jueves, 21 de noviembre de 2013

Se perdes a casa, xa non es capaz de volver

“SE PERDES A CASA, XA NON ES CAPAZ DE VOLVER”

XAQUIN CAMPO FREIRE. MANDIÁ,  07-11-2013.

– “Da dor, habitualmente, falan os que non están no sufrimento. E, daquela, de que nos serve? Non será falar para o vento?”. Impresionoume cando llo oín por primeira vez ao meu profesor de antropoloxía. E agora escoiteillo de novo e en carne viva a Lolo.

– “Dos sen fogar e sen teito, dos sen arraigo, escríbese desde os despachos. Outra cousa é que te pille a noite, cada noite, verán e inverno, ano tras ano e non teñas onde acubillarte. Xa non falo de repousar. Nin onde lavarte á mañá seguinte. Con roupa cheirando a mollado e secada ao lombo. Onde comer algo de quente, polo menos algunha vez. E o máis humillante é non ter onde facer as necesidades con intimidade e un mínimo de hixiene. E logo esíxeseche que non deas olor a desamparado para que a sociedade dos “acomodados” non te  refugue tamén polo día. Nin de noite nin de día. Sobramos. Como perdas a casa, xa es de ningures. Sobras en todos os sitios, incluso na familia. Estamos fóra da sociedade e nin sequera somos  grupo. Nin números. Somos os expulsados, os excluídos. Somos a desfeita social. Somos lixo e o lixo só se tolera un pouco tempo no contedor. Hai que apartalo, levalo lonxe canto antes. Prodúceo a “civilización urbana” e logo amoréase lonxe para que podreza ou quéimase. E del, non se queren nin as cinsas que noutrora aínda se aproveitaban para os prados. De nós, nin iso. Triste, non si? Todo foron perdas: Amor, fillos, compaña, casa, irmáns, amizades, traballo, proxectos. E o peor é que te perdes a ti mesmo coa tu propia autoestima e dignidade. Es un ninguén. Ata os cans se veñen cotra ti. Non sei que teñen contra nós. Que ilusa aquela rapaza que na película berraba: «Xuro por Deus que nunca máis pasarei fame». Sen fogar. Hipotecado. Sen saúde e sen sanidade. Sen escola e sen axudas sociais. SEN RÚA, que por veces pensamos que é de todos. Nosa, non: «Hastra lle dan de prestado a beira por que camiña ao que naceu desgraciado».
“Eu fun coma todos. Gozaba de casa, familia, amor, fillos, traballo, proxectos. Unha cultura mediana. Tiña esperanza. Agora son un “excedente” e sen retorno. Son menos do que as bombonas de butano, que teñen retorno.
“Se me atopas na rúa, fálame, por favor. Non me tires a moeda, que a necesito. Pero preciso máis da túa mirada e da fala. Sabes canto tempo levo sen falar con ninguén vendo pasar ao meu rente xente e máis xente? Son ninguén: Non me teñas medo, que non trabo. Non me escapes, saúdame, escóitame, déixame que eu te escoite. Cóntame de ti e dos teus, que me humaniza. Porque ti tamén estás  en soidade, non si? Tampouco es feliz.
“Cando saibas a miña historia saberás de verdade o que é ter a desgraza de perder o fogar. Si. Xa sei que che vou quitar algo de paz. Pero iso só é ao comezo. Logo facémonos humanos.  Domesticámonos, como lle dicía o raposo ao Principiño.
“Como te ves eu vinme, pero como me ves, podes verte ti tamén ou un dos teus”. “Oínlle a un crego, sendo neno, que Pío XII dicía despois da guerra europea: «Hai que refacer este mundo desde os cimentos para convertelo de salvaxe en humano». Ao mellor non lle faltaba razón, incluso para hoxe.
“Eu tampouco reparaba moito nestas cousas. Pasoume como aquilo de Bertolt Brecht ou de quen sexa:«Agora veñen por min, pero xa é tarde».
“Onde está a esperanza? Na sociedade do tres terzos de Reagan e Thatcher, co terzo de exclusión para eliminalo e tiralo ao lixo, desde logo non.
“Unha nova civilización a facer entre todos, incluíndo a nosa dura experiencia de miseria e morte? Tiven esperanza no movemento dos indignados. Ficará algo de humanidade nos partidos políticos? Dos grandes da economía non espero nada. Son insaciábeis. A cobiza failles o saco sen fondo. Devoran ata os propios fillos. Prostitúen todo.
“Tardará en nacer, pero a solución virá polos movementos de solidariedade universal, sen ideoloxías e sen credos.
“Para min, para nós, os da rúa, os sen fogar, tal vez sexa xa demasiado tarde”.
Ti como o ves?

