírez. Outro foi Berengario, bispo de Salamanca entre 1135 e 1150 –en 1140 houbo de suceder a Xelmírez,  por proposta de Afonso VII, aínda que o Papa non aprobou o nomeamento. Un dos chanceleres de Fernando II foi Pedro Suárez de Deza, cóengo de Santiago que estudara, e mesmo chegara a ensinar, no estranxeiro; en 1167 será nomeado bispo de Salamanca e de 1173 a 1202 exercerá como arcebispo de Santiago, onde tivo a boa ventura de ver rematados o coro pétreo mateano e mais o Pórtico da Gloria. Estamos no cume, no clímax mesmo dunha traxectoria ascendente-descendente. Desde aquí hai que enxergar xa a vertente de descenso; aínda que, no eido literario, a baixada prodúcese case de súpeto cen anos máis tarde.

            Pois logo, como se perdeu?
            Buscamos as causas máis do que os tempos. E elas son múltiples.
            Carlos Barros ten sinalado a do comportamento da nobreza medieval galega ao ir tras do poder real alá a onde este se despraza, e buscar con boa fortuna a maior influencia posíbel na corte, máis que pensar na construción dun reino ampliado de Galicia centrado en Santiago de Compostela. Xa Murguía e Castelao, malia o seu aprecio por Xelmírez, apuxéronlle  que comprometese a nobreza galega nunha “empresa allea, na que perdemos todo, inclusive a primacía eclesiástica” (Sempre en Galiza). Efectivamente, neste último aspecto acadou Xelmírez un triunfo mínimo, pois rematou rexendo non a igrexa primada do imperio hispánico, senón a igrexa metropolitana dunha pequena parte da Galaecia histórica, da que ficaron fóra Braga, a vella metrópole, e as demais dioceses da Galicia lucense e bracarense. Así que era metropolitano de Zamora e Salamanca, mais non de Ourense e Tui, por exemplo.
            Xelmírez e, bastante antes, o bispo Cresconio concibiran un proxecto moito máis ambicioso. Os reis do seu tempo, Fernando I nun caso e Afonso VII no outro, pretendían ser emperadores por riba dos demais príncipes e reis hispanos. Eles, pontífices da “sede apostólica”, aspiraban a unha xurisdición eclesiástica de igual extensión. Neste senso, é enormemente suxestiva a tese de López Alsina segundo a cal a grande atención que o Libro V do Códice Calixtino presta ás rexións do mediodía da Galia, débese non a que tal libro sexa obra dun autor franco, senón á pretensión do arcebispo compostelán de incluír so a súa autoridade sacra aquelas terras dependentes do rei de Aragón.
            Xelmírez e a intelectualidade galega, e igualmente boa parte da nosa nobreza, atoparon fóra de Galicia diversas renitencias, cando non frontais resistencias, aos seus planeamentos hexemónicos. As máis fortes e finalmente vitoriosas xurdiron nas rexións castelás. Moi cedo, ao Apóstolo, celeste cabaleiro, sáelle o competidor San Millán, que Berceo equipara a Santiago na función de valedor das tropas cristiáns en loita coas musulmás. Na Vida de San Millán reclámase para el o dereito a partillar das rendas do voto de Santiago. Polas mesmas datas, Afonso X fai contrapublicidade ás peregrinacións a Santiago: propón aos peregrinos francos quedárense pola zona de Carrión e desvíaos ao santuario máis milagreiro de Vila Sirga (Cantigas de Santa María, nº 278). Elvira Fidalgo estudou con xeito esta política relixiosa. Detalles simbólicos, estes; porén moi significativos.
            É que tamén o poder económico e político da igrexa compostelá –e das outras galegas– se ve grandemente debilitado por eses mesmos anos. Como cabezas de señoríos temporais, tiñan o arcebispo e os bispos un grave problema de coexistencia coa nacente clase dos burgueses. Non souberon resolver axeitadamente estes conflitos. Algúns señores eclesiásticos perderían a vida nas liortas. Os reis, Afonso X moi particularmente, oscilantes entre favorecer a unha parte ou á outra, empeoraron a situación no canto de colaboraren a superala. O resultado foi a perda de ingresos e a doutras forzas precisas para a realización de máis altas empresas. É todo un símbolo do empobrecemento de Santiago o feito de que ao primeiro vío de pedras dunha cabeceira gótica para a catedral de Santiago houbese que lle botar terra por riba, sendo arcebispo Xoán Arias, tratado pouco amigablemente polo rei Afonso X, en pleno século XIII.
            O século XIV será aínda moito peor. As divisións no seo da nobreza e as guerras do sur  da Península esquilman a economía e a mocidade, polo que as institucións se debilitan, tanto as eclesiásticas coma as laicas. Unha nobreza laica de orixe non galega substitúe en boa parte a nobreza galega tradicional e a parte desta que remanece, convértese en violenta e escura. As igrexas e os mosteiros, por vontade ou por forza, caen nas mans dos encomendeiros, membros da nobreza que, baixo a aparencia de os protexer, os rapinan. Os bispados son ocupados por eclesiásticos non galegos. Nalgún momento todas as dignidades do cabido compostelán están ocupadas por estranxeiros que, por riba, non residen en Santiago, preocupándose só de cobrar as rendas e non se responsabilizando dos cargos.
            Resumindo con Ramón Villares, a sociedade galega baixomedieval, conflitiva e belicosa, carente dun liderado social adecuado, non tivo azos suficientes para manter o esplendor cultural e artístico do período central da Idade Media. Así a magna obra do románico ou da poesía lírica medieval non terá digna continuidade, malia a beleza do gótico dos mosteiros cistercienses  e das igrexas conventuais das ordes mendicantes. «Os “homes de a cabalo” necesarios para asediar igrexas e fortalezas substituíron a trobadores e xograres» (Villares). As vidreiras góticas e as cantigas de amigo dos últimos grandes xograres (Mendiño, Martín Códax, Pero Meogo…) foron coma os foguetes de fin da festa, que por regra xeral se botan de noite.

                                               Xesús Portas Ferro, licenciado en Filoloxía Hispánica


BIBLIOGRAFÍA MÁIS UTILIZADA

Alfonso X, el Sabio, Cantigas de Santa María, edición de  Walter Mettman, 3 vol. Clásicos Castalia, Madrid, 1986.
Barros, Carlos, “Unha historia en positivo. Reseña do libro de Camilo Nogueira, A memoria da nación…”, http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/articulos/historia_medieval/hpositivo1.htm
Beltrán de Heredia, Vicente, Los orígenes de la Universidad de Salamanca, 3ª ed., Universidad de Salamanca, Salamanca, 1999. (1ª, 1953)
Beltrán de Heredia, Vicente, Cartulario de la Universidad de Salamanca, 6 vol. Secretariado de Publicaciones de la Universidad, Salamanca, 1970-1972 (i.e. 1973).
Berceo, Gonzalo de, Vida de San Millán de la Cogolla, Edición dixital: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Alicante, 2005: (http://www.cervantesvirtual.com/FichaObra.html?Ref=13701&portal=256)
Brea, Mercedes (ed.), Lírica profana galego-portuguesa, 2 vol., Centro I. R. P.Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela, 1996.
Díaz  de Bustamante, J. M., “Santiago de Compostela” en: Lanciani, Giulia e Tavani, Giuseppe (coords.), Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa, Caminho, Lisboa, 1993, sub voce.
Díaz y Díaz, Manuel C., El Códice Calixtino de la Catedral de Santiago. Estudio codicológico y de contenido, Santiago de Compostela, 1988.
Falque Rey, Emma (ed.), Historia Compostelana, Akal, Madrid, 1994.
Fidalgo, Elvira, “Peregrinación y política en las Cantigas de Santa María”, en: Idem (coord.), Formas narrativas breves en la Edad Media. Actas del IV Congreso, Santiago de Compostela, 2005, pp.149 ss.
Filgueira Valverde, Xosé, “Poesía de santuarios”, en Idem, Estudios sobre lírica medieval, Galaxia, Vigo, 1992, pp. 53-69 [Compostellanum, VIII (1958), pp. 271 ss.].
González Vázquez, Marta, El Arzobispo de Santiago: Una instancia de poder en la Edad Media (1150-1400), Edicións do Castro, Sada, 1996.
González Vázquez, Marta, “Lugar de culto e centro de cultura”, capítulo V de: Portela Silva, Ermelindo (coord.), Historia da cidade de Santiago de Compostela, Concello de Santiago, Consorcio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, 2003, pp. 169-215.
Lanciani, Giulia e Tavani, Giuseppe, Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa, Caminho, Lisboa, 1993.
Lanciani, Giulia, “A cantiga de amigo, canción de retagarda”, O mar das cantigas, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997, pp. 175-178.
López Alsina, Fernando, La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, Santiago de Compostela, 1988.