– Grazas, Lolo, polas túas confidencias. Pásolle os teus laios e salaios á sociedade. Os teus desesperos e esperanzas. Tamén as túas bágoas. Unha aperta. Xaquín.


domingo, 28 de julio de 2013

Ënchesenos a boca falando de Concepción Arenal

          Xaquín Campo, bo coñecedor do submundo da prixón e das causas estruturais da delincuencia, escribe con bo siso sobre o senso e a insensatez da institución carcelaria. Concepción Arenal, hai 120 anos, pensaba con máis sensatez sobre estas cuestións do que os nosos "gallardos" políticos e dirixentes de toda pelaxe. Copio e encolo.


ÉNCHESENOS A BOCA FALANDO DE CONCEPCIÓN ARENAL

XAQUIN CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, 26-O7-2013

Se o sistema está podre e non se cambia a auga dese acuario, desa poza emporcallada, non habería que pensar que os do cárcere, a maioría deles, non son senón vítimas destes outros sen lei, sen moral, sen xustiza? A quen nos atreveremos a pór de modelo para esa rehabilitación e nova socialización que tanto pretendemos? Por exemplo: Foi o señor Bush modelo de algo?
Vivimos nunha sociedade onde as grandes institucións ‒banca, partidos, igrexas, Vaticano, IOR, xustiza, exércitos, políticos, policías, etc‒, aparecen moi corrompidas. Se temos nelas e nos individuos un grao tan grande de perversión e podremia, roubo e abuso, capaces de crear unha crise tan xeneralizada e universal como é a actual, a onde poderemos querer levar a alguén para reinserilo, socializalo de novo, rehabilitalo?
Concepción Arenal no 1893 en “La cuestión penitenciaria” xa dicía: “... cuando todos los días vuelven a la sociedad esos hijos que han aprendido en la prisión el mejor modo de herir a su madre, no se comprende que, ni siquiera por egoísmo, esa sociedad no se ocupe un poco más de lo que le interesa tanto”. “Dado el estado de una prisión puede calcularse el del pueblo cuyos criminales encierra”. “Error en las ideas, injusticia en las leyes, corrupción en las costumbres, dureza en el carácter, atraso en la instrucción; todo tiene allí sus terribles comprobantes, todo ha encarnado en seres que han hecho mal y sufren”.
Énchesenos a boca a todos falando agora de Concepción Arenal. Pero quen está disposto a axudar a un preso para recomezar un camiño, sabendo que vai ter os seus altos e baixos? Moitas veces vaise desanimar e volverá caer. Se non ten quen o reciba, nin ten a onde ir, nin quen lle ofreza onde gañar a vida honradamente, que pode facer? 
Estamos dispostos, nestas  nosas sociedades da exclusión, a recibir a alguén que se queira rehabilitar? Dicía ela: “La reincidencia es unas veces efecto de la maldad, otras de la situación en que se halla el licenciado de presidio, con tan pocos medios de ganar su subsistencia honradamente, en una sociedad que no cree en su honradez”.
Sexamos positivos. Na sociedade temos de ir creando unha conciencia social de cambio na mentalidade común, entre todos, que se estenda e se vaia concretando por grupos en iniciativas diversas diante das necesidades. É moito o que xa se fixo nisto. Proba: Hai poucos días celebrouse en Ferrol o Curso “Gurméndez”: Tantos pensadores e divulgadores con iniciativas que se van abrindo camiño. Xustiza restaurativa. Penas alternativas. Traballos a beneficio da comunidade, etc. Casas de acollida. Permisos. Ofrecen novidade as sentencias para menores do xuíz Emilio Calatayud.
Pensemos sobre todo neses rapaces novos que nin empezaron a vivir e foron atrapados desde moi mociños nos ámbitos da transgresión. Con eles, a corrección non é inmediata, vaise adiando. Cando anos máis tarde chega o xuízo, xa nin lembran os delitos, ou teñen un historial ben repleto de delincuencia porque pensaron que todo era impune. Outros, tal vez, xa teñan reorientada a vida. Unha xustiza lenta é inxusta, non é sanante, non é sanadora. Os delincuentes, a delincuencia como tal, no cárcere é unha minoría ben pequena. A maioría son desequilibrados, drogadictos, enfermos psíquicos, sociais e mesmo corporais.
Para que queremos anciáns e vellos no cárcere, aos que a saúde xa nin lles asiste, ou pais e nais de familias en desamparo? Non haberá outras medidas máis rexenerativas? Para que os queremos por longos anos no cárcere? Isto non funciona. Castiga. Vinga. Desestrutura. Non rehabilita. E ademais é moi cara economicamente. Pena perpetua, revisábel, para peor, proclama Gallardón.  E nós, insensatos:  Así debe ser!
Cómpren novas maneiras de pensar e de actuar. Non son inxenuo. Sei das dificultades. Pero tamén sei que ao mundo cambiámolo as persoas. Podemos seguir maldicindo das tebras. Porén xa sería mellor ir acendendo luces por pequechiñas que sexan. Sempre serán máis positivas. Ten que haber outros modos de actuar onde tamén a vítima ocupe o centro e chegue a ser recoñecida de verdade por todos e non esquecida ou encirrada como é agora. Onde tamén ela poida chegar a perdoar con magnanimidade a quen de verdade se lle achega pedindo sinceramente perdón, disposta a  reparala e a reconciliarse. Pero iso supón moito traballo en todos. Tal como a xustiza restaurativa que se vai abrindo camiño.
Temos de ir creando grupos de acollida e de apoio con programas ben estudados e estruturados que faciliten esa reinserción e  nova socialización. Logo os xuíces poderán dalas a elixir como alternativas. Porén se non existen, se alguén na sociedade non as promove, eles non as poden ofrecer. Exemplo: Moitas das realidades do P. Ángel.
Novas utopías. Visitar cárceres por dentro, coñecer persoalmente os reclusos e escoitar as súas preocupacións. Saber das súas familias e circunstancias. Sen paternalismos nin bondades barateiras. Con moito sentido de responsabilidade no que facemos. Acollidas en permisos curtos. Cartearse con alguén algunha vez. Felicitacións polo Nadal. Visitas a quen ninguén vai ver: “Estiven no cárcere e fostes verme”, dixo Xesús de Nazaré. Coñecedes as axudas propostas no filme “Pena de muerte”? A figura do acompañante xa legalizada en EE.UU.?
Ir creando voluntariados que a sociedade toda alente e axude. De non ser así, en solitario, será ben difícil saír adiante, tanto para as persoas como para as familias. É cuestión de ir creando novas realidades. Todo é querer e empezar. Animaríaste a algo así? Calquera iniciativa é máis que nada. Así foron nacendo ASFEDRO, “Aldeas infantiles”, refuxios de anciáns, Reto,  etc.
En Ferrol non temos cárcere. Non somos capital de provincia. Pero temos presos, moitos presos. E, coa que está a caer, teremos aínda máis. E hai presos pobres, moi pobres. Absolutamente indixentes materiais e de humanidade. Recordades como de mozos nos identificabamos con aquel cantar:


“Yo soy rebelde porque el mundo me ha hecho así, / porque nadie me ha tratado con amor, / porque nadie me ha querido nunca oír.
Yo soy rebelde porque siempre sin razón / me negaron todo aquello que pedí, / y me dieron solamente incomprensión.
Y quisiera ser como el niño aquel, / como el hombre aquel que es feliz. / Y quisiera dar lo que hay en mí, / todo a cambio de una amistad.
Y soñar y vivir y olvidar el rencor, / y cantar y reír y sentir solo amor.”
Eses presos son “os nosos presos” e dóennos. Os cárceres son “os nosos cárceres”. Só a nós, a esta sociedade, nos incumbe o que se faga con eles. “Sempre queda o recurso de petar na alma das multitudes ata promover un estado de opinión revolucionaria”, dixo Castelao. O dicionario di: Revolucionario: 4) Persoa con ideas renovadoras. Grande renovador. Revolucionar: 4) Causar mudanza profunda.
Transformación profunda. Iso xa é saír do inmobilismo para ese estado novo de opinión revolucionaria. Non hai dúbida de que moito do que se está a facer, xa está nesas condicións e coordenadas da reinserción e das novas medidas. Soamente se ve ben co corazón. O esencial e invisíbel para os ollos.




miércoles, 6 de febrero de 2013

Todo contra todos


Todo é absolutamente falso. Agás algunha cousiña que foi publicada polos medios.

Todo animal é un ser vivo. Agás algún (animal) que foi degradado polos cientificos evolutivos.

Todo home é un animal racional. Agás algún (ser humano) que foi rebaixado polos psicólogos racionais.

Todo é da cor do cristal con que se mira. Agás o (ser) que non ten cor ningunha nin pode tela.

Todo é verdade e asemade é mentira. Agás os valores absolutos, que por excepción non existen.

Todo é como como diga o que manda. Agás se alguén manda máis e di o contrario.

Todo é dun xeito e do outro. Agás que outra cousa lle conveña a quen o afirma ou nega.

Todo mandamais é inocente. Agás que perda o poder e daquela converterase en culpábel.

Todo súbdito é ruín ou sospeitoso. Agás que diga amén a quen o ten sometido, e só mentres se lle someta.

Todo vale e vai á misa. Agás que sirva aos intereses do adversario e non aos do suxeito que o ditamina.

Nestas dez afirmacións, coas súas correspondentes correccións, está contida a sabedoría dos que teñen a tixola na man e a gobernan ao seu escuro e escaso saber, sen moito ou con moito siso, dependendo do que por isto ou por aquilo se entenda.
Todas elas se reducen ou resumen nestoutra: TODO É RELATIVO. 
En relación a que? En relación Á PROPIA COMENENCIA.


domingo, 20 de enero de 2013

AQUELES TEMPOS QUE DE MOMENTO NON VOLVEN


Velaquí unha nova achega do amigo Xaquín de Roca. Unha gabanza e un laio, gabanza dos que deron a cara polo pobo e o que é xusto desde ámbitos da Igrexa, laios elexíacos e señardade porque cada vez hai menos actores coma aqueles. Copio e encolo sen máis comentarios:


“VECIÑO NECESARIO DA COMARCA”

XAQUÍN CAMPO FREIRE - XAQUÍN DE ROCA, 19-01-2013.