López Alsina, Fernando (ed.), El papado, la iglesia leonesa y la basílica de Santiago a finales del siglo XI, Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1999.
López Alsina, Fernando, “Diego Xelmírez e as raíces do Liber Sancti Iacobi”, Congreso “O Século de Xelmírez”, Consello da Cultura Galega (en audio), 2010.
López Ferreiro, Antonio, Historia de la S.A.M.I. de Santiago de Compostela, Sálvora, Santiago de Compostela, 1983 (1898-1911).
Mariño Paz, Ramón, Historia da lingua galega, Sotelo Blanco, Santiago, 1998.
Monteagudo, Henrique, “Cantores de santuario, cantares de romaría”, O mar das cantigas, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997, pp. 99-127.
Monteagudo, Henrique, Historia social da lingua galega. Idioma, sociedade e cultura a través do tempo, Galaxia, Vigo, 1999.
Munio Mindoniensis et Alii, Historia Compostellana, en: Migne, Patrologia latina, vol. 170, col. 889-1236B.
Nogueira, Camilo, A memoria da nación. O reino de Gallaecia, Xerais, Vigo, 2001.
Oliveira, António Resende de, Trobadores e xograres. Contexto histórico, Xerais, Vigo, 1995.
Pena, Xosé Ramón, «“Vós non trobades come proençal” A invención do lirismo galego(-portugués) medieval», A trabe de ouro, XV (2004), pp. 455-465.
Portas Ferro, Xesús, “Tres xograres na igreja sobe-lo mar”, Encrucillada, XXII (1998), pp. 104-138.
Portas Ferro, Xesús, Lírica xacobea. Antoloxía e comentos, Espiral Maior/Auliga, A Coruña, no prelo.
Portela, Ermelindo e Pallares, Mª del Carmen, De Galicia en la Edad Media. Sociedad, espacio y poder, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1993.
Portela Silva, Ermelindo (coord.), Historia da cidade de Santiago de Compostela, Concello de Santiago, Consorcio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, 2003.
Riquer, Martín de, Los trovadores. Historia literaria y textos, 3 vol., Ariel, Barcelona, 1983
Tavani, Giuseppe, A poesía lírica galego-portuguesa, Galaxia, Vigo, 3ª, 1991 [1980].
Tavani, Giuseppe, “O galego de Raimbaut de Vaqueiras e o provenzal de Airas Nunez”, A trabe de ouro, XV (2004), pp. 445-464.
Villares, Ramón, Historia de Galicia, Galaxia, Vigo, 2004.

martes, 24 de enero de 2012

O cárcere: tan perto e tan lonxe


Máis unha vez recibo do amigo Xaquín Campo Freire unha colaboración sobre un dos temas que máis o ocupa nos últimos tempos, o dos cárceres e a nosa actitude, esquiva cando non maligna, perante os seus moradores. Cópioa e encóloa a continuación:

O cárcere: Tan perto e tan lonxe

XAQUÍN CAMPO FREIRE. 21-01-2012.

O cárcere. Falar do cárcere é sempre unha ousadía. Habitualmente pensamos nun edificio vello, lugar de tortura e de encerro inmisericorde para os malvados da sociedade nos cales eu nunca estou incluído.

Outras veces, eufonicamente, un ‘centro penitenciario’ de alta seguridade, edificado en lugares adecuados. Quizais nos ven á mente algunha película que vimos: Celda 211, Guantánamo, Penal de San Quintín, etc.

Non vou ir por aí. Voume mover noutras coordenadas.

Primeiro de todo, antes ca todo, están as persoas. Cando entramos alí, encontramos persoas. Pois vou entrar dentro e encontrarme con esa persoa concreta. Coa súa historia. Coas súas tristezas e coas súas ilusións. Moitos, absolutamente rotos. Cómpre situarme como me gustaría e necesitaría que o fixesen comigo. Sen paternalismos autosatisfactorios que non conducen a nada. No cárcere hai persoas. E eu podo ser unha delas. E os meus fillos tamén.

Iso xa me fai ver as cousas doutro xeito. Daquela xa estamos a falar de privados de liberdade. Sen etiquetas, propias doutras instancias. Quen ten que saber o lugar que ocupa son eu. Teño de facer en min mesmo unha grande catarse para independizarme e superar os prexuízos que o meu mundo e a miña ‘civilización’, os meus ordenamentos, me impoñen como dogmas absolutamente incuestionábeis. Teño de aprender de novo algo tan esencial como é o amor. Un amor que doe no fondo das entrañas, porque ese con quen estou a falar son eu mesmo. Só o amor é capaz de rehumanizarme. Aprender a profesar amor equilibrado ás persoas. Querelas. Os funcionarios tamén son persoas. E todas as familias, as que hai detrás de todos, tamén. E as vítimas, silenciadas e esquecidas, utilizámolas. Porén, que non falen moi alto, que nos proen na nosa conciencia colectiva.

Tan perto. O cárcere prodúcese e decídese entre nós, aquí, cada día, na rúa e nas institucións diversas: policías, xustiza, audiencias, avogados, xulgados, etc. Mas, logo, nunca, nunca estarán cos presos alí. Non por mal, pero fican moi lonxe. Ou van en plan funcionarial. Céntranse na “causa”. Non na persoa. A lei, o xuízo, a mentira declarativa, o Código Penal, etc. É un xogo do gato e o rato. Papeis. Expedientes. Sentenzas tarifadas. Mas iso non aporta ningunha salvación a ninguén, como está suficientemente argumentado e demostrado: Concepción Arenal, Montesinos, Beccaría, M. Foucault, etc.

O lixo que nós xeramos na vida diaria, os urbanitas, levámolo logo ás Somozas, a Sogama ou á fosa Atlántica. Os cárceres, os edificios, son os lugares do “lixo humano”, que eliximos para as persoas, que no fondo nós mesmos estamos a degradar. “Yo soy rebelde porque el mundo me ha hecho así”, dicía a canción. Ao cárcere todos podemos ir.

Reencontrámolos cando volven á sociedade, cumprida xa a condena. Vémolos estigmatizados por dentro e por fóra: Xa nada volve a ser o mesmo. Nós somos o cárcere: “O inferno son os outros”, dixo Sartre. Non os queremos entre nós.

Por que, cando retornan, reinciden? O artigo 25 da Constitución fala de rehabilitación e reinserción. De verdade que queremos reinsertar, reinserir, a alguén? A verdade fainos libres?

O cárcere levámolo no corazón de cada un: “Que apodrezan no cárcere”. “Cadea perpetua, revisabél”, vai pedir o PP, excepto para os importantes. Predicamos, como sociedade, un odio persoal e institucional. Nós, os bos; eles, os malos. Xa temos un ‘chibo´. Unha nai non pensa igual. Ve cos ollos do corazón. Por iso é capaz de rehabilitar e reinserir. Os nosos cárceres son urbanos. A urbe xera cárceres. Por que? A urbe é disgregadora do pobre, do débil. Nós xeramos o lixo. Levámolo lonxe. E logo que fique aló e nunca máis volva.