Este 12 de xaneiro celebrouse na Casa Habanera de Guitiriz unha homenaxe a cantos colaboraron na loita contra da contaminación do CASÓN hai 25 anos. A proxección do vídeo “O paso do Casón por Guitiriz” puxo de novo bágoas nos ollos de todos nós e renovou o noxo e o arrepío contra do abuso e desprezo daqueles que, en troques de defendernos, mentiron  conscientemente e masacraron sen piedade.
“O caso do Casón”. Hai 25 anos. Eu tamén estiven alí o tempo que puiden. A distancia na que vivo, era moito máis grande do que hoxe ao non termos autovías. Pero para os nativos de alí a presenza nosa era obrigada. A nosa xente de sangue, de parentela e de veciñanza a quen lle debiamos a vida e a formación, era a que estaba en perigo de vida e de morte. Aínda non sabemos hoxe o que levaban eses bidóns. Nada de bo. En Fisterra morreu xente. Chorando e espavorecidos foron evacuados de noite e sen rumbo.
Quen poida ver o documento audiovisual, terá sorte. Está moi ben feito. Para nada é sensibleiro nin demagóxico. O  relato fica curto. Só historia pura e dura. Testemuños de testemuñas reais. As marcas están aínda nas propias carnes. E no máis fondo da alma latexa unha rabia profunda polo asoballamento da propia dignidade.
“O veciño necesario da comarca”. Non sei aínda de quen é a frase. Con ese título de verdadeira honra quíxose premiar o labor de todos. Porén foi decisivo o inmediato e profético berro de rebeldía e rebelión de Alfonso Blanco Torrado, quen a golpe de altofalante percorreu á présa toda a bisbarra convocando a todos a rebato, con toque de campás incluído. E logo coordinou toda a acción con liderado axeitado, con diálogo, animación e esixencia e ao mesmo tempo coa temperanza heroica e críbel. A xente fiábase del. Nunca lles fallara. Soubo exercer con todos unha terapia imprescindíbel para non deixarse sobordar dos nervos no confronto necesario, sen entrar nas provocacións da senrazón que lles tendían con ameazas, abusos, malos tratos e mesmo con torturas. Era necesario non perder nunca a razón fronte aos verdadeiros delincuentes daquela panda de ineptos de arriba abaixo que, en troques de defender o seu pobo ,conducíannos á miseria colectiva. Disto podo testificar porque fun testemuña directa.
Naquelas datas comprobei en carne propia o que é ser verdadeiro veciño solidario en causa grave e común. Ser cidadán e non escravo. Ser servidor do pobo e non domesticador mentireiro ao servizo dun poder podre, inxusto e abusón. É doado facer homenaxes a tempo pasado. Os riscos foron serios. Estarán volvendo eses tempos?
Aqueles días sentín o gozo de formar parte dun grupo con fala e cultura propias, con conciencia do nós colectivo. E volvín cantar: “Collidos das mans, coas mans de todos faremos un camiño na noite,  dime o corazón que algún día venceremos.”
Reafirmeime no que xa vivira con Pepe Chao Rego, Cuco Ruíz de Cortázar, Antón Aneiros, Vicenzo Couce, Anxo Ferreiro Currás, Ramón Díaz Raña e  moitos outros compañeiros en Ferrol: o que é ser crego na Galiza que nos doe. Que acertada é a  fórmula “sermos o veciño necesario” nas comarcas do rural ou no mundo proletario do meu pobo, sensíbeis e solidarios coa nosa xente que vive morrendo a cotío nas costeiras ou no traballo do mar, e coa a intelectualidade ou co traballo honrado do sector servizos.
Se son sincero, sinto mágoa dunha igrexa actual, tan fóra do mundo e da humanidade.
Hai unha cantiga:“Todos xuntos, xuntos todos, na mesma lingua, no mesmo chan”. Dixo Castelao: Vinde todos traballar á obra. Hai sitio para todos. Non sobra ninguén. Nin os féridos e duros. Entre todos imos facendo posíbel a redenzón da boa nazón de Breogán. Todos merecemos outra oportunidade.
Grazas, Alfonso Blanco Torrado, veciño necesario da comarca. E a Xermolos.  

domingo, 30 de diciembre de 2012

Parabéns, Xaquín de Roca

O noso amigo Xaquín recibirá estes días unha homenaxe. Damos testemuño da nosa solidariedade coa súa persoa e co seu traballo non pausado de loita pola razón e a irmandade. Facémolo lendo e espallando as súas reflexións feitas co gallo do próximo evento.


OS MEUS 50 ANOS DE CADA DÍA

XAQUÍN CAMPO FREIRE, 29-12-2012.

Con iso de que o 07-01-2013 se cumpren 50 anos da miña ordenación sacerdotal os que me queren ben andan a matinar como ‘facerme’ unha celebración. Aos amigos nunca se lles debe facer de menos ou dar de lado aos seus afectos que son sinceros e sanantes. Moitas grazas.
Porén eu non estou excesivamente tocado emocionalmente polo algarismo concreto da data. A razón é que desde o 20-05-1987 eu veño conscientemente celebrando a cotío, en pequenos detalles, por veces mínimos, as cincuentenas vitais da miña existencia. Por voltas, na maioría, nesas celebracións non son eu o verdadeiro protagonista, mas sempre o participante, activamente implicado e vinculado solidariamente.
O espazo e o tempo no que aparecín na miña existencia e o mundo concreto no que vivo agasállanme en cada minuto con motivos dabondo para sumarme á vida, á esperanza, á xustiza, á paz, á alegría, ao amor, á consideración positiva, á autoestima, ao traballo, á doazón, á amizade, á fe, ás utopías dos grandes homes e mulleres que entregaron a vida por un mundo mellor.
Entre elas para min conta esencialmente Xesús de Nazaré e a súa Boa Nova. Desde esa persoa e a súa praxe aprendín a entenderme e quererme como home, nado na Galiza.
Tendo fala, cultura e expresión de nós son capaz desde elas de entender mellor e con todo respecto, fondura e liberdade os sentimentos e os pensamentos non só de cada persoa en concreto, senón tamén de aprender a valorar cabalmente e con maior sensibilidade un mundo e un universo do que somos responsábeis persoal e comunitariamente.
Desde o primeiro intre dos nosos comezos, (digo ‘nosos’ por sermos xemelgos), todo foi celebración. E así aprendín que debo celebrar non só o día dos 50 anos, senón os cincuentenarios que vou acadando cada día dos meus xa sobrepasados 75.
Parece un paradoxo que nacendo no 1937, con todo esnaquizado e no medio da guerra, con fame, frío, miseria, morte, torturas, medo a esgallo, silencio imposto, (neno, diso non se fala), sen comida, sen roupas, sen escolas, sen médicos, sen remedios nin menciñas, abusos, racionamento, ‘cupo forzoso’, estraperlo, exilios, etc., me poña eu agora a falar de celebración.
Pois mesmo por iso. Porque umbilicado na casa e familia de Xaquín de Roca tivemos a sorte de aprendermos a abrírmonos ao mundo con humanidade e con corazón. (Porque só se ve ben cos ollos do corazón). E diso non nos faltou nin na familia nin na comunidade parroquial. Nin sequera ficando sen nai tan cediño, tanto que xa nin sabemos da cara dela, mas si do seu alento após o seu esmorecer. Ese alento vital que transcende as lindes estreitas deste sermos en limitación. Hai un alén, que acontece cada día, que vai máis alá da fenomenoloxía das simples aparencias. Pero iso ten de ser traballado con siso. Criticamente. Non valen as versións máxicas. Só hai unha pura celebración: A da vida de cada día, cos seus tempos e espazos creativos, nos que van confluíndo en cada intre todo canto foi causa dese noso ser que foi chamado ao existir.
Certo que vale a pena celebrar, pero non a golpes das ferveduras gasosas dun día, senón na valoración profunda e agradecida de cada minuto que respiramos, incluídos os que supuxeron perdas, dor, desprendemento, adeuses, sufrires e grandes prantos. A todo hai que encontrarlle de novo o seu sitio vital na propia experiencia. Non. Non é doado. Pero é onde unicamente a vida atopa a súa auténtica orientación de sentido, nesa celebración consciente e agradecida de cada minuto. Solidariamente.
Anni-versarium: Percorrido da vida ao longo dun ano en sentido circular ou mellor en espiral. Cabodano: É a data na que se cumpre un ano dese versari annum. Son conceptos diferentes que implican actitudes distintas.
Para min a dinámica da espiral, avanzando sempre cara ao futuro e ao mesmo tempo envolvendo a riqueza do acontecer nun continuo proceso de feedback, resúltame máis atraínte do que unha celebración estática con tentacións de parar o tempo nunha data ou mesmo fixalo nunha mirada retrospectiva chea de nostalxias, ás veces fosilizantes.
Os erros están para corrixilos, os acertos para potencialos. E ao final, a vida, para entregala calada e humildemente á historia. Hai un canto do que eu gosto: Tómame a min coa miña historia, Señor. Isto é o que eu quero celebrar convosco. Graciñas por estardes aí sempre neses percorridos vitais. Dime o corazón que algún día venceremos. 

lunes, 22 de octubre de 2012

Eleccións galegas 2012


Que foi! Que foi o que pasou?

Hai quen non o entende. Polo que, con pena e sorpresa, xorde en moitos esta pregunta. Vou tentar de entender, e explicar quizais a outros, que foi o que pasou.