viernes, 30 de diciembre de 2011

Raz�n na irmandade: O primate que fala

Raz�n na irmandade: O primate que fala

O primate que fala

Definitio fit per genus proximum et differentiam specificam
horismós ek génous kaì diaforôn ésti
ὁρισμός ἐκ γένους καὶ διαφορῶν ἔστι

O animal racional,
o animal social, o animal político (segundo outra tradución),
o mono núo, o mono en coiro, o mono espido (tres traducións),
o primate que fala,
o primate que fala galego,
o primate que fala español,
o primate que fala inglés,
o primate que fala inglés variedade iankee.
Ben se ve que non sempre o home
-e a muller-, a persoa humana,
ten a mesma esencia.
Para uns o xénero próximo é algo tan xeral
-o xénero sempre é xeral, xa a palabra o di:
xeral, adx., 'referente ao xénero'-, digo que
para eses o xénero é unha nota moi xeral
como a animalidade, un supoñer, isto é,
a condición de pertencente
ao reino dos animais, distinto do das plantas,
dos seres micolóxicos e dos minerais.
Para outros o xénero próximo é próximo de verdade:
a condición de mono ou condición piteca,
a condición de primate, cumio da piteca,
por que non a condición pitecantrópica?
O "home simplemente" é o xénero para a bioloxía divorciada da filosofía;
a persoa humana, esta da que coetaneamente temos experiencia,
é un homo sapiens malia a experiencia nos estar a dicir adoito e continuo
que a sabencia non se lle ve á maior parte dos seus individuos
senón por azar ou por milagre algunha vez.

Mais isto da sabencia xa se refire á diferenza específica,
isto é, a aquela nota pola que a persoa humana se diferenciaría
dos demais seres que comparten con ela o xénero considerado,
supoñamos, a animalidade, a condición piteca,
a de primate, a pitecantrópica ou de homínido.
A definición "primate que fala" vén sendo empregada
pola filosofía próxima á sociobioloxía.
Agora ben, a de "falante" é unha diferenza específica auténtica,
verdadeiramente importante e pertinente,
razón de autenticidade, nobreza e plena humanidade?
Os nacionalsocialistas coidaban que o importante non é
a condición de falante, senón máis ben a da lingua que se fala.
Os "gallegos" de hoxe, fieis ás ensinanzas dos seus formadores e políticos,
pensan que non é persoa humana auténtica
-polo que apenas se diferencia doutros primates ou homínidos-
aquel home ou muller que non fale ben o español e medio fale o inglés americano;
o de tamén falar galego é o de menos,
algo absolutamente prescindíbel.

viernes, 18 de noviembre de 2011

O voluntariado penitenciario


Copio e encolo aquí unha interesantísima achega sobre o tema. O seu autor, moi prezado e coñecido nesta nosa bitácora, fala do que sabe coa sabedoría que dá a experiencia reflexionada.

O VOLUNTARIADO PENITENCIARIO

Xaquín Campo Freire. 21-11-2011.

Esta fin de mes celébrase n'A Coruña o XIV Congreso Estatal do Voluntariado. O lema: Galicia voluntaria. Camiños da solidariedade. E aparece logo un trazo precioso cun gran corazón.

Cando eu era rapaz novo, onde vai, dicíase con relación á mili: Voluntarios nin para comer, porque logo facíanche o cambiazo e o que comías era o 'marrón que se lle ocorrese ao mando correspondente.

Non obstante, a maior parte da vida en sociedade pasaba e pasa hoxe pola xenerosidade calada de tantas persoas que entregan parte do seu tempo e traballo ao outro e, ás veces, mesmo está en xogo a propia vida.

Que sería da nosa sociedade sen a achega xenerosa e gratuíta dos nosos avós e avoas para sacar adiante os nenos da familia e ás veces os dos veciños?

Médicos sen fronteiras, farmacéuticos mundi, enfermeiros, mestres, técnicos das máis diversas profesións, Cociña económica, Cáritas, Reto, Dignidade, etc.