As vellas herdanzas

Para comezar, nada se pode explicar se non o referirmos a uns pousos ou antecedentes que aí están, vellos, seculares. Galicia vén sendo material e mentalmente sometida desde hai séculos á economía, a política e a ideoloxía españolistas. Non hai volta de folla. Os de alá entraron acá desde o século XIV e foron paulatinamente facéndose cos bens, coas ideas e coas persoas, principalmente coa pequena parte de poboación urbana autóctona, pois esta, por interese ou por engano, mesturouse –mestizouse– e consolidouse, fíxose unha, cos que viñeran de fóra mandar en nós e aproveitarse. A maior parte da “pobre” burguesía galega é herdeira desa vella herdanza.
En segundo lugar, esta mestiza poboación urbana e a súa mentalidade, incluídas a lingua e ideoloxía, acadaron a admiración e o desexo de imitación e conquista por parte das camadas suburbanas e rurais de Galicia. Aínda hoxe, fágase  a proba de preguntar: Quen, pertencente a esas clases baixas, rexeita a súa asimilación ou inclusión na sociedade chic dos vilegos e vilegas e dos a eles asimilados en diñeiro, modos de vida, poder e lingua –a lingua castelá, claro está?
Alguén se encontrará, sen dúbida. Unha minoría, porén. Persoas con boa capacidade de análise social, asunción de valores igualitarios e vontade de crítica e cambio das vellas estruturas de dominación. Esas persoas, as conscientes e humanitarias, en primeiro lugar. Tales condicións, de seu, non poden ser senón escasas, minoritarias.
Logo, alguén se encontrará tamén que non se deixe levar daqueles desexos de asimilación,  por algunha outra razón, como podería ser unha ideoloxía esquerdista inducida sen demasiada conciencia ou, se cadra, tamén un negativismo radical máis ou menos fundamentado.
O caso é que tanto a burguesía brevemente descrita enriba como a grande masa dos admiradores dos seus valores e ideoloxía tenden, por coherencia de uns co seu status e de outros  coas súas aspiracións, a se sentiren protexidos só ou moi preferentemente polos partidos españolistas de dereitas ou de centro esquerda. E tal tendencia é de raíz ideolóxica principalmente. 
Secundariamente hai motivos doutro tipo. Entre estes están os de relación clientelar e caciquil, que se manifesta na consecución por vías irregulares de: asfaltado de camiños e campos de festa, subvencións das deputacións a asociacións veciñais ou culturais e ás comisións de festas, colocacións dos fillos en postos de traballo, recomendacións en oposicións, etc. A rede así tecida é constrinxente e influente. Aínda que isto poida soar a que describimos unha situación pretérita e predemocrática, cómpre recoñecer con máis ou menos vergoña que é real e podente hoxe en día, e sobre todo aquela que depende ou se nuclea arredor do Partido Popular. O carrexo de votos, fenómeno evidente e innegábel, opera no interior desta rede; aínda que na eficacia da rede en canto á atracción de votos, a atribuíbel ao carrexo supón soamente unha pequena parte. 
Finalmente, debe entenderse que os medios de comunicación e os demais instrumentos de creación de opinión están, e desde hai uns anos moito máis, nas mans daquela burguesía. Así que, por estoutra banda, ben se ve que influencias se pode esperar deles en canto a orientar o voto popular. E logo, a igrexa galega institucional. Pois xa se sabe con quen está, cos que non a contradín; aínda que logo fagan o contrario do que din. É dicir, en Galicia, co PP.

A mala experiencia do bipartito

A verdade completa é que non foi unha experiencia tan mala como pareceu nin, moito menos, como pregoou daquela, e aínda onte, o PP. Mais non foi boa, hai que o recoñecer. 
As diferenzas entre o sector do PSOE e o do BNG no goberno bipartito non foron tantas nin tan obtusas como a lectura interesada do PP lle fixo ver á xente. Algunhas certamente foron soadas, por culpa dos propios conselleiros, secretarios e subsecretarios. Despois os medios de comunicación encargáronse de as airear e avultar.
Unha delas, a máis prexudicial polo ruído e pola proximidade ás eleccións de 2009, foi a referente ao concurso eólico. O candidato do PSOE a estas do 2012 rexía a consellería que máis receos e atrancos opuxo, e isto sen ningún disimulo, ás decisións do seu propio goberno referentes a aquel concurso eólico convocado desde a de Industria rexida polo BNG.  Tal concurso, segundo as posteriores avaliacións económicas, ía ser moi beneficioso para Galicia e, segundo as sentencias xudiciais que recaeron tras a súa denuncia e anulación polo goberno de Feixoo, resulta que as súas adxudicacións eran plenamente legais. Por aquel PSOE e este PP, Galicia deixou de ser dianteira na produción de enerxía eólica e por riba aínda vai haber que pagar indemnizacións millonarias ás empresas que gañaran o concurso.
As diferenzas e contradicións do bipartito foran gravemente esaxeradas pola propaganda do PP. Sobre todo na campaña pouco limpa e moi mentireira que este partido fixo para o 2009, con grande éxito, xa se viu. Desta vez non fixo falta tanta mentira. Mais a vella vacina aínda era activa no corpo de moita xente. A simple suxestión de que a alternativa ao PP sería outro goberno bipartito, mesmo multipartito –falaron a eito de un formado por cinco partidos, aínda que como moito seríao de tres candidaturas– foi eficaz. Así conseguiron que moitísimos votantes potenciais do PSOE se abstivesen ou votasen por Alternativa Galega de Esquerdas.
O relativo éxito desta nova candidatura é facilmente explicábel. Recibiu varias achegas ou contribucións de grupos de votantes. Un deses grupos é o de votantes anteriores do PSOE, de tendencia máis esquerdista do que centrista e que, na súa maioría, irían a Esquerda Unida se esta non formase parte da Alternativa Galega de Esquerdas.  O dos fieis tradicionais de EU tamén os conto, claro está; aínda que coido que a súa achega foi a máis feble. Outro grande grupo, coido que o continxente maioritario, foi de antigos votantes do BNG,  persoas que cambiaron o seu voto ou por seren partidarios de Beiras e os Irmandiños na liorta pola que estes deixaran o Bloque, ou porque entenden que Beiras fará unha oposición moi efectiva e potente, ou porque –estes serían os menos– desconfiaban, ou ata renegaban, dun posíbel bipartito.
Referente a esta última razón, fun hai unha semana testemuña e ata partícipe de certa conversa entre varias persoas que, segundo sei ou confesan, adoitan votar BNG. Discorría a leria entre eles sobre as previsións do que podería pasar se o PP perdese a maioría absoluta. Dábase por suposto que Beiras acadaría un bo resultado, uns seis ou sete escanos segundo lle atribuían as últimas enquisas. Consideráronse todas as posibilidades. Excluíuse case con seguridade a de Beiras entrar no goberno, prevendo que o multipartito resultante sería disfuncional. Temíase un bipartito PSOE-BNG porque, á marxe das diferenzas entre eles, dificilmente poderían aturar unha dura oposición pola dereita e outra forte e intelixente pola esquerda. Conclusión que se tirou daquela conversa e hoxe vexo máis clara: que un goberno de esquerdas nestas circunstancias podía resultar moito peor para Galicia do que a repetición do goberniño de Feixoo, e faría excelente o suposto bigoberno de Touriño. Así o dixo de forma expresa un dos participantes na conversa, e os demais, con maior ou menor convencemento, asentimos ou pouco menos.

A solución menos mala, que pode ser terríbel

Segundo vimos discorrendo, podemos dar por feito que o resultado foi finalmente a solución menos ruín de todas as que podían saír. Isto de ser a menos mala, aínda que mala, dío o mesmo pobo e dino particularmente os propios votantes potenciais do PP, pois unha parte importante deles preferiu absterse antes ca revalidar o seu triunfo. Se aínda así venceu, foi porque moitos máis votantes do PSOE tamén se abstiveron, quizais levados da mesma convicción, a de que a solución PP era a menos mala nas actuais circunstancias. Aquí está con seguridade o quid da explicación. A abstención dos votantes oscilantes, centristas, do PSOE fixo posíbel a vitoria do PP, a solución menos mala para eles e poida que para moitos outros cidadáns.
O peor do caso é que esta solución pode ademais ser terríbel. Se non, convido o lector a moi rapidamente avaliar os danos padecidos por Galicia nos tres anos e medio de goberno de Feixoo. Desde a súa chegada aumentou o paro en maior porcentaxe do que a media do Estado e cada mes están emigrando uns 2000 mozos galegos relativamente ben formados. Nestes tres anos a débeda pública de Galicia case se triplicou e os beneficios non se viron. Nestes tres anos desapareceron unha chea de subvencións culturais ou diminuíron moitísimo, non así outras relacionadas co mantemento da rede clientelar do PP. Nestes tres anos desapareceron a maioría dos poucos, aínda que necesarios, medios de comunicación en galego; se os medios en castelán nunca deixaran de ser asoballantes en dominio, agora son practicamente os únicos, como o eran antes da transición democrática. Nestes tres anos coutouse a promoción pública da lingua galega, aínda que nunca fora grande, contra o que se mentiu desde o goberno de Feixoo e desde a súa base urbana burguesa e empresarial. Durante este goberno e baixo a súa supervisión perdemos as caixas de aforros, e o banco resultante da súa evolución ou dexeneración ten moi malas perspectivas. Nestes tres anos e pico tomáronse graves decisións gobernativas referentes á sanidade e tendentes á súa privatización e empeoramento.
E cando estes e outros moitos males se incrementaren, de quen se queixarán os que os viren? De nós, seguramente, que non o soubemos facer mellor. Porén, como enriba se expuxo, as causas profundas remiten a tempos máis antigos, aqueles en que os nosos devanceiros se deixaron levar á horta sen apenas resistencia. Aínda que nós temos a nosa parte na lea e cada vez está máis claro que non acertamos a desenleala. Pobre de nós e dos que veñan tras nós!


miércoles, 19 de septiembre de 2012

Cadea perpetua revisábel?




Sobre a idea e vontade do Goberno tendentes a apretar canto se poida as penas coa enésima reforma do Código Penal, discorre desta vez a reflexión crítica e compasiva do noso amigo:

CADEA PERPETUA REVISÁBEL?