Seguro que con limitacións e mesmo con fallos. Só se equivoca quen se move, quen arrisca, quen pon da súa parte. O que non achega nada polos demais, normalmente, fica en opinar ou na crítica superficial e ás veces negativa. Que tamén ten o seu valor. Pero quen de verdade empurra a máquina, quen abre a gabia, non son os miróns, senón esa persoa que en silencio súa a gota gorda metido no tallo.

Ás nosas amas de casa ou servidoras de casa en voluntariado forzoso, só se lles recoñece o seu traballo para dicirlles: Mamá, isto non sabe a nada, pasácheste co sal, queimóuseche o guiso, etc. Poucas veces escoitarán: Grazas, mamá, polo que fas por nós cada día.

Nun centro penitenciario, cárcere, hai inmensidade de necesidades e de pobrezas de todo tipo. Os antropólogos fálannos das cinco dimensións da persoa: física, psíquica, emotiva, relacional, espiritual e dentro desta última estaría ocupando unha parceliña o relixioso. En todas elas hai necesidade de persoal de apoio que, sen manipulacións, con toda xenerosidade e respecto á dignidade da persoa, achegue o mellor de si mesmo e, se pode ser, de forma organizada e en equipos multi e interdisciplinares. Necesítanse a todos e en todo.

A acción do voluntariado, no específico do mundo penitenciario, ten que orientarse: 1º) A unha acción seria e organizada de tipo preventivo. 2º) No tempo do internamento é imprescindíbel unha grande dedicación capacitada e eficaz, o máis personalizada posíbel. Ten de conxugarse a prudencia e a eficacia ao resolver o que se poida facer en cada caso e situación. 3º) Pero de pouco serviría o anterior se na sociedade non tomamos conciencia seria do despois. A nosa Constitución fala de rehabilitación e reinserción. E énchesenos a boca con esas palabras para a galería. Sempre: "Que se rehabiliten eles, que se reinsiran ou reinserten eles".

E os medios, o ambiente de acollida, o posto de traballo, o trato social e non sinalar co dedo, e a vivenda, e os pisos de acollida, e a consideración positiva e a aceptación incondicional da que nos fala a psicoloxía humanista, etc., quen pon todo iso?

Só con mirar aos peixes no seu languidecer, se non depuramos e desintoxicamos a auga e non cambiamos as circunstancias vitais, eles sós, morren. Algo teremos que ver nós niso. Os cárceres son nosos e o que se faga con eles tamén. Normalmente solucionámolo todo dunha forma simplista: "Que apodrezan no cárcere". Que humanitarios somos! E se fose o teu fillo?

Urxen asociacións de axuda para esa reinserción e acollida no día despois. Ninguén máis capacitado e interesado que o que pasou polo sufrimento. Podería nacer un voluntariado organizado e asociado para favorecer o non fracasar e o non reincidir por ter todas as portas pechadas despois de recuperar a liberdade? O reto está aí. A resposta é de todos. Túa e miña tamén. E se nos asociamos moito mellor. Estarías disposto a algo neste senso? Avecíñanse tempos de carestía e incomprensión. Para o pobre sempre é noite, di o refrán.

lunes, 17 de octubre de 2011

Un concerto na menor

UN CONCERTO “NA MENOR”

Copio e encolo dun xornal dixital galego o texto da seguinte noticia:

“A orquestra e o coro Gaos interpretará este sábado a 'Misa de Réquiem en re menor' de Wolfgang Amadeus Mozart --ás 21.30 horas e con entrada libre-- na Catedral de Santiago, nun recital que contará coa colaboración de Carmen Subrido, Nuria Lorenzo, Borja Quiza e Francisco Corujo.

“Este recital, enmarcado no 'Ciclo de concertos en catedrais galegas' programado pola Consellería de Cultura e Turismo, contará ademais co clarinetista Antonio Suárez que interpretará xunto á orquestra Gaos o 'Concerto para clarinete e orquestra na menor', tamén do xenio de Salzburgo.
“A Orquestra Gaos naceu en abril de 2009, formada por músicos de toda Galicia --na súa maior parte profesores e alumnos dos principais conservatorios galegos-- baixo a dirección de Fernando Briones.
“Nuns dous anos colaboraron coa orquestra 227 músicos galegos en 19 programas diferentes, a través de 30 concertos en diversos auditorios de Galicia.
“Así mesmo, este ciclo continuará o domingo, 16 de outubro, na Catedral de Mondoñedo ás 19.30 horas, tras o seu paso nos últimos días polas localidades de Tui, Ourense e Lugo.