XAQUÍN CAMPO FREIRE.. 19-O9-2012.

“Viva la muerte! Muera la inteligencia!”, berrou contundente Millán Astray na Universidade de Salamanca. “Viva  la vida!”, retrucou Unamuno.
Dª Carme, a esposa do ditador emerxente, salvouno sacándoo polo brazo da súa cátedra da sabedoría. Os grillóns craváronselle na alma. Ao pouco tempo, 31-12-1936, Unamuno morría el soíño na súa casa. Acababan de aplicarlle a cadea perpetua.
“Cadena perpetua revisable”, para agravala, Señor Gallardón? Levan tempo berrando ese “santo e seña”. D. Federico Trillo deixoulle o camiño “trillado”. Teñen vostedes un público moi afervoado. Nas mortes da Inquisición a xente ía presenciar as piras e berraban a coro consignas parecidas. No Coliseo Romano: “Panem et circenses”. E o polgar para abaixo. Necesitábase morbo. Agora tamén.
Hai días presenciei isto.Un funcionario, gran persoa por certo, díxome: “Acompáñote ata a saída.” Nisto, saen dous obreiros dunha empresa que están a reforzar un muro que repisou e vaise esbarroar. (Será isto unha alegoría dun muro que se rebela e non  quere ser outro de tantos muros de cerramentos: Berlín, Israel, EE. UU.-México, campos de concentración, campos de refuxiados, de inmigrantes, etc.?). Recordei o canto “¡Abajo la muralla!” ou  “¡A desalambrar!”  E botei de menos a Labordeta.
Saudámonos. O máis novo dos obreiros expresouse así: “Viven como Dios -e cagouse nese Señor para reforzar o enunciado-. Comen, visten, fuman, toman café. Que máis queren! Non fan nada. Con nós son moi educados, eh! Incluso se desviven por botarnos unha man. E, tamén hai que dicilo, está todo moi limpo. Nin unha cabicha polo chan. Eu é a primeira vez que traballo aquí. (Non sabían que estaba nun módulo de Respecto, nin que o cárcere non é todo así. Estaban a ver a parte máis “suave”). O funcionario escoitou atentamente. Ao final, moi digno, só lle dixo: “Se se vive como Dios, por que non aproveita vostede? Pódense esgotar as prazas e pode perder unha oportunidade. Fique xa aquí.” “É que eu teño familia”, respostou. Fóronse.
O funcionario, apesarado, díxome: “Con esta mentalidade non se pode cumprir a Constitución que fala de reeducación e reinserción. E isto non é todo. A meirande parte dos políticos, e mesmo dos profesionais das leis, nunca viron un cárcere, nin un recluso, salvo para facérense unha foto e encheren a boca. Estes polo menos falan con eles.”
Fixen unha tesiña sobre o cárcere nun posgrao de Humanización. Digo isto para acreditar que tiven de ler libros abondo dos mellores xuristas. Concordan nisto: O Código Penal español é un dos máis ríxidos de Europa e estase aplicando con dureza, cando o índice delitual é dos máis baixos. Non fai falta reformalo coa cadea perpetua porque, na práctica, iso xa se está facendo. Corenta anos non son xa unha cadea perpetua?  Sen contar con que a maioría dos penados son patoloxías psiquiátricas e sabendo que nos cárceres están só os pobres, os dunha escala social para abaixo.  
Se a vostede, señor Gallardón, e aos que o seguen, os pechan corenta anos, cando saian para onde van? Para que serven? Quen os recibe? É ese o modelo de sociedade que de verdade nos propoñen? Un pixama de pino cos pés para adiante?
Xa sei que hai vítimas. E hai que atendelas de verdade e non xogar con elas. Non electrizalas con máis dor e odio. Xa teñen abondo. Non vale o que estamos a facer con elas. E falo en primeira persoa. Estou en contacto con elas.
Póñolle un exemplo para rematar. Un interno (é máis eufónico que chamarlle preso) pediume: “Podes ir ver a miña nai e estar con ela unha miguiña?” Cando volvín de vela, entendín a cadea perpetua. Aqueles nenos cheos de lama e esfarrapadiños xa estaban na cadea perpetua. Só lles falta medraren un pouco máis ou que vostedes rebaixen a idade penal, do que xa están a falar. O do cárcere remitíalles cen euros/mes.
Sinceramente, Don Gallardón, téñolle pánico. Non tanto á cadea perpetua, nin ao de “revisábel”. Téñolle auténtico terror ao modelo de sociedade que vostede, vostedes, nos están creando. Volvemos á selva. Ao espírito vindicativo. De aí a “Viva la muerte!”, en tempos dunha crise socio-económica tan forte que nós non creamos, non hai máis que deixar pasar dous anos.
Na  próxima tolemia tipo das dos Estados Unidos e un programa máis de televasura, xa reinauguramos as leis que nos legou o que en paz descanse. E hanlle chamar “Reinserción!” Que lle vaia bonito!, don Alberto.