A seguir escribo estes comentos:

Fáisenos nel sabedores, entre outras novidades, do programa dun recital musical, que vén estar formado por dúas obras de Mozart, textualmente:

‘Misa de Réquiem en re menor’ (sic) e

‘Concerto para clarinete e orquestra na menor’ (sic).

Quedo pampo e estantío, sen ánimo sequera para botar as mans á cabeza e os meus ais e exclamacións ao aire, que serían de pasmo se da boca me desen saído.

Penso e pregunto sen palabras que sería o que aconteceu para isto se producir. Fago suposicións e trato de responder con sentido.

Sería unha tradución de máquina? Seguramente. Unha tradución sen corrixir? Poida que non; mais corrixida por unha persoa profana verbo do mundo da música. Unha tradución dun texto redactado orixinalmente, en que lingua? En castelán, con toda seguridade. E agora vén o colmo do meu pasmo, tanto que os que me ven neste estado, “xa todos prenden espanto”.

A causa do meu espanto vela aquí:

O xornal dixital de onde tomo a noticia, suponse que redacta os seus textos en galego, ou iso se deduce da súa oferta e presentación pública. Así que non creo que esta que nos ocupa, primeiro a escribisen en castelán e logo a pasasen pola máquina e a revisasen. Para que tanto traballo!

Non cabe máis ca unha explicación. A noticia foi redactada en castelán e así lle chegou ao xornal dixital, seguramente; ou na mesma orixe a traduciron maquinalmente, nunca mellor dito, e logo a mandaron.

Onde sería redactada a noticia? Suposición ben encamiñada: no organismo programador dese ciclo de concertos en catedrais. É dicir, na Consellería de Cultura e Turismo. Claro, onde ía ser!

Saio do meu pasmo, bórraseme o teso das faccións, xa ninguén de min prende espanto. Canxa todo, cadra tan ben…! Provén da mesma orixe de onde aquel famoso “Desván de los Monjes” de hai dous anos -lembren os lectores e as lectoras.

Ninguén se espante, pois logo, doutras tachas e eivas en que incorren os redactores dese texto, estoutras referentes á identificación e titulación correcta das obras interpretadas nos concertos.

A tales escritores, profanos no eido da música, quizais non lles haxa que pedir milagres. Porén un pouquiño máis coidado xa deberon ter posto, pobres. Vexamos cales son os títulos orixinais e máis usuais desas obras de W. A. Mozart, compostas en 1791, o derradeiro da súa vida:

Requiem in d-Moll (KV 626)

Konzert A-dur für Klarinette (KV 622).

Se traducisen directamente do alemán ao galego, podían escribir:

Requiem en re menor

Concerto para clarinete en La maior.

En cambio –compárese–, segundo eles trátase de:

Misa de Réquiem en re menor

Concerto para clarinete e orquestra na menor.

Pase o de “Misa de Requiem…”; sobra en todo caso o til da palabra “Réquiem”, por inoportuno, innecesario e non sei cantos outras cualificacións negativas.

O que non ten escusa nin perdón é o título do concerto. Sobra o de “e orquestra”, pois nin pertence ao título nin se precisa; se non houbese orquestra, non se trataría dun “concerto”, senón doutra forma musical. Agora ben, iso de cambiarlle o modo á composición, chamándolle “menor” cando é “maior”! E o peor de todo, o colmo dos colmos da profanidade e da profanación faltaba aínda por vir: o de escribir “na menor” onde tiña que pór “en La maior”; ou, cometido o erro lingüístico e musical antecedente, “en la menor” polo menos.

Isto pasa en Galicia. Noutras partes, tamén